• Blogs
  • ...
  • Os formadores e asesores do profesorado.

Os formadores e asesores do profesorado.

Nesta entrada ó blog, comentarei un video de Miguel Soler, exdirector Xeral de Formación Profesional do MEC, no cal fala sobre o perfil profesional dos formadores e asesores do profesorado:

 

Comeza dicindo que as competencias básicas non se deben de traballar como un engadido ó curriculum, senón que son os contidos do curriculum os que dan lugar a esas competencias básicas, algo co que estou totalmente de acordo, xa que o currículo esixe ou debera esixir contidos que permitan obter competencias básicas.

Polo tanto, esíxese un traballo común con profesionais doutros ámbitos para determinar eses aprendizaxes imprescindibles, o que require un traballo multidisciplinar, sendo fundamental axudar ó profesorado para ese traballo en común. Eu creo, que isto é fundamental, pois o profesorado ten que estar formado para traballar con outros profesionais na busca dos contidos que configuren un curriculum oficial a partir do cal se poda acceder a tódalas competencias e aprendizaxes básicos.

Sempre se fala da necesidade de facer ós alumnos autónomos, que poidan aprender pola súa conta, pero neste vídeo Miguel Soler destaca a importancia de potenciar ese aprendizaxe autónomo por parte dos profesores, a través de actividades individuais. É moi importante que os profesores sexan autónomos e sexan capaces de aprender pola súa conta, pois é un aspecto que os converterá en grandes ensinantes.

En canto á formación inicial dos futuros formadores e asesores, descarta á universidade e prefire persoas con traxectoria docente que reciban unha formación específica que lles permita converterse en formadores. Isto falouse nas últimas sesións expositivas, e propúxose como un aspecto cunha certa negatividade, xa que propicia unha escasa formación nesa transición de profesor a asesor. Na miña opinión, o que resulta totalmente negativo é non contar coa universidade neste punto, xa que opino que un modelo mixto de formación tería un mellor resultado: profesores cunha traxectoria docente que reciban formación por parte das universidades.

Polo que se refire á formación permanente dos formadores e asesores, Miguel Soler confía en que ningunha comunidade autónoma posúe por si sola a capacidade para formar a súa rede de asesores, polo que o MEC ofrecerá plans comúns de actuación. En relación a este aspecto, aínda que confío en que a descentralización da formación ten un carácter positivo que permite adecuala ás características propias de cada comunidade, tamén creo que un plan común permite obter os aspectos comúns que tódolos formadores dun país deben ter.

En referencia ó anterior, Miguel Soler ve como insuficiente os actuais Centros de Profesores para responder á demanda de formación do profesorado, dicindo que é necesaria a creación doutro tipo de entidades de ámbito nacional.

Xa para rematar, gustaríame comentar un aspecto que se falou nas sesións expositivas desta semana en relación a este tema, que chamou moito a miña atención. Foi o paso de formadores a asesores (o que supón unha perda de calidade na formación), do cal se falou que pode estar motivado por un certo “medo” ó feito de crear persoas e profesores moi ben formados e cun gran sentido crítico. En relación a este suposto, gustaríame dicir que é unha idea que me convence, xa que confío en que en moitas ocasións as decisións políticas tomadas en relación á formación (a calquera nivel) supoñen un empeoramento da situación actual que busca que os individuos estean peor formados e polo tanto non desenvolvan o seu sentido crítico, o seu afán pola mellora ou polo cambio de situacións, etc.