• Blogs
  • ...
  • Programa para reinsertar alumnado da ESO en Extremadura

Programa para reinsertar alumnado da ESO en Extremadura

Hoxe falarei sobre un tema tratado o outro día na clase e que xerou un gran debate no que se propuxeron moitas ideas e puntos de vista. Esa noticia é a do programa que se iniciou en Extremadura que consiste en dar mil euros ós mozos entre 18 e 25 anos que abandonan os estudos se rematan a secundaria.

 

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/12/08/actualidad/1354978685_073187.html

 

O debate sobre esta noticia, como ten que ser nunha sociedade plural, xerou unha gran cantidade de puntos de vista e ideas ó respecto, situadas en dous grupos ben diferenciados, as persoas a favor do programa creado na comunidade extremeña e as persoas en contra. Cómpre dicir que foi un debate produtivo, xa que os dous grupos ou ideas contrarias expresaron as súas ideas cunha boa argumentación.

A miña posición, é unha posición contraria á medida tomada. Pero en primeiro lugar, gustaríame dicir que estar en contra desta medida non supón estar en contra da finalidade que se persegue, senón do medio que se emprega. É dicir, creo que todos estamos de acordo con que o problema do abandono escolar antes de rematar a ESO (un 26,5% dos españois en idade universitaria non posúe título de ESO) é algo ó que se lle ten que poñer solución, pero na miña opinión ofrecer 1000 euros ós alumnos que retomen os estudos e rematen a ESO non é a solución.

Desde o meu punto de vista, o abandono escolar débese tratar desde un primeiro momento, pois só así se evitará que se converta nun problema social, é dicir, actuar de xeito preventivo. En cambio, este programa supón intervir a posteriori do problema, o que quere dicir que non é a solución, pois suporá que o problema siga existindo obrigando a actuar de xeito reactivo, e non podemos pensar en que a solución é ofrecer 1.000 euros a tódolos alumnos que abandonen os estudos; a solución é evitar que eses alumnos abandonen os estudos obrigatorios.

Neste sentido gustaríame comentar a frase de Moreno: “El mejor euro invertido en educación es el destinado a preescolar”. E é que esta afirmación é completamente certa, pois invertir en educación desde os niveis inferiores supón sentar bos cimentos no sistema educativo, o que fará desaparecer moitos dos problemas actuais da educación en España, como pode ser o abandono escolar. É por este motivo polo que penso que a solución non é ofrecer 1000 euros unha vez creamos o problema, senón inverter eses cartos en previr ese problema.

Pero querer solucionar esta situación dun xeito preventivo, é dicir, actuando antes de que se produza  para así evitala, non quere dicir que nos esquezamos destas persoas que están a sufrir o problema actualmente como se falásemos dunha “xeración perdida”. Nada máis lonxe da miña intención. Simplemente confío en que esta xeración de rapaces de 18 a 25 anos non vive unha situación que se solucione cun pagamento de 1000 euros por rematar os estudos obrigatorios. A solución podería atoparse en promover cursos que se asimilen ós PCPIs e que ofrezan ós rapaces unha formación que os prepare para o mundo laboral e uns contidos básicos e transversais que lles podan ofrecer o título de graduado en ESO así como competencias profesionais. Pero todo o contrario está a ocurrir, pois na actualidade en vez de fomentar este tipo de programas como os PCPI, estanse a eliminar.

En definitiva, creo que este programa é precipitado, e incluso, falando sempre desde un punto de vista persoal, paréceme o xeito máis fácil de solucionar o problema. O difícil é crear as medidas que eviten eses problemas e ofrecer unha solución a eses rapaces que o están a vivir que non sexa económica, como pode ser a creación e promoción de cursos de formación básica e profesional para adultos que lles ofrezan un título que convalide a educación obrigatoria.