Familia - Escola: importancia desta colaboración.

     Hoxe en día a idea de que familia e escola comparten responsabilidades na educación da infancia ten unha maior aceptación. Ámbolas dúas desempeñan un rol fundamental no desenvolvemento  do autoconcepto, as habilidades sociais, o desenvolvemento moral, as habilidades cognitivas (como a resolución de problemas), etc. Tendo todo isto en conta, a colaboración entre pais/nais e os docentes presenta unha importancia fundamental.

     Así pois, é preciso fomentar a cooperación entre as familias e os centros escolares, resaltando os efectos positivos que isto supón tanto para os alumnos/as como para os pais/nais, profesores/as, o centro escolar e a comunidade na que este se asenta.

     Durante os primeiros anos de vida, xunto con outras instancias socializadoras, a familia é a principal. Pero se temos en conta a idea de que o ambiente familiar e o escolar son os que máis inflúen no desenvolvemento do individuo e o no seu proceso educativo, é fundamental a colaboración entre todos aqueles que interveñen no desenvolvemento e na formación do neno/a. Desta forma, entre a escola e a familia debe existir unha estreita comunicación para acadar unha visión globalizada e completa do neno/a, eliminando na medida do posible as discrepancias, e unificando os criterios de actuación e apoio mutuo, xa que por dereito ou por deber teñen fortes competencias educativas e necesariamente deben manter unha coordinación. Se un profesor/a quere educar, non ten máis remedio que contar os pais e colaborar con eles, para que os esforzos que él realice nas horas de clase teñan a súa continuidade no resto do día.

     É preciso que os dous ambientes básicos para o neno/a, fogar e escola, garden unha estreita relación e coordinación; xa que desta forma existe unha maior confianza entre pais e docentes, comunícanse as súas inquedanzas, dúbidas, desexos sobre o comportamento e evolución do seu fillo/a, e desta forma propíciase que os profesores/as coñezan mellor a cada neno/a para poder axudarlles.

     Entre as tarefas que se consideran que se deberían levar a cabo de forma conxunta entre os ámbitos educativo e familiar destacan:

  • Transmisión de normas, valores e costumes. Supón unha tarefa conxunta que vincula ao alumnado co seu entorno. As normas, valores e costumes son elementos da cultura da que forman parte tanto a familia como a escola.
  • Desenvolvemento de habilidades persoais e sociais de autonomía. Este á un aspecto fundamental para a integración familiar e social e para fomentar o desenvolvemento integral do alumnado.
  • Ensinanza de coñecementos e estratexias educativas. Aínda que esta tarefa se lle asigna á escola, a familia asume o deber de ensinar aos seus fillos/as hábitos de estudo, e ampliar os seus coñecementos.
  • Ensinanza de responsabilidades. Implica a aceptación de normas de comportamento, normas de limpeza e orde, pequenas responsabilidades familiares e escolares, etc.

 

     Na nosa sociedade, a educación familiar e escolar xogan un papel determinante na adquisición de aprendizaxes, comportamentos e condutas do neno/a, polo que ambos colectivos deberán ter responsabilidades e roles complementarios.

     A educación é unha tarefa compartida entre pais/nais e educadores co fin de levar accións educativas de forma conxunta. Por iso, é preciso, que como futuros asesores/as teñamos en conta que debemos facilitar aos pais/nais a participación e a información necesaria para que a familia se sinta vinculada e involucrada na xestión escolar, para que se sinta verdadeiramente responsable do proceso educativo do seu fillo/a, e para que deste xeito o alumnado tamén perciba unha mesma liña de acción entre os adultos que o rodean.