Luis Miguel Velay Vivel

Despistado por tratar de atender a mil cosas al mismo tiempo, pero currante e interesado en mejorar en todo momento.

¿Qué tipo de asesores nos podemos atopar segundo a súa acción?

Na entrada anterior do blog referinme ós modelos de orientación, que nos supoñen unha gran axuda á hora de intervir, posto que como dicía Solé na súa definición, un modelo é “una teoría o marco explicativo de la realidad que supone un posicionamiento teórico-conceptual, que delimita las estrategias y procedimientos y el tipo de intervención a realizar.” (Solé, I. 1998: 41). É dicir, os modelos axúdannos a comprender cómo actuar, e segundo a forma en que decidamos actuar, relacionarémonos cos demais dunha determinada maneira. Por tanto nesta entrada gustaríame falar dos diferentes tipos de profesional que distinguimos segundo o proceder do asesor nas relacións que manteña cos demais.

Para realizar dita clasificación, empregarei as achegas de diversos autores e logo comentarei algunhas das características que eu identifico con eses tipos de proceder. Así pois os diferentes tipos de profesional dos que podemos falar, baseándonos nas relacións que o asesor mantén cos seus compañeiros, son os seguintes:

  • Burocrática, experto consultor, dinamizador ou “amigo crítico”. Clasificación realizada por Moreno de Olmedilla (2004).
  • Técnico operario “reparador”, colaborador animador ou transformador investigador. Clasificación realizada por Fernández Sierra (1995:57).
  • Experto infalible ou práctico reflexivo. Clasificación realizada por Imbernón (2004).

Agora explicarei con máis detalle qué implica unha ou outra forma de actuar:

  • Burocrática: a relación do asesor cos compañeiros limítase ó unicamente establecido pola lei, cómprense as funcións que lle son propias pero as relacións cos demais vense como algo forzoso, e que hai que cumprir porque ven imposto, pero non existe interese nin se comeza unha relación produtiva de forma espontánea. Isto pode facer que o traballo do asesor sexa pouco proveitoso.
  • Experto consultor: o asesor considérase un experto ó que acudir cando existen problemas. É o encargado de propoñer a forma de solucionar as dificultades porque é o máis cualificado para facelo. Pode ser visto coma unha figura con estatus superior ó resto de compañeiros, existindo así un distanciamento entre o asesor e os demais.
  • Dinamizador: o asesor encárgase de promover escenarios e accións que impliquen a interacción entre os membros da comunidade educativa. Trata de propoñerse a colaboración como motor de cambio, como algo necesario para a mellora da educación, deixando de verse a relación cos demais como algo forzoso e inútil. Pode supoñer un feito importante para lograr a calidade educativa, ademais da apertura da escola ó entorno e a participación de pais , nais e outros membros do entorno escolar na realidade educativa.
  • “Amigo crítico”: o asesor mantén unha relación de horizontalidade co resto dos profesores, pero asesorándoos e aconsellándoos cando sexa necesario. O asesor actúa de forma proactiva, anticipándose ós problemas a través da relación e o contacto cos seus compañeiros.
  • Técnico operario “reparador”: a función do asesor é reactiva. Céntrase en resolver aqueles casos problema que se presentan, de forma individual. Polo tanto a relación co resto de compañeiros do centro é secundaria, o principal é resolver os problemas.
  • Colaborador animador: o asesor mantén unha relación de igualdade co resto dos profesores do centro, traballa de forma colaborativa con eles. Esta relación ten que ver coas accións levadas a cabo, é dicir, coa práctica, prestando o apoio necesario ós compañeiros.
  • Transformador investigador: prodúcese unha relación de colaboración entre o asesor e a comunidade educativa, tentando de mellorar en todo momento as prácticas e a calidade, pero a través sempre da cooperación e o traballo conxunto. A relación vese como algo produtivo, necesario e desexable, no que se implican todos os membros da comunidade, abríndose a escola á participación das persoas do entorno.
  • Experto infalible: o asesor ocúpase das problemáticas que xorden no centro, aplicando os seus coñecementos a fin de mellorar as situacións desfavorables. Non existe unha relación de traballo colaborativo co resto de compañeiros. A súa labor como pode apreciarse é principalmente reactiva.
  • Práctico reflexivo: mantéñense relacións de colaboración coa comunidade educativa. As relacións buscan a mellora da calidade educativa e das prácticas, a través dunhas relacións que se ven como produtivas e desexables. Existe un contacto co entorno, non se limita á realidade do centro.

Como se pode ver, moitos destes tipos de profesional apenas prestan diferenzas entre si, nin todos os profesionais se clasifican nun ou noutro tipo. Debemos ter en conta as características expostas en cada caso, e ver así en que modelos se podería enmarcar cada asesor, pois pódese situar en varios destes tipos ó mesmo tempo, e mesmo en diversas situacións podemos actuar dun modo diferente.

As principais características que considerei son: relacións forzosas ou non, apertura ó entorno ou non, relacións de igualdade ou de diferente estatus, traballo colaborativo ou traballo individual, accións reactivas ou accións proactivas, dirixido a todos ou dirixido a un individuo ou a un grupo e busca da innovación ou non.

Así pois a clasificación que acabo de realizar é únicamente orientativa, unha correspondencia entre os modelos de orientación e asesoramento coa práctica. ¿Ocórrensevos máis tipos de actuación dos profesionais en asesoramento? ¿Parécevos correcta a clasificación que realizo?