Falando das prácticas II

Unha das concellerías de As Pontes é a dos Servizos Sociais e Atención ao Cidadán, que nos ofrece, entre outros, o Servizo Psicopedagóxico Municipal. Este servizo está adicado á atención psicopedagóxica, social e educativa da poboación infanto-xuvenil do concello e ás súas familias, contando con programas dirixidos á primeira infancia (0-6 anos), á idade escolar (6-12 anos) e aos adolescentes e mocidade (12-18 anos), entre outros.

Durante o transcurso destas prácticas desenvolvín tarefas nos tres ámbitos citados anteriormente (aínda que cunha incidencia maior no ámbito da idade escolar), dentro dalgúns dos programas que se desenvolven dende o Servizo Psicopedagóxico, os que a continuación describirei xunto coas actividades realizadas e os obxectivos acadados nas mesmas.

Dentro da primeira infancia, colaborei cos seguintes programas:

  • Programa de atención temperá. En colaboración coa Escola Infantil Municipal, a cal visitamos unha vez á semana, levamos a cabo tarefas de observación, valoración e seguimento dalgúns cativos con necesidades educativas especiais que se poden producir a causa de discapacidade, enfermidade ou situación familiar. Os obxectivos principais a acadar con este programa son atender e compensar estas necesidades que poida presentar o alumnado de educación infantil traballando de maneira individual con cada familia, e colaborar co profesorado da escola e coa ANPA. Dependendo da valoración, pódese derivar o caso a outros profesionais, así como tamén recomendar certas actividades deportivas.
  • Programa de educación familiar. Atende a familias con menores a cargo que necesitan dunha intervención de carácter integral, no sentido da adquisición de habilidades de atención, coidado e educación para o adecuado desenvolvemento dos menores. Os obxectivos deste programa son fomentar a capacidade de autoorganización do núcleo familiar e garantir os dereitos dos  menores, principalmente. Para iso, desenvólvense tarefas de carácter educativo e informativo para estas familias, e achéganse os recursos mínimos que sexan precisos.

Dentro da idade escolar, realicei tarefas nos seguintes programas:

  • Programa de atención psicopedagóxica individual. Aténdense problemas e situacións que afectan o desenrolo persoal, escolar ou familiar dos nenos e nenas: dificultades escolares, problemas de atención, enurese, encoprese, celotipia, medos, problemas da linguaxe, situación familiares problemáticas, maltrato familiar e calquer aspecto que sexa importante na vida dun neno ou nena en xeral. O obxectivo é mellorar a situación de partida optimizando o desenvolvemento dos nenos e nenas. As tarefas desenvolvidas son principalmente as de información e asesoramento a pais e elaboración de medidas educativas para poñer en práctica.
  • Programa de reforzo escolar.  Dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais (discapacidade, problemas e/ou dificultades familiares, alumnado estranxeiro,…), cos obxectivos de facilitar a súa integración escolar e social e desenvolver actitudes positivas cara ao traballo académico potenciando as súas habilidades básicas de razoamento, comprensión lectora, vocabulario e expresión escrita. As tarefas que se realizan son de atención a este alumnado en horario de tarde, reforzo e apoio escolar, educación en valores, etc.

Por último, para os adolescentes e a mocidade, participei nos seguintes programas:

  • Programa de atención psicopedagóxica individual. Aténdense as necesidades deste colectivo cos obxectivos xerais de mellorar a súa situación e ofrecer un apoio. O motivo de consulta pode ser moi variado: problemas familiares, de conduta, trastornos alimentarios, consumo de substancias, dificultades de aprendizaxe, abandono escolar, acoso escolar, maltrato familiar,… As tarefas que se realizan principalmente son de información e intervención.
  • Programa de alfabetización de adultos. O obxectivo do programa é ampliar e dinamizar a cultura e a formación das persoas adultas, ensinar e reforzar a lecto-escritura, nocións básicas de cálculo, ampliar o vocabulario, elevar a autoestima,… As tarefas son de educación e orientación, principalmente.

Ademais das tarefas relacionadas cos programas, case a diario elaborabamos información que subiamos á páxina do servizo psicopedagóxico municipal, www.educaspontes.es, co fin de informar á poboación en xeral. Uns exemplos son as entradas do Día das persoas con Discapacidade ou da controversia provocada pola LOMCE.

Tamén tivemos un papel especial debido á época de Nadal na que nos atopamos, e foi o de responder ás cartas enviadas polos rapaces e rapazas da vila aos Reis Magos. Deste xeito, seleccionabamos un libro tendo en conta a idade (ou a letra, cando a idade non estaba explícita) para enviar coa resposta de Melchor, Gaspar e Baltasar.

Debo dicir que este proceso de prácticas foi para min distinto aos vividos anteriormente, xa que as funcións dos equipos psicopedagóxicos municipais difiren un tanto das dos departamentos de orientación dos centros educativos, aínda que si son complementarias e ámbalas dúas contribúen á mellora progresiva da calidade na educación e levan a cabo labores de asesoramento.

A situación nova coa que me atopei arredor doutras institucións educativas considéroa un bo complemento á miña formación en psicopedagoxía, así como tamén unha enriquecedora experiencia persoal e profesional. 

 

"Na infancia xógase sempre o destino da humanidade".

Uriel Ospina