• Blogs
  • Raquel Souto López
  • Reflexión artigo “¿Ayuda y obstáculo? Sentido y credibilidad de la función asesora”. P. Murillo

Reflexión artigo “¿Ayuda y obstáculo? Sentido y credibilidad de la función asesora”. P. Murillo

Trala lectura do artigo “¿Ayuda y obstáculo? Sentido y credibilidad de la función asesora” de P. Murillo (2005), pódese reflexionar sobre diversos aspectos relacionados co asesoramento e a complexidade de este proceso en relación coas institucións educativas.

En primeiro lugar destacar a complexidade de dito proceso, posto que a sociedade se atopa exposta a continuos cambios nos que en certos momentos é necesaria a acción dos asesores/as. Isto acontece por exemplo no ámbito educativo, onde a escola debe adaptarse e cambiar de maneira continuada en relación ás propostas que a sociedade lle plantexa. Estas cuestións en certos momentos son doadas de resolver pero en moitos outros por falta de medios e recursos, deben optar por recorrer ós asesores/as para tratar de resolver os problemas e necesidades que aparecen.

Por este motivo é conveniente destacar a variación do concepto asesoramento de anos anteriores á actualidade. Con anterioridade nos centros escolares traballábase de forma individualizada e estes non dependían do asesoramento externo posto que trataban de resolver os problemas dende o interior da institución cunha maior autonomía. En canto ó profesorado destacar que tiñan poucas expectativas en relación ós cambios, o alumnado por outro lado necesitaba de apoio educativo por diversos problemas como a actitude, dificultades de aprendizaxe … e nos centros existían demandas moi variadas. Posteriormente esta situación foi variando e a figura do asesor/a foi cobrando maior protagonismo debido a que os centros escolares non eran capaces por si sós de resolver os problemas, e en certas ocasións precisaban de axuda externa. Así a situación foi cambiando grazas á reorientación, á reflexión e a colaboración entre os centros educativos e os asesores/as, en canto ó desenvolvemento da aprendizaxe como no tocante ó desenvolvemento institucional.

Centrándonos na análise de se o asesoramento pode ser considerado unha axuda ou un obstáculo, dicir que estou de acordo co autor en que existen as dúas posibilidades dependendo da visión cara a que nos situemos.

Por un lado, a acción de asesorar pode ser entendida como un proceso de axuda co cal se trata de resolver as dúbidas plantexadas por parte da persoa asesorada, de crear condicións que favorezan o traballo en equipo, animar e motivar ó profesorado cara un proceso de mellora, favorecer unha actitude de compartir coñecementos … mentres que dende outra perspectiva o asesoramento pode ser entendido como un obstáculo ó non existir en certos momentos unha coordinación suficiente entre os diversos servizos.

Desta maneira elévase a importancia do traballo en equipo para que exista unha maior variedade de opinións entre os profesionais e o profesorado, creando así redes de profesionais nas que se establece o diálogo á hora de intercambiar coñecementos, ideas, experiencias …

Ademais disto, destacar que a coordinación entre os diversos servizos é indispensable para que exista un adecuado asesoramento nos centros educativos xa que ó existir un elevado número deles que interveñen nas institucións educativas se non hai dita compenetración poderían obstaculizarse uns ós outros e provocar o efecto contrario ó esperado. Deste xeito a coordinación entre eles favorecerá a mellora das situacións ó haber normalmente varios sistemas asesorados en cada centro educativo

A continuación analizarase a importancia que ten para o autor o contexto da institución educativa no proceso de asesoramento, destacando o fincapé que fai na cultura e historia do centro educativo.

En primeiro lugar dicir que o papel a desempeñar polos asesores ten que estar estreitamente relacionado coa realidade interna do centro educativo posto que cada un deles posúe unhas prioridades concretas que se atoparán ligadas a cuestións internan que non son facilmente apreciables sen unha análise pormenorizada deste aspecto. Así, todas as cuestións relacionados coa historia e cultura dos centros educativos serán de relevancia á hora de tratar de darlle solución ós problemas e necesidades. Por este motivo, e tal e como nos amosa P. Murillo neste artigo,  non se pode separar o sistema do entorno posto que nel se atopa o significado máis profundo. Eu estou de acordo con este pensamento debido a que tanto os aspectos emocionais, culturais e internos do centro axudarán a coñecer mellor a forma de traballar dos profesionais, os problemas que posúen, cal é o principal motivo destes, a solución que máis se adecúe ás características particulares da institución educativa …

Finalmente, en relación á credibilidade dos asesores/as, situación mencionada con anterioridade como un dos problemas de dita acción, destacar a gran importancia que ten a confianza e credibilidade dos asesores/as no proceso de cambio e mellora. Isto é así posto que se existe unha implicación común por parte do asesor/a e o asesorado/a, o segundo atoparase máis seguro ó participar nas opinións, intercambiar ideas e coñecementos … polo que ó apreciar a autonomía que posúe e poder obter unha opinión dunha figura que o axude neste proceso, a credibilidade neste aumentará considerablemente o que dará lugar a unha mellor visión do asesoramento e por conseguinte un ambiente máis propenso ó cambio e mellora.