Malestar docente

     Cando se fala de malestar docente faise referencia a un fenómeno que afecta a unha boa parte do profesorado e que se orixina en resposta a unha serie de factores ou acontecementos negativos que afectan ao devandito profesorado no marco educativo. Estas virían dadas, sobre todo dun incremento dos índices de tensión laboral ou burnout. Segundo Wikipedia, o burnout é un proceso de resposta múltiple a unha prologada tensión no organismo ante os factores estresantes, emocionais e interpersoais que se presentan no traballo, que inclúe fatiga crónica, ineficacia e negación do ocorrido, etc.

     Para poder falar máis polo miúdo de malestar docente, debemos primeiro falar das principais causas de dito padecemento. Podemos dividilas en dous bloques:

  • Factores de primeira orde: Son os factores que inciden directamente sobre a acción docente, é dicir, presentan un “carácter individual”; como a limitación de recursos materiais e condicións de traballo, a violencia nas institucións escolares ou o esgotamento docente e acumulación de esixencias sobre o profesor.
  • Factores de segunda orde: Son os referidos ás condicións ambientais ou ao contexto en que se exerce a docencia. Como exemplo podemos cita a modificación no rol do profesor, a modificación do apoio do contexto social, o cambio de obxectivos do sistema de ensino e do avance dos coñecementos, ou a transformación da imaxe do profesor

 

Cales son os principais síntomas dun docente “queimado”? Os profesionais do campo educativo que padecen de burnout séntense insatisfeitos co seu traballo, e presentan actitudes de aburrimento e negativas ante o mesmo, así como ante os alumnos. Son persoas que moito máis irritables, que padecen enfermidades con frecuencia, problemas de memoria, cansazo, e, en última instancia, depresión.

 

Estes síntomas, sumados ao sentimento de desconcerto e insatisfacción ante os problemas reais da práctica do ensino, traen consigo consecuencias moi nefastas, tanto para o profesional coma para o alumno. Entre elas cabe destacar: peticións de traslado, desexo de abandonar a docencia, absentismo laboral, esgotamento, ansiedade (podendo chegar a ser permanente, é dicir, chegando a converterse nunha enfermidade mental), tensión, depreciación do eu e autoculpabilización, e depresión.

                        Burnout

Con que estratexias podemos evitar ou afrontar mellor o malestar docente?

Esteve (1994) propón dúas formulacións posibles para tentar evitar ou soportar mellor o burnout:

  • No proceso de formación inicial: Aquí establece tres puntos de actuación: establecemento duns criterios de selección para o acceso á profesión docente, substituír enfoques normativos por enfoques descritivos, e adecuación da formación inicial á realidade práctica.
  • No proceso de formación permanente: Unha escasa preparación inicial do docente non condiciona o resto da súa vida laboral, xa que se segue unha adecuada formación permanente, pode, en pouco tempo ser quen de seguir o ritmo do seus compañeiros.

 

Con todo isto pódese concluír con que, a pesares de que o malestar docente é unha afección da que a sociedade descoñece as súas características, causas e consecuencias; é un fenómeno de gran transcendencia individual e social, xeneralizado en todos os niveis do ensino. E é que o número de profesionais afectados é o suficientemente importante como para que se siga investigando sobre el.

Cando un profesional do campo da educación non desenvolve o seu traballo como debería ser, eles non son os únicos prexudicados, senón que con eles vense afectados moitos alumnos, o clima de traballos do centro, así como a calidade do ensino.

O primeiro paso para superar un problema é aceptalo, polo que é importante informar sobre o mesmo, xa que, probablemente, existan moitos profesionais que padezan esta afección e non sexan conscientes.

Neste sentido, algunhas Comunidades Autónomas decidiron organizar xornadas formativas que tiñan este tema como eixo central, o cal é, sen lugar a dúbidas, é xerador de controversia e causa de descoñecemento.

Dende o meu punto de vista, traballar esta afección de xeito oficial é moi interesante, posto que non é un problema que presente casos illados, senón que pola contra se expande, cal pándega; unha que non se pode solventar co illamento e posta en corentena. É unha afección que precisa ser falada e traballada en grupo; non é un problema individual, senón colectivo.

En resumo, este malestar atópase presente en todas as escolas, centros e institucións educativas e non se cura cunhas pastillas que nos recete o doutor, se cura co día a día e co afán de superarse.

 

Fontes:

http://www.estres.edusanluis.com.ar/

http://www.rieoei.org/oeivirt/rie02a09.htm

http://es.wikipedia.org/wiki/Burnout_(s%C3%ADndrome)

http://www.bolinfodecarlos.com.ar/malestar_docente.htm

http://www.estres.edusanluis.com.ar/2010/12/stress-docente-conclusiones.html