Alba Senande Fernández

Son unha persoa con moitas virtudes (alegre, traballadora,...) pero tamén con moitos defectos (cabezota, perfeccionista,...) que me fan ser o que son

Diario e reflexión das clases

Nas dúas clases da semana pasada, traballamos as dificultades ou complexidades que ten o concepto asesoramento, así como se os modelos de orientación son os mesmos que os de asesoramento.

Con respecto ás dificultades, levouse a cabo un pequeno debate e exposición de ideas que se pode resumir en que considerábamos que as causas eran a dificultade de colaboración entre profesionais tanto por falta de motivación como por presentar diferentes formas de entender os procesos de ensinanza-aprendizaxe, así como o papel que desempeñan na relación que debería existir. Outra diferenza que se mostrou e que non axuda a definir o termo asesoramento é que cada profesional deste ámbito ten a súa propia concepción, a cal a súa vez vai cambiando tanto por novos coñecementos como por novas experiencias.

Finalmente, acabouse esta temática dando a mestra a súa opinión e que se refire a que existen dúas grandes razón que dificultan o que se entende por asesoramento: as súas orixes e a complexidade de diferenciar asesoramento e orientación.

A partir deste momento, comezou a falarse se os modelos de orientación: modelo clínico, psicopedagóxico e sociopsicopedagóxico de Pardo Pérez e García Tobío ou modelo clínico, consulta e programas de Bisquerra son os mesmos que os de asesoramento. Para levar isto a cabo, fixemos unha práctica na que se recollía un modelo e se analizaba se era de orientación, asesoramento ou mixto. No caso do meu grupo (ALLA), eliximos o modelo psicopedagóxico e despois de ter analizado as súas características, decatámonos que se pode encadrar máis como modelo de asesoramento que de orientación debido ao seu carácter indirecto cos nenos, a defensa da simetría entre os diversos profesionais, a bidireccionalidade e a prevención pero tamén corrección.

 A continuación, para ter máis claros os modelos de asesoramento estiven buscando e atopei un documento moi interesante no que se cita a Parrilla, 1996 (en Murillo, 2004) e no que se sinalan catro modelos de asesoramento:

  1. Asesoramento terapéutico. Pon a énfase no individuo e parte da concepción do asesor como experto ou técnico que domina determinados contidos, técnicas ou habilidades, en función dos cales pode resolver os problemas dos alumnos individualmente. A idea de escola non soe ser moito máis que a do contexto físico no que os profesores ensinan para que aprendan os alumnos.
  2. Asesoramento individual/colaborativo. Séguese pondo a énfase no individuo, sen embargo abandónase a visión experta e especializada que fai cambiar a relación xerárquica e dependente. Caracterízase pola busca e o desenvolvemento de programas e estratexias de intervención planificadas e desenvoltas colaborativamente por distintos tipos de profesionais. 
  3. Asesoramento de consulta/recursos. Pon a énfase na escola, pero dende o punto de vista experto. Pénsase dende este modelo que o asesoramento non ten que dirixirse tanto aos alumnos como a escola, a súa estrutura, cultura,… posto que só así pode chegar a ser efectiva e dar resposta aos problemas que se presenten. Sen embargo, non se asume unha óptica colaborativa implicando que os seus profesionais sexan visto como técnicos cuxos coñecementos específicos poden ser extrapolables.
  4. Asesoramento curricular. Céntrase na escola dende unha óptica colaborativa, é dicir, a dimensión colaborativa e a institucional únense para xerar un modelo que asume a cooperación como estratexia básica de aprendizaxe e desenvolvemento profesional e que ten como foco unha visión global da escola da que se destaca a súa capacidade para aprender. A actuación de asesoramento diríxese así ao desenvolvemento da mellora da escola mediante a capacitación profesional dos profesores.

 

Webgrafía: Murillo, P. (2004). Hacia la construcción de un nuevo modelo de asesoramiento/supervisión. Educare, nº 5, año 2, 44-57. (Extracto do traballo “Estrategias centradas en el asesoramiento para la innovación”). En: http://prometeo.us.es/idea/publicaciones/paulino/17.pdf (Visto o 10/03/2012)