As "TIC/TAC"

Fai uns días, durante as prácticas, unha das miñas compañeiras solicitou información sobre as TIC/TAC.  Ante isto, considerei oportuno investigar e aportar dita información e reflexións no meu portafolios, posto que estaba directamente relacionada ca materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado.  Así mesmo, resulta un complemento perfecto o aportado na primeira entrada “Comezo dunha nova etapa: Reflexión sobre as novas tecnoloxías e a formación do profesorado”, xa que nesta entrada profundizarei máis na temática.

Cando falamos das TIC (tecnoloxías da información e comunicación) e as relacionamos co profesorado, tense por obxectivo dotar o profesorado de formación para dominar as novas tecnoloxías. Se analizamos este punto, pódese destacar que os destinatarios da formación conseguen manexar as diversas ferramentas pero carecen dunha metodoloxía para poder darlle un uso formativo. 

Polo tanto, é aquí cando falamos do concepto de TAC ( tecnoloxías do aprendizaxe e do coñecemento). As TAC pretenden dar a coñecer e explorar os diversos usos didácticos que as TIC teñen para o aprendizaxe e a docencia. As TAC queren ir un paso máis lonxe e analizar as diferentes ferramentas tecnolóxicas e as súas potencialidades para a aprendizaxe e adquisición de coñecementos. 

Cabe destacar que os coñecementos tecnolóxicos son importantes, pero máis importante é coñecer os seus usos e posibilidades, polo que é necesario facer un análise crítico dos diferentes recursos tecnolóxicos para determinar cales son máis adecuados para a adquisición de determinados coñecementos e ante diferentes destinatarios. 

Polo tanto e para alcanzar isto, requírese innovación pedagóxica que signifique un cambio no sistema , no cal se aproveiten os recursos tecnolóxicos dos que dispoñemos dende tódolos aspectos posibles. En definitiva, débese procurar un cambio do “aprendizaxe da tecnoloxía” ó “aprendizaxe coa tecnoloxía”.

 

Webgrafía