Falando das prácticas

As prácticas que realicei anteriormente na titulación de psicopedagoxía tiveron lugar en centros públicos tanto de educación primaria como secundaria e, durante o transcurso das mesmas, puiden comprobar o funcionamento da orientación educativa a nivel interno a través dos departamentos de orientación establecidos cun enfoque claramente preventivo, co fin de potenciar o desenvolvemento do alumnado. Con todo, nesta nova experiencia interesábame coñecer e participar do traballo dos axentes de orientación externos aos centros educativos (que ben puidemos coñecer o ano pasado na materia de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica), descubrir cómo levan a cabo o asesoramento psicopedagóxico dende os equipos municipais que, cunha composición heteroxénea, intentan atender ás carencias do sistema público de educación a través dunha serie de iniciativas tanto de prevención como de intervención e mellora.

Asemade, escollín realizar estas prácticas na vila de As Pontes de García Rodríguez debido a que presenta un contexto socioeconómico diverso e, polo tanto, unhas demandas educativas variadas. Por unha banda, neste pobo danse unha cantidade de servizos educativos considerables (deportivos, musicais, lúdicos, etc.) que complementan a educación formal que os rapaces reciben nas escolas e/ou institutos, aínda que a grande maioría destas actividades están dirixidas ás familias de clase media (moitas delas traballan na industria propia da vila), xa que implican un gasto mensual ou anual que a poboación con menos recursos non se pode permitir. Por outra banda, o concello aposta por unha atención psicopedagóxica gratuíta dirixida sobre todo a compensar as necesidades educativas que se presenten en determinados núcleos familiares con dificultades (xa sexa por discapacidade, enfermidade, incorporación tardía ao sistema educativo galego ou conflito familiar, entre outras), un apoio respecto do seu ambiente familiar e social máis próximo.

En definitiva, as ganas de vivir unha experiencia diferente foron as que me conduciron a realizar as prácticas dentro dos Servizos Sociais desta vila.

Que tal vos foron as vosas prácticas? Experimentáchedes algo novo?