Practicum II

O lugar onde desenvolvo o Practicum II do Grao de Pedagoxía é o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia) creado no ano 2000, sendo o primeiro museo con estas características en todo o Estado e a súa finalidade é promover, desenvolver a recuperación, salvagardar, estudo, mostra e difusión do legado pedagóxico de Galicia.

O MUPEGA contén na planta baixa unha gran biblioteca, un salón de actos, unha ludoteca, unha representación de unha aula antiga a dispor dos visitantes, unha exposición dedicada a educadores galegos, unha mostra representativa de materiais didácticos, unha mostra de xoguetes e a peza do mes; . No primeiro andar atópase unha exposición adicada á infancia e aos xoguetes, unha representación dun despacho da inspección, unha aula típica de Indianos e unha sala adicada á emigración galega en América e a súa achega coas chamadas escolas de americanos e a exposición temporal que se trata dunha colección de láminas educativas. No segundo andar atopamos diferentes aulas de diferentes épocas, un laboratorio, unha parte adicada á educación especial e outra á formación profesional. No soto da institución atópase un gran depósito de material, un taller de restauración e un espazo reservado para a investigación. 

O Practicum II ten como unha das dúas finalidades aplicar o proxecto deseñado durante o Practicum I, recomendándose así que ambos se realicen na mesma institución. No meu caso, aínda que cambiei a institución con relación á do ano pasado, a execución do proxecto veuse imposibilizada por diversos motivos como por exemplo a falta de visitas ao Mupega.

Gustaríame facer unha pequena relación entre ambas estadías de prácticas. Por unha banda, o Practicum I realiceino no Museo Provincial de Lugo que pertence á Rede Museística Provincial de Lugo (incluíndo tres museos máis, o Museo do Mar, o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor) onde o meu traballo principal foi o deseño de varias unidades didácticas dirixidas a escolares desde Educación Infantil á Bacharelato sobre a Igualdade de Xénero para ser levadas á cabo no mes de Marzo que a Rede dedica a esta temática. O proxecto debería ser utilizado nos catro museos da Rede sendo de temáticas moi diferentes. Por outra banda, este ano as prácticas foron realizadas soamente nunha institución cunha temática moi clara polo que a realización de proxectos pode ser máis sinxela á hora de ter que traballar nun mesmo tema, pero pode que non presente tantas alternativas.

O financiamento e os recursos tamén marcan unha clara diferenza nos proxectos nos que podemos levar a cabo; no Museo Provincial de Lugo contábase con máis recursos tanto humanos como materiais que facilitaban a posibilidade de traballar temáticas moi diferentes con públicos diferentes tamén, sen esquecernos de dar a coñecer o noso patrimonio e o resto de actividades nas que se vía involucrado, polo contrario, no Mupega os recursos eran máis limitados, complicando a posibilidade de ter un museo máis activo e reducindo as súas posibilidades á visitas escolares dando a coñecer a institución e os xogos tradicionais.

A utilización das TIC en Museos e outras institucións culturais é moi importante aínda que non o pareza porque non podemos pensar soamente na idea que temos de utilización de TIC nun contexto que é a manipulación de novas tecnoloxías en ese contexto. Pero as novas tecnoloxías son máis que iso, estas permítennos comunicarnos e facer chegar a nosa mensaxe a toda a rede, polo que debemos insistir na creación de páxinas webs actualizadas e que inclúan todos os contidos dos museos e as súas actividades de forma sinxela e interactiva e tamén na utilización das redes sociais como Facebook ou Twitter, xa que a cantas máis persoas lle chegue a mensaxe, máis persoas visitarán fisicamente estas institucións e participaran activamente en ela. Un museo baleiro reduciríase a ser un simple almacén e é necesario crear cultura desde a cultura, é dicir, ter a capacidade de interacción e reflexión necesaria para crear novos coñecementos e novas visións dos mesmos utilizando como guía o noso patrimonio cultural.

Se seguimos coa comparativa, invítovos a acceder ás páxinas web de ambos museos e vos mesmos notaredes claras diferenzas.

MUPEGA: http://www.edu.xunta.es/mupega/

Rede Museística Provincial de Lugo: http://www.museolugo.org/ Twitter https://twitter.com/MuseoLugo e en Facebook tamén o podemos atopar como usuario http://www.facebook.com/javi.museoprovincial.de.lugo?fref=ts e como páxina http://www.facebook.com/redemuseisticaprovincial?fref=ts

En relación ao exposto gustaríame saber a vosa opinión sobre a importancia que lle dades aos recursos, tanto materiais como humanos, en institución culturais como os Museos onde a maior parte teñen unha colección permanente e, en moitas ocasións, se utilizan como lugares onde expoñer, sen crear ningún tipo de feedback. Están en perigo os nosos Museos por mor da crise e os recortes? Estes recortes tamén afectan ao uso das TIC en este tipo de institucións?

Gracias pola vosa colaboración.