Análise LOE - LOMCE

Por ...

LOE vs LOMCE 

 

Nesta nova entrada ó blog, realizarei unha pequena comparación entre a LOE e o anteproxecto da LOMCE, destacando os puntos nos que tras analizar as dúas leis na clase máis chamaron a miña atención.

 

-          Currículo.  Neste aspecto ademais dun cambio substancial nas materias que os alumnos cursarán, o aspecto que máis chamou a miña atención foi a fixación dos contidos comúns nun 65% nas CC.AA. que teñen lingua oficial e un 75% nas demais, é dicir, un 10% máis que na LOE. Isto quere dicir que se produce unha maior centralización do sistema educativo polo menos desde un punto de vista cultural e de contidos, o que na miña opinión supón un retroceso na identidade cultural gañada nos últimos anos polas comunidades españolas, principalmente por aquelas que teñen unha lingua e unha historia propia.

 

-          Lingua estranxeira. En relación a este punto, o que máis me chamou a atención foi o feito de que a LOMCE determina que a lingua castelá ou a lingua cooficial só se empregarán no ensino de lingua estranxeira como apoio, o cal creo que pode poñer solución ó problema que en España existe coa aprendizaxe dunha lingua estranxeira no sistema educativo: todos sabemos escribir e ler inglés, pero non temos a capacidade de entender e falar con soltura. Deste xeito favorécense os aspectos ós que ata o momento non se lles daba importancia: a comprensión e a expresión oral.

 

-          Avaliación. En canto á avaliación, o feito máis relevante que inclúe a LOMCE é a determinación dunha proba de avaliación que se realizará ó finalizar o terceiro curso de Primaria, que en caso de ofrecer un resultado moi negativo por parte do alumno levará á repetición de curso. Esta medida non me parece favorable, xa que o importante na etapa á que nos estamos a referir non é a realización de avaliacións que nos leven á unha toma de decisións en base a probas puntuais, senón a atención específica a cada alumno (especialmente a alumnos con problemas), creando sistemas de reforzo e de apoio que axuden a que o alumno supere os posibles problemas que atope.

 

-          Proba de acceso á universidade. A proba de acceso á universidade como era entendida pola LOE deixará de existir, dando lugar a unha Avaliación final de Bacharelato que será unha proba que realizarán ó finalizar esta etapa os alumnos con tódalas materias superadas. O aspecto máis novidoso en relación a este aspecto é que esta proba se realizará no propio centro, sendo calificada por expertos externos.

 

-          Segregación. Este foi un dos puntos que máis chamou a miña atención na LOMCE, xa que a diferenza da LOE, cando se fala da non discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera condición ou circunstancia persoal ou social, no novo anteproxecto de lei engádese  a aclaración de que esta afirmación non será  ningún impedimento para que os centros de educación diferenciada por sexos podan recibir o seu concerto. E é que se o que se busca é unha educación sen discriminación, esa afirmación debe ser clara e concisa, sen aclaracións, polo que ofrecer concerto ós centros que segregan ós alumnos por sexos supón a mesma discriminación que separar ós alumnos por razas ou relixión, xa que ofrecer concerto a eses centros supón tirar abaixo a afirmación de falar da non discriminación.

 

-          Consello escolar. O Consello Escolar convértese nun órgano consultivo, perdendo gran parte da súa autoridade, as cales quedan limitadas practicamente a unha tarefa informativa, eliminando tódalas súas competencias de decisión e aprobación.

 

-          TIC. As TIC na LOMCE ocupan un papel importante para o desenvolvemento da calidade educativa, o cal supón unha seria contradición, xa que se o novo anteproxecto de lei supón medidas de racionalización económica (recortes) pero tamén destaca o labor das TIC como unha ferramenta para a mellora da calidade educativa, está claro que estamos a falar de cousas incompatibles, xa que recortando gastos no sistema educativo non poderemos mellorar e desenvolver a presenza e o uso das TIC nos centros.

 

A información empregada para esta entrada foi extraida do material de clase ademais de:

http://www2.fe.ccoo.es/andalucia/docu/p5sd9631.pdf