Novas sobre educación

Outra noticia que puidemos ler nos xornais estes días, a parte das onte comentadas durante a sesión de clase, foi o manifesto que foi lido en todas as universidades públicas españolas na defensa das mesmas que se ven ameazadas polos recortes.

Este é o manifesto:

http://ep00.epimg.net/descargables/2012/12/10/324b073e0862f26ecc4b0ab31bf372d2.pdf

A partir da súa lectura gustaríame comentar algúns aspectos. En primeiro lugar deberíamos sinalar a importancia de que está firmado por todas as universidades públicas, aínda que os presupostos os marquen as Comunidades Autónomas. Sen embargo, a Xunta de Galicia critica ás tres universidades galegas por sumarse ao manifesto, xa que a situación da educación superior en Galicia é máis favorable que en outras comunidades españolas (http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/12/10/galicia/1355156502_074099.html).

En segundo lugar, todas as universidades, así como toda a sociedade,independentemente da comunidade na que residamos, debemos defender o ensino en todos os seus niveis e estar ao tanto da importancia que ten para todo o Estado a inversión en educación e os programas de I+D+I levados a cabo polas universidades. Chámame a atención que os reitores e reitoras das universidades teñan que seguir insistindo en que a educación non é un gasto, é unha inversión. Máis en época de crise onde se insiste en que é necesaria a innovación nas empresas españolas para a recuperación económica. Pero esta inversión, para min, vai máis alá do puramente económico, é unha inversión que facemos en cada un para poder ser cidadáns críticos e libres, podendo acceder a todo o coñecemento que nos interese e formando unha sociedade preparada para os tempos nos que vivimos, que sexa capaz de disfrutar, e tamén respetar, de todo o que nos rodea.

No mesmo xornal, en El País, tamén atopamos un artigo recente sobre a fuga de cerebros .(http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/12/09/actualidad/1355066316_201774.html). Se a fuga de cerebros continúa a inversión que se realizou por parte do Estado si se verá perdida, xa que a investigación e a innovación levaranse a cabo en outros países que si apostan en I+D.

Tamén en V Televisión fan unha pequena reportaxe sobre a fuga de cerebros de química (http://www.vtelevision.es/informativosv/2012/12/10/0031_26_161305.htm, especialmente relevante é a frase final onde nos sinala a importancia de unir emprendemento, universidade e empresa.

Con este pequeno resume do estado da educación pública superior quero retomar o debate que tivo lugar onte en clase. O obxectivo do Estado é escolarizar a toda a poboación e facer que todos e todas teñamos como mínimo a E.S.O, por iso agora a Junta de Extremadura ofrece 1000 euros a alumnos e alumnas que volvan é Educación Secundaria Obrigatoria. Pero, por outra banda, o Estado está facendo que moitos universitarios e universitarias deixen os seus estudos pola suba de taxas ou que alumnos e alumnas moi preparados abandonen o país en búsqueda de traballo. Evidentemente debemos apoiar a todas as persoas para que acaden os seus estudos se iso é o que queren pero non podemos ter a doble moral de sinalar a importancia da ESO para obter un traballo e deixar marchar a outras persoas cualificadas, especialmente en período de crise económica onde, repito, se entende que é tan importante a innovación.

 En resumidas contas, non me podo posicionar nin a favor nin en contra da medida da Junta de Extremadura porque me parece que esta debería ir unida a outras, como a que sinalaba onte en clase, enfocando a obtención da ESO cara ciclos formativos ou universidade, ou prestando tamén axudas aos alumnos e alumnas da educación superior, senón en un prazo de tempo pode que teñamos que ler a mesma noticia pero con outros destinatarios.