Sesión do 12 de Decembro

     Durante a primeira parte desta sesión estivemos reflexionando arredor das relacións que se manteñen entre os psicopedagógos/as e o profesorado.

     A primeira tarefa que se nos encomendou foi a de responder en pequenos grupos as seguintes cuestións:

  • ¿Qué pensan os futuros asesores/as dos profesores/as de infantil, primaria e secundaria cos cales van a traballar?
  • ¿Qué pensan os profesores/as dos asesores/as?
  • ¿Qué coñecemos sobre estas relacións?

     En canto á primeira pregunta, a maioría coincidiamos en que os asesores/as teñen moito máis clara a relación de horizontalidade que debe existir entre os diferentes profesionais. Ademais disto, soen mostrar unha actitude moito máis positiva e unha disposición favorable cara ao traballo colaborativo. No tocante a ese traballo colaborativo, consideramos que os profesores/as de infantil e primaria son moito máis flexibles e accesibles á hora de traballar conxuntamente co asesor/a, mentres que o profesorado de secundaria non mostra esa mesma disposición. Por outro lado, os asesores/as tamén poden ter a sensación de que moitos profesores/as se limitan só a esixirlles respostas rápidas aos problemas que se lle presentan, evitando o traballo en conxunto e esas relacións de horizontalidade.

     En canto á segunda pregunta, as respostas que saíron concíbense dende tres puntos de vista diferentes:

          ~ Por un lado, consideramos que algúns profesores/as perciben ao asesor/a como un punto de apoio e axuda, co que poden traballar de forma colaborativa para buscar conxuntamente a mellor solución aos problemas ou necesidades que se lle presentan.

          ~ Por outro lado, estarían os profesores/as que conciben ao asesor/a como o axente que debe dar unha solución ou resposta inmediata. Limitase a ser percibido como o axente que arranxa os problemas.

          ~ Finalmente, dende outras observacións, apreciase que algúns profesores/as consideran que o asesor/a ten unha certa “arrogancia”, e que se sitúa nun posto de “dirixir” en vez de estar disposto a “colaborar” con eles. 

     En canto á terceira pregunta, as respostas aportadas están en certa maneira reflectidas nas respostas anteriores.

 

     Como xa comentamos en anteriores ocasións, o asesor/a é o axente dinamizador daqueles ámbitos nos que se atopa, e dado que o seu traballo require a colaboración constante con outros profesionais, é necesario que exista unha gran confianza e credibilidade entre todos eles.

     A actividade dos asesores psicopedagóxicos no desenvolvemento do currículo cos profesores/as e os centros debe de ter como punto de partida básico a idea de colaboración. É importante que teñamos presente a idea de que o asesor/a non pode limitarse só a esperar a que se lle pida axuda, senón que debe de estar atento/a e interesarse por todo o que aconteza na institución na que se atopa.

     Por outro lado, é de vital importancia atender os primeiros momentos, porque iso vai a marcar a consideración que os demais profesionais teñan dos asesores/as. Estes non teñen “receitas máxicas” para solucionar os problemas, pero sen embargo, si teñen unha predisposición e a competencia precisa para traballar na busca de ditos problemas.   

     A constitución da identidade profesional dos asesores/as, unha actividade profesional moi recente, ten lugar en institucións “vellas” que tamén teñen as súas marcas de identidade. A institución na que o asesor/a se atopa, ten a súa propia historia, a cal vai a marcar as actuacións que nela se levan a cabo. As traxectorias dos docentes e dos orientadores/asesores, marcan o funcionamento da institución. Deste modo cando o orientador/asesor, chega a ela, ten que tratar de ir coñecendo pouco a pouco esa historia. Así pois, non se pode manter hermético no seu despacho, senón que se debe relacionar co resto do profesorado nos tempos non académicos, pois o traballo informal é enormemente relevante no noso traballo e permítenos aumentar os nosos coñecementos e ir indagando sobre os diversos aspectos  da propia institución. Os asesores/as instálanse nos centros educativos cunha historia propia que teñen a obrigación de coñecer se a súa meta é axudar a mellora escolar.

     Ao longo da sesión a profesora tamén nos falou do erros máis comúns que pode cometer o asesor/a e que segundo Lorenzo, 2008, son os seguintes:

  • Crer que a comunidade educativa coñece como funciona a orientación.
  • Elaborar programas sen a intervención dos profesores e o xefe de estudos.
  • Entregar o PAT aos profesores como comezo do curso e esquecerse do seguimento.
  • Esperar a que se demande a túa axuda.
  • Asumir funcións doutros profesionais do centro.
  • Traballar sen programar atendendo ás demandas espontáneas.
  • Ofuscarse con algúns profesores que non colaboran.
  • Querer atender a todo ao mesmo tempo.

 

     Durante a segunda parte da sesión, estivemos analizando as noticia dun caso de acoso escolar e dun programa que se inicia en Extremadura para atraer á aula aos mozos/as con malos resultados académicos a cambio de diñeiro.

     A primeira delas, fai mención ao suicidio dunha menor, á causa do acoso escolar que estaba a sufrir por parte duns compañeiros. A nena decidiu suicidarse debido a que non recibiu axuda por parte de ninguén. O centro e o orientador, a pesares de ser coñecedores da situación, non consideraron que fora preciso tomar medidas. Ademais os propios compañeiros tampouco fixeron nada por intentar parar dita situación. Esta noticia débenos facer reflexionar  sobre a importancia que ten detectar canto antes os problemas e non deixalos pasar, pois en algúns casos poden acabar derivando en situacións tan extremas como esta. Por outro lado, a pasividade mostrada por parte dos compañeiros/as indícanos que algo está funcionando mal dende a base, e por iso, é preciso educar aos nenos/as dende infantil en valores, fomentando a capacidade de empatía…, para formar cidadáns críticos, responsables e con certos valores para tratar de evitar que situacións coma esta se repitan.

     En canto á segunda noticia, dado que non tivemos suficiente tempo para comentala na clase e reflexionar acerca do tema que nela se expoñía, ao longo destes días intentarei elaborar unha entrada na que aporte o meu punto de vista con respecto a ela.