Comentario á LOMCE

Se algo debemos ter claro é que a educación é un dereito fundamental, así como a base do noso sistema político, laboral e económico. A educación é o que organiza, na maioría dos casos, o noso modelo social e o reparto das riquezas.

Dende que en 1987 se aprobou a Constitución, xa se promulgaron seis leis orgánicas de educación, con diferentes e utópicas finalidades, que non acadaron, en ningún caso, os seus obxectivos; e que duraron moi pouco, chegando inclusive a existir unha “non nata” (LOCE, 2002).

Seguindo na liña de continua reforma, e na procura dun milagre que faga desaparecer os problemas do noso sistema educativo, o actual ministro de educación José Ignacio Wert decidiu que sería el, xunto co actual Goberno, quen atoparía resposta a todas as cuestións que foron xurdindo ao longo dos anos de transcurso da educación en democracia. A diferenza dos demais el propón unha nova reforma educativa que parte dos seguintes parámetros:

-         Recortes, recortes, recortes e máis recortes.

-         Aumento da competitividade entre os alumnos.

-         Darlle un aspecto despótico ao modelo de educación e desvalorizalo.

-         Restarlle relevancia ao papel do profesor, dentro do centro.

-         Un currículo oculto cargado cunha ideoloxía conservadora.

O abandono escolar, o absentismo e os baixos resultados acadados en probas internacionais (como exemplo PISA), son claros exemplos de que estamos ante un sistema educativo que non cumpre os seus obxectivos, e que precisa certos retoques.

Reducir a inversión en educación nunca será a solución aos problemas, que dito sistema poida presenta, xa que máis alumnos por aula, medios anticuados que non son útiles para os novos conflitos que van xurdir, menor posibilidade de inversión por parte dos centros, que deberán cerrar, máis, a uns alumnos que piden cada vez un contacto maior co entorno para enriquecerse... Un momento que esixe que o sistema educativo saque os seus tanques a batallar e España presenta a súa proposta de mosquetón.

Cando a sociedade vese no filo da navalla do respeto e a tolerancia, a LOMCE dalle o último empurronciño que precisaba para tirar pola borda todo o traballo que se fixo en igualdade: medir todos e cada un dos resultados.

Que vai pasar cos rapaces que estean escolarizados en centros ordinarios, pero que presenten características especiais: déficits cognitivos, síndromes de Down...?

Sen lugar a dúbidas a crecente competitividade social está converténdonos en entes carentes de valores que non ven máis alá dos seus propios fociños. Logo, se nos centros educativos xa non se amosa que cada neno é diferente, e que iso non é malo, que vai pasar agora? Como podemos continuar crendo que é normal que todos os rapaces teñen ritmos diferentes e habilidades distintas se os imos poñer a todos trás a mesma proba, sen prestar atención as súas necesidades, e etiquetar o seu futuro a través dun número? Onde queda a educación en valores con este modelo? Polo que parece xa non hai sitio para ela.

                    Oportunidades

Se nos fixamos, algo moi interesante dentro da Lei Orgánica de “Calidade” Educativa, o papel do profesor queda relegado a unha mera figura encargada de transmitir coñecementos. O seu lugar na toma de decisións no centro desaparece. A perda de autonomía do docente e do Consello Escolar (que pasa a ser un mero órgano consultivo) en detrimento dunha dependencia do departamento de dirección, provocará que calquera director despótico, que non comprenda a situación individual de cada rapaz, se poña aplicar medidas que non son as adecuadas para cada cativo. A onde quixo chegar o ministro Wert con isto? O tempo dirá.

Sabido é por todos que o sistema educativo adoutrina aos nenos e están, principalmente, deseñado para permitir a continuidade do sistema e evitar rebelións sociais, sometendo os contidos a cargas ideolóxicas, mais se ollamos, máis polo miúdo, e coas gafas doi pensamento crítico postas, desta volta o disimulo nas inxeccións ideolóxicas na educación son moito menores que en anteriores reformas. Tal vez haxa quen pense que esaxero, pero facer desaparecer a materia de Cidadanía, e substituíla por outra na que non aparecen recollidos puntos tales como a aceptación ao matrimonio gay... Non creo que só eu perciba a man do neoliberalismo, do neoconservadurismo e da Igrexa de fondo.

 

Sendo moi crítica con esta nova medida, do Goberno da austeridade do señor Rajoy, afirmo que o noso país camiña pola senda da vergoña, da ignorancia e do illamento social do individuo. Considero que esta nova lei atenta, de pleno, contra a igualdade, os valores, e, en xeral, contra o futuro dos nenos que teñan que padecer este novo modelo educativo.