Resiliencia na aula: Docentes e alumnado

A Resiliencia

 

Continuando no meu progreso de elaboración do portafolios, voume centrar nun termo do que se falou nunha clase cando tratabamos os docentes como catalizadores da sociedade do coñecemento.

Como punto de partida citaremos que según a R.A.E (Real Academia Española) a resiliencia en psicoloxía é a “capacidad humana de asumir con flexibilidad situaciones límite y sobreponerse a ellas”.

Facendo un traballo de investigación a través da rede, mediante a relación do termo e a función da docencia, atopei un documento de gran interese,  que considerei oportuno destacar e comentar.

Como podemos observar no documento, na parte correspondente a resiliencia, a mesma pode ser innata ou adquirida. Isto é debido a que as persoas poden evolucionar e cambiar o seu xeito de pensar , o que lles permite ter maior capacidade de resistir situacións frustrantes. Neste punto debo destacar que esa capacidade de superación pode desenvolverse a calquera idade, xa que o cambio non está condicionado pola idade, senón por ter a convicción de que se pode cambiar.

Outro aspecto a ter en conta é que a resiliencia a podemos favorecer na educación das persoas. No ámbito educativo débese fomentar a resiliencia para xerar actitudes e comportamentos positivos ou evitar o illamento social que pode levar a problemas maiores como a violencia ou a marxinación.

Polo tanto e posto que é fundamental fomentar a resiliencia no alumnado, os primeiros que deben posuír esta capacidade son os docentes. Para iso, teñen que sentir que forman parte da institución e ter un desenrolo profesional e formativo permanente mediante o interese por aprender e capacitarse para a súa labor. Polo tanto, os docentes deben sentirse valiosos e importantes.

Xa para concluír diremos que para construír a resiliencia dentro da aula débense enriquecer os vínculos en canto o clima da institución, fixar uns límites claros e firmes, ensinar habilidades para a vida, fomentar a solidariedade e cooperación, transmitir expectativas elevadas e favorecer a participación igualitaria de todos.

 

Webgrafía