Mil euros de incentivo… ¿al mal estudiante?

   Mil euros de incentivo… ¿al mal estudiante? é o título da noticia que se nos entregou nunha das sesións de clase e que persoalmente considero un tanto denigrante para o prestixio da educación pública, pois xa bastante controversia existe desde os últimos tempos arredor dela. Medidas coma esta deixan bastante que desexar, baixo o meu punto de vista, claro está.

   Desprestíxiase a educación pública non so con estas decisións políticas senón tamén polo momento no que se fan, un momento bastante malo para a economía española como para que en Estremadura se premie a aqueles estudantes que nun momento dado non estudaron en que agora por facelo reciben nada máis e nada menos que 1.000€.

   Baixo o meu punto de vista, todos estes cartos poderían ir destinados a outras cousas que realmente nestes intres están a precisalo moito máis, pois se o pensamos ben....tanto nos como todas as persoas que nestes momentos estudamos, recibimos algunha compensación económica durante toda a nosa vida académica polo mero feito de estudar?Hai persoas que reciben becas, máis ou menos cuantiosas, para que poidan permitirse formarse nas distintas universidades pero non para promover o estudo daqueles que cando tiveron a oportunidade de formarse non a aproveitaron.

   Paréceme ben que se promovan programas destinados a proporcionar os estudos a aquelas persoas que por un motivo ou outro, por non querer ou non poder estudar non o fixeron, e que nestes momentos se lles brinde esa posibilidade é algo que deberían aproveitar; pero desde logo que sexan premiados con tal cantidade económica non me parece nada ben, que os compensen con outras medidas pero non con cartos. O simple feito de recibir unha compensación económica pode derivar en que aqueles que agora decidan estudar, o fagan por eses 1.000€ que ó mellor fanlle falta para determinadas cuestións económicas que nada teñen que ver co plano educativo e non verdadeiramente para aprender e sacarse o título que non teñen.

   Gustaríame salientar unha frase do texto que corresponde a Sergio Velázquez que afirma que Tenemos el derecho moral de no dejar tirados a jóvenes que dejaron de estudiar, para trabajar en la construcción o por lo que sea, y ahora están en el paro y sin formación”. Por suposto que somparto a idea de que estar persoas teñen todo o dereito de estudar e formarse, pero para min é inmensamente inmoral o feito de ter que pagarlle a estas persoas tal cantidade de cartos para que saquen un título; digamos que neste momento é unha obriga aprobar todo para conseguir o título (e os cartos) pero no seu momento cando estas persoas tiñan verdadeiramente que sacalo, non era entón unha obriga?Se aquel día no que estas persoas foron tan maduras para decidir que non querían seguir estudando para traballar porque era máis interesante gañar un soldo (na maioría dos casos todos querían ter cartiños no bolsillo), agora que decidiron volver a estudar, que tamén sexan tan maduras como antes e que o fagan sen ningún tipo de retribución económica, salvo as posibles becas que lles poidan conceder por non poder afrontar o gasto que supón a adquisición do material ou o desprazamento e vivenda se non é no seu lugar de residencia.

   Así mesmo, non creo eu que con este tipo de medidas se vaia a reducir o fracaso escolar, pois este problema débese afrontar desde outras perspectivas. Tamén hai que salientar que estase sometendo ó profesorado á presión social, pois semella pouco o desprestixio e presión que a sociedade manifesta sobre eles que grazas a este tipo de medidas aínda se promove máis.

   En definitiva, eu mostro un total desacordo con esta medida como se pode comprobar durante todo o documento, pois non creo que o incentivo dos 1.000€ faga do mal estudante un bo estudante.