• Blogs
  • Pablo
  • Coñecementos previos sobre o e-portafolio

Coñecementos previos sobre o e-portafolio

  • Borrador
Por Pablo

Ola,

nesta nova andaina polo camiño da asignatura de “Asesoramento curricular a centros e profesores”, quero comezar partindo da seguinte idea de Ausubel:

O factor máis importante que inflúe na aprendizaxe é o que o alumno xa sabe. Averíguese isto e ensínese en consecuencia” D.P. Ausubel

Para poder descubrir cousas novas e camiñar no coñecemento é necesario que faga unha reflexión e que bote unha ollada aos meus coñecementos previos sobre catro conceptos básicos desta materia: por unha banda o e-portafolio, e pola outra os tres conceptos que se recollen no título desta asignatura (asesoramento, centros, e profesores)

Nesta primeira entrada quero centrarme exclusivamente no e-portafolio

Botando a mirada ao meu pasado formativo non atopei ningunha referencia práctica nin teórica respecto a elaboración dun e-portafolio, se cadra, o máis parecido foi a elaboración dun diario de aula de diferentes sesións prácticas, nas que deixaba recollido o vivido e as miñas percepcións e valoracións en base ao experimentado en dita sesión.

Por tanto para min a elaboración dun e-portafolio é algo novo, polo que a miña interpretación sobre está ferramenta se basea no observado nos diferentes e-portafolios que hai nesta Rede social. Tendo en conta todo isto, para min un portafolio é unha ferramenta que está ao servizo da avaliación formativa. Serve para recompilar o traballado ao longo dun determinado tempo (curso escolar, asignatura, sesións,...) facendo visible o proceso de aprendizaxe durante este tempo. Ademais, o feito de ser virtual e aberto para unha rede de estudiantes e profesionais (como é este caso) permite o enriquecemento de forma conxunta e descubrir e construir o coñecemento de forma persoal.

Supoño que durante a elaboración do mesmo, esta definición ou idea inicial, completarase a través da experiencia práctica.

En vindeiras entradas seguirei profundizando nos meus coñecementos previos, e indagarei sobre o concepto de asesoramento.

Saúdos