• Blogs
  • ...
  • Resiliencia: capacidade fundamental do profesorado.

Resiliencia: capacidade fundamental do profesorado.

Hoxe falarei sobre un concepto que se atopa directamente relacionado coas anteriores entradas sobre o benestar e o malestar docente e do que se falou na clase en numerosas ocasións: a resiliencia.

A resiliencia defínese como a capacidade dos suxeitos para sobrepoñerse a períodos de dor emocional e traumas. Cando un suxeito ou grupo é capaz de facelo, dise que ten unha resiliencia axeitada, e que pode sobrepoñerse a contratempos ou incluso resultar fortalecido por estes.

A resiliencia ten polo tanto unha grande relación co malestar docente, pois canto maior sexa a resiliencia dun profesor, menor será o seu malestar ou maior será a súa capacidade para sobrepoñerse a situacións difíciles. A continuación exporei os aspectos que axudarán a un profesor e a calquera persoa a ser resiliente:

  • A introspección, que faculta a persoa a entrar dentro de si mesma.
  • A independencia, que axuda a potenciar o establecemento dunha distancia emocional e física ante determinadas situacións, sen chegar a illarse.
  • A iniciativa, que capacita para afrontar os problemas e exercer control sobre eles.
  • O humor, que axuda a atopar o lado cómico das situacións adversas.
  • A moralidade, que invita a desexar unha vida persoal satisfactoria, ampla e con riqueza interior.
  • Habilidade para establecer lazos íntimos e satisfactorios con outras persoas.

 Polo tanto, considero que como se falou en diversas sesións da materia, a resiliencia é unha capacidade fundamental que os profesores deben posuír e traballar para superar posibles situacións de malestar docente. Isto é así xa que o malestar docente é unha situación innegable, que en ocasións se produce por condutas ou accións que incluso poden chegar a ser entendidas como propias da idade de certo sector de alumnos. Polo tanto, os profesores do século XXI máis que nunca teñen que ser “superprofesores”, pois xa non só teñen que ter coñecementos culturais, pedagóxicos, de relacións sociais... senón que é fundamental que teñan unha boa capacidade de resiliencia que lles permita sobrepoñerse a duras situacións que lles causen problemas e malestar.

 

Xa para rematar, gustaríame dicir que nas sesións nas que se falou de resiliencia sempre se falou dela como unha capacidade a desenvolver nos profesores e fundamental ante o malestar docente, pero na miña opinión tamén é moi importante propiciar a resiliencia nos alumnos, pois iso creará un clima de aula completamente positivo, e axudará a propiciar o benestar tanto de profesores como de alumnos. Entre os aspectos fundamentais para formar alumnos resilientes destacan os seguintes:

  • Apoio social dende dentro e fóra da familia.
  • Clima educativo emocionalmente positivo, aberto, orientador e rexido por normas.
  • Modelos sociais que estimulen a participación e condutas constructivistas.
  • Experiencia de autoeficiencia, confianza nun mesmo e concepto positivo dun mesmo.
  • Actuación positiva fronte ós indutores do estrés.
 
A información empregada para a realiación desta entrada foi extraída de: