A Escola Comprensiva

     A raíz das últimas noticias sobre a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), considero que actualmente a escola comprensiva, cada día que pasa está sendo máis ameazada, pois cada vez xorden con máis forza ideas que defenden unha ensinanza segregada, xa sexa por cuestións de xénero, de capacidades ou de cultura, opoñéndose desta forma a que todos/as teñan as mesmas oportunidades.

     Lembrando a Manuel De Puelles Benítez, e ao seu libro Problemas actuales de Política Educativa, que traballamos o ano pasado en outra materia, gustaríame facer unha reflexión acerca dalgúns problemas plasmados na súa obra e que preocupan hoxe en día aos gobernos, docentes, pais/nais e alumnado.

     Considérase que manter aos alumnos cun currículum común ata os 16 anos conleva un atraso para todos: para uns, porque non progresan da forma en que o deberían de facer; e para outros porque perden un tempo necesario para aprender o oficio manual que se considera que lles corresponde. Preténdese facilitarlles o camiño aos alumnos/as con menos éxito no sistema educativo cara o posto que lles corresponde na sociedade sen pararse a reflexionar por un momento a que se debe esa falta de interese cara aos estudos ou a falta de expectativas académicas.

     Tamén se empeza a pensar na idea de implantar unha ensinanza de excelencia, só para aqueles alumnos/as que obteñan as mellores notas, de forma que terían a oportunidade de recibir unha ensinanza privilexiada e de maior calidade.

     Pero todo isto o que xera é que se produza un aumento das desigualdades no sistema educativo, porque desta forma non todos poden acceder  a mesma ensinanza de calidade, que debera ser excelente para todos/as é non só para uns privilexiados/as.

     Se consideramos que é preciso unha ensinanza ao servizo da sociedade que actúe como compensadora das desigualdades e se resista a ser unha mera transmisora dun marco social xerarquizado; se pretendemos desenvolver valores como a cooperación e a solidaridade, precisaremos un marco escolar minimamente igualitario.

     Dado que vivimos na sociedade do coñecemento, na que o acceso á educación é a única vía que nos proporciona os coñecementos necesarios para a vida, é preciso que toda a poboación teña unha formación xeral que permita o desenvolvemento dunhas competencias e habilidades básicas para poder adaptarse sen problemas ao cambio no que se desenvolve a sociedade.

     A escola comprensiva caracterízase fundamentalmente por ofrecer unha mesma educación para todos os alumnos/as que permanecen nas mesmas aulas sen ser discriminados, favorecéndose así a integración social. Debe prestar especial atención as diferentes individuais que deben ser recoñecidas e valoradas. Polo tanto, non chega unha educación igual para todos/as, senón que é necesario crear unha igualdade de oportunidades, atendendo as necesidades individuais de cada alumno/a. O principal fin desta escola é a igualdade duns resultados básicos, a adquisición dunhas aprendizaxes relevantes por parte de todo o alumnado.

     A comprensividade presta especial atención ademais á diversidade. A escola comprensiva é polo tanto integradora en vez de segregadora. Isto é en algúns casos obxecto de crítica pois algúns/as consideran que esta escola non ten bos resultados, sen embargo, ¿pódeselle esixir bos resultados se non se lle ofrecen os recursos necesarios que a súa propia natureza esixe?. Para cumprir os seus fins e atender á diversidade son necesarios uns requisitos mínimos sen os cales non é posible. Estes requisitos fan referencia en primeiro lugar ao tamaño do centro, que deben ser grandes para poder ofrecer diversas opcións; tamén son precisos espazos escolares axeitados que permitan o desdobre de aulas en determinadas materias, a diversificación curricular, etc. Finalmente tamén se require unha ampla flexibilidade na organización dos centros e unha importantes autonomía curricular dos equipos docentes. Todo isto supón un alto custo, sen embargo, ese é o prezo que se debe pagar xustamente para impartir unha formación xeral a todo o alumnado.

     A escola comprensiva supón nun primeiro momento o paso cara a igualdade dos dereitos educativos, pero é necesario que no seu interior non aparezan outros tipos de discriminación que actualmente están cobrando máis forza e que pretenden dividir ao alumnado en grupos segundo as súas capacidades, sexo ou cultura.

 

  • Bibliografía:

- PUELLES BENíTEZ, M. (2006): Problemas actuales de política educativa. Ediciones Morata. Madrid.