Mil euros de incentivo… ¿ao mal estudante?

 

     Durante a última sesión de clase comentamos a noticia na que se expoñía que a Comunidade de Extremadura vai levar a cabo un programa a través do cal se premiará con 1000 € aos mozos/as de entre 18 e 25 anos (que non teñan os estudos secundarios), que decidan retomar os seus estudos e logren rematar a Secundaria.

      Debido á falta de tempo, non puidemos levar a cabo unha reflexión sobre o tema que nela se trataba, polo cal, nesta entrada gustaríame expresar a miña opinión con respecto ao que se describe nela.

     Nun primeiro momento, a medida que se vai desenvolver pode resultar positiva, pois grazas a ela moitos dos mozos/as que non teñen os estudos obrigatorios poderán acadalos. Trátase de lograr a súa inserción e inclusión social.

     Sen embargo, se por un momento nos paramos a pensar, considero que esta medida é como unha especie de “parche” coa que se pretende tapar unha situación que se ven xerando dende fai xa moito tempo e á que non se lle dá posto solución: o fracaso escolar.

     Persoalmente creo que esta proposta tampouco vai poñer fin a ese problema, e o peor é que se está a “premiar” a aqueles alumnos/as que non queren estudar, mentres que aos que sí queren e se están a esforzar, se lle recortan as súas axudas.

     Non entendo como nestes tempos de crise, nos que todos os días se anuncian recortes e máis recortes sobre todo no ámbito da educación, se destinan os cartos a este tipo de medidas en vez de intentar poñerlle solución ao problema dende a raíz. ¿Por qué non se aposta por actuacións contundentes dende o inicio da educación para combater o abandono escolar? ¿Por qué non se facilitan outro tipo de ferramentas ou estratexias que logren motivar de forma intrínseca ao alumnado?

     Dende pequenos os nenos/as móvense polo mundo a causa dunha motivación que lles provén de dentro. Desexan explorar, investigar, coñecer… Formulan moitas preguntas e presentan unha grande curiosidade. Sen embargo, segundo van ascendendo nos niveis educativos esa motivación intrínseca vai decaendo. Foméntase que o alumnado estude para aprobar os exames e ter éxito académico, e non polo desexo de aprender.

     Quizais se a educación estivese orientada cara un modelo máis aberto, divertido, participativo e no que os alumnos/as fosen os protagonistas do proceso, acadaríanse mellores resultados e non sería preciso recorrer a este tipo de medidas.