• Blogs
  • ...
  • Panorama da educación en España segundo o informe da OCDE

Panorama da educación en España segundo o informe da OCDE

Hoxe analizarei o informe español do “Panorama da educación” segundo o informe da OCDE. Tratarei os aspectos que máis chamaron a miña atención durante o traballo que se realizou na clase do documento, centrándome en tres dos bloques principais: a expansión da educación e os resultados educativos, o financiamento da educación e o entorno dos centros educativos e a aprendizaxe.

 

A EXPANSIÓN DA EDUCACIÓN E OS RESULTADOS EDUCATIVOS.

Formación da poboación adulta. Este é un punto que chamou a miña atención, principalmente por que igual que moitos dos que se tratarán a continuación, supoñen unha ruptura coa concepción que tiña dos datos de España en comparación a outros países. De 2000 a 2010 pasouse dun 38% a un 53% de poboación adulta con estudos superiores á primeira etapa de Educación Secundaria. Este é un dato moi positivo, pois supón unha gran evolución no referente a un aspecto  no que persoalmente penso que a maioría da poboación considera que nos atopamos nunha moi mala situación.

Ademais, un indicador da gran evolución que se está a seguir é que un 45% dos españois posúe un nivel de estudos superior ó de seus país e só un 6% é inferior. Isto viuse na clase, cando a maioría das persoas que alí nos atopábamos afirmamos estar superando o nivel de nosos país e incluso ser a primeira xeración familiar en asistir á universidade. Este é un dato que persoalmente proporcióname unha enorme ledicia, pois supón unha evolución xeracional, é dicir, aínda que pensemos que non o parece, estamos evolucionando sempre cara a mellora.

Escolarización infantil. Este é un tema sobre o cal xa tiña coñecemento, pero non deixou de chamar a miña atención. E é que en España, un país que se caracteriza por non obter os mellores resultados nas avaliacións do seu sistema educativo, hai unha taxa de escolarización en educación infantil moito maior que a da Unión Europea e a da OCDE. Ademais, países como Finlandia (famoso por ter un dos mellores sistemas educativos do mundo) aconsellan que os alumnos non se escolaricen ata os 6 anos.

E ben, se sempre se fala que a educación infantil é o piar fundamental para conseguir un bo sistema educativo, ¿qué é o que fai que en España obteñamos malos resultados e en Finlandia tan bos? A diferenza é que en países como Finlandia a educación no seo da familia antes dos seis anos é algo moi normal, sen embargo en España por diversos motivos (económicos, niveis de estudo dos pais...) isto non pode ser así. Aínda así e todo, e tendo en conta a “escusa” dos países nórdicos, creo que a taxa de escolarización infantil é un punto moi grande ó noso favor.

Acceso e titulación en Educación Terciaria.  En canto ó acceso a Educación Terciaria en España observamos dúas tendencias diferenciadas segundo falemos da universidade ou os Ciclos Formativos de Grado Superior. En canto á universidade, desde o ano 2000, observamos que partimos dunha situación de equidade en relación á OCDE e á UE, quedando rezagados ó longo da década, aínda que se observa unha recuperación nos últimos anos. Polo que se refire ós Ciclos Superiores,  partimos dunha situación de gran desventaxa no ano 1995, aumentando 23 puntos ata o ano 2012 e superando á OCDE e a UE.

En canto á titulación en Educación Terciaria, houbo un dato que chamou enormemente a miña atención:

-          Mentres que un 52% dos adultos xóvenes acede á universidade, tan só un 30% obtén a titulación.

-          O 26% dos adultos aceden ós Ciclos Superiores, recibindo a titulación un 16%.

Estes datos presentan unha gran mortalidade escolar nestes niveis, é dicir, hai un porcentaxe moi alto de alumnos que comezan a Educación Terciaria pero non a rematan.

 

O FINANCIAMENTO DA EDUCACIÓN.

Gasto público por alumno. Este indicador foi posiblemente o que máis chamou a miña atención: en España invértese un 21% máis por alumno que na OCDE e na UE. O motivo principal polo que se inverte dun xeito maior é principalmente por razóns salariais, pois como se falará posteriormente o profesorado recibe maiores retribucións en España. Pero aínda tendo en conta este dato, é un aspecto completamente positivo que en España se realice unha maior inversión en educación.

Aínda que na miña opinión tal vez este indicador esconda un certo lado oscuro: tal vez se fai unha gran inversión, pero non unha boa inversión, quero dicir, que o importante non é inverter moito, senón saber como inverter e facer unha boa xestión do capital (por exemplo, é mellor dotar un aula de dous ou tres ordenadores aos que se lles da un bo uso pedagóxico por parte dos profesores que dotala de un ordenador por alumno que a penas se usan ou non reciben todo o proveito educativo que deberían).

 

O ENTORNO DOS CENTROS EDUCATIVOS E A APRENDIZAXE.

Horas de ensino. Este é outro deses datos que resulta contraditorio. Resulta que en España temos un promedio de horas lectivos maior que na OCDE e na UE en tódolos niveis. Entón, insisto, por qué obtemos resultados tan negativos nas avaliacións do sistema educativo? Neste caso creo polo menos na miña opinión está claro: polo que se refire ó tempo dedicado á educación nas aulas, o importante non é a cantidade, senón a calidade. Ademais confío en que, especialmente nos niveis inferiores, unha gran carga lectiva resulta contraproducente, pois se ademais temos en conta que os rapaces acoden a actividades extraescolares ou academias, a fatiga que poden chegar a experimentar é inmensa.

Ratio alumnos-profesor. A ratio alumnos-profesor é un tema do que se fala moito ultimamente debido á súa subida en España. A realidade é que no informe se di que a ratio é inferior en tódolos niveis educativos á media da OCDE e da UE. Pero, sen embargo, como tódolos estudos comparados da educación, débense ter en conta as diversas realidades de cada país. Polo tanto, se temos en conta que en España existen moitas zonas como pode ser o caso de Galicia, na que hai escolas unitarias nas que hai moi poucos alumnos, entenderemos mellor cal é a causa pola que en España temos unha menor ratio alumnos-profesores.

Retribución do profesorado. O salario dos profesores tamén é maior en España en tódalas etapas, aínda que as diferenzas se reducen cando se alcanza o salario máximo. Este dato resúltame a verdade moi sorprendente, pois para nada esperaba que os profesores españois cobrasen máis que a media da OCDE e da UE. A verdade é que o salario dos profesores paréceme completamente necesario, e o feito de que supoña a principal partida dos presupostos en educación en España agrádame, pois é un recoñecemento á súa labor, aínda que todavía nos falta acadar o recoñecemento social.

 

Xa para rematar, despois de analizar este informe, gustaríame destacar que a percepción que recibín é que aínda que o panorama da nosa educación non se atopa entre os mellores de Europa e da OCDE, quero dicir que a situación non é tan mala como socialmente se percibe, senón que nos atopamos no camiño da mellora, polo tanto é o momento de seguir mellorando, de loitar por seguir adiante e chegar a ese lugar onde todos queremos estar; polo tanto non debemos pararnos, non debemos recortar en educación, sigamos adiante, sempre cara mellor!