Apostando por unha boa medida?

Por Melisa

O día 10-12-12 na clase de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado, a profesora Lourdes Montero Mesa, comentou unha noticia sobre unha axuda de 1000€ que lle daban aos rapaces e rapazas desempregados que non tiñan os estudos de Educación Secundaria Obrigatoria, facendo así que se animasen a sacar ditos estudos. O que aparentemente era unha simple información, deu moito de si, xa que estivemos toda a sesión falando do tema.

 

Noticia:

 

Rapidamente creouse un clima de debate no cal se apreciaba dun xeito transparente as distintas posturas que había con respecto ao tema. As posturas en contra desta medida, afirmaban que era un pouco vergonzoso que se lles dera unha axuda a aqueles que no seu día non quixeron estudar e que pola outra parte, subisen as tasas de matrícula da universidade. Habían outros compañeiros que se apoiaban en que non era apropiado motivar aos rapaces e ás rapazas con cartos, xa que consideran que a aprendizaxe en si, é máis que un bo motivo de estimulación. Desta medida sacaban a conclusión de que parecía como se estiveran premiando aos perezosos/as en vez de recompensar aos traballadores/as.

Hai outros organismos que tamén consideran que non é apropiado, como é o caso do Sindicato de Traballadores da Ensinanza (STE) de Extremadura xa que esixiron a retirada desta axuda. Afirman que non deixa de ser unha medida política que o que pretende é “aliviar as listas do paro despois dunhas reformas que non están servindo para nada” en lugar de perseguir unha “mellora da formación”.

A isto contestou o goberno extremeño, aclarando que esa axuda saen da supresión das pagas extras dos docentes, e calculou que a multiplicación desa cantidade polos 3.900 posibles beneficiarios dá como resultado case catro millóns de euros.

 

En canto as opinións a favor, había unha maioría que vían este incentivo como algo positivo sobre todo para aquelas persoas que por motivos económicos non puideran sacar eses estudos con anterioridade. Crían que era unha segunda oportunidade para aqueles estudantes que no seu día, non viron na educación, unha vía de progreso.

Ao igual que acontecía coa anterior postura, tamén hai opinións a favor. Juan Manuel Moreno, especialista en educación do Banco Mundial cre que a tasa de abandono escolar en España require medidas de choque, e que por iso merece a pena experimentar.

Ao final da sesión, ambas as posturas chegaron a puntos en común. Ambos grupos crían que se debe apostar sobre todo pola prevención e tamén por ofrecer bolsas de traballo.

 

Gustoume moito esta sesión xa que os alumnos e as alumnas tiveron en todo momento un papel protagonista no que puideron expresar a súa opinión acerca dun tema. Porén o que menos me agradou foi a dinámica que nun momento dado apareceu, parecía unha “caza de bruxas”. En vez de aportar argumentacións do porqué da opinión de cada un, indignabámonos porque a uns lles daban axuda e a outros colectivos non. Creo que realmente esa non era a cuestión e que se así o fose, penso que non deberíamos votarnos uns por riba doutros senón defender e loitar porque todas as persoas necesitadas tivesen toda clase de axuda.

 

Persoalmente eu opino que, esta medida non deixa de ser un incentivo erróneo e tamén moi superficial que pretende dun xeito rápido, apaliar un problema da sociedade. Por suposto eu tamén creo na importancia de que todas as persoas teñan uns estudos mínimos pero tamén digo que esa medida é moi doada de levar a cabo, basicamente por iso o fan.

Tratándose duns estudos obrigatorios, na maioría dos casos de abandono non foron por problemas económicos senón por falta de motivación, porque sinxelamente non lles gustaba estudar e crían que iso non lles valía para nada. É certo que o mercado laboral era moi distinto ao que hai na actualidade, antes saían sen estudos e atopaban con facilidade traballo, sobre todo na construción. Agora non é así, é moi complicado atopar traballo e máis senón tes uns estudos mínimos. Pois ben unha medida boa para esa xente non é darlle cartos, senón axudarlles a sacar eses estudos a través de por exemplo escolas taller ou programas de cualificación profesional inicial (PCPI). No caso das escolas taller son, centros de ensinanza teórico-prácticos para persoas entre 16 e 25 anos. Ten como finalidade a inserción de desempregados a través da súa cualificación en alternancia coa práctica profesional. No caso do PCPI, son programas que teñen unha marcada vocación profesional, permite a relación co mercado de traballo e facilitan a inserción laboral nunha actividade profesional de maneira cualificada.

 

En definitiva, penso que deben apostar por iniciativas formativas que estean enfocadas a que os xoves obteñan o título e que tamén aprendan un oficio para que eles ou elas de xeito autónomo ou mediante unha cooperativa podan montar o seu propio negocio.

 

 image

 

Referencias: