Coñecementos previos sobre "centros"

Por Pablo

Boas,

Pode parecer estrano que me mergulle nos meus coñecementos previos sobre o concepto de “centro”, pero penso que a idea que se ten do mesmo non é igual para todos e todas, e en función de como o entendas, traslúcense outros conceptos máis amplos, como idea de infancia, idea de familia, idea da educación...

 

De forma moi básica podería definir un centro educativo, como aquel lugar onde se escolariza aos alumnos e alumnas para que adquiran os coñecementos establecidos por un currículo determinado, para o que contan con un profesorado que se encargará de guiar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

Existen moitos centros educativos con diferentes titularidades: privados, públicos e concertados. Estes centros (os privados e concertados principalmente) poden ser laicos, relixiosos, segregadores por razón de sexo,...

 

Para min un centro educativo ten que ser público, pois isto fai que a igualdade de oportunidades sexa común para todos e todas e non dependa do poder adquisitivo de cada familia. Non pode haber unha escola de ricos e outra de pobres. Igualmente a escola ten que ser laica, pois estamos nun estado aconfesional, polo que no meu ideal de centro educativo non ten cabida o adoutrinamento dende pequenos nunha única relixión, en todo caso, tería cabida unha asignatura na que se profundizase en aspectos históricos de diversas relixións, pero nunca unha única relixión.

 

Así mesmo, a escola ten que deixar de ser un muro infranqueable para as familias dos nenos e nenas, e converterse nunha ponte que estableza nexos de unión e camiños compartidos entre o profesorado e as familias, para establecer un traballo conxunto que beneficie a cada neno e nena. Igualmente debe ser un lugar de encontro social, no que se comparten experiencias entre todos os membros da comunidade educativa, por tanto, pásase dun rol pasivo da familia a un rol activo.

 

A escola ten que contar con un profesorado disposto a colaborar, a compartir, a observar e escoitar á infancia, a colaborar coas familias,... no que o traballo en equipo sexa unha realidade, e a actualización permanente lle axude a guiar aos nenos e nenas no seu desenvolvemento. E por último e máis importante, un centro educativo ten que ser un lugar pensado para o neno/a, tendo en conta as súas necesidades e especialmente as súas potencialidades.

 

Este é un breve retazo de como considero eu que debería de ser un centro educativo, agora ben a realidade é ben distinta, pois a escola é un espello da sociedade actual e reflicte claramente a crise, principalmente de valores, que se está a vivir neste país. E máis seguirá estando en crise coas políticas educativas propostas (ou executadas) polos sectores máis conservardores do poder. Tan só hai que ver os cambios efectuados na LOE polo goberno actual, co ministro de educación Wert na cabeza do mesmo, ou os comentarios que Esparanza Aguirre fixo recientemente sobre a separación por sexos nos centros.

 

A escola de hoxe en día está anticuada e necesita adaptarse ás necesidade das novas realidades. O centro educativo deixou de ser a primeira fonte de coñecemento para os/as alumnos/as, sendo moi poucas xa as "primicias" informativas que se reservan para a escola. O alumnado é bombardeado por distintas fontes, que chegan mesmo a producir unha saturación informativa; nin sequera deben buscar a información, é esta a que en formatos case sempre mais áxiles e atractivos que os escolares, búscaos a eles.


Como consecuencia, os/as alumnos/as cando van estudar Química, Física, Historia ou Inglés teñen xa coñecementos procedentes do cinema, as cancións que escoitan ou a televisión. Pero trátase de información deslavazada, fragmentaria e ás veces mesmo deformada. Por tanto, o que necesitan os/as alumnos/as da escola non é tanto máis información, senón, sobre todo, ser capaces de organizala e interpretala, de darlle sentido, e sobre todo, ser capaces de buscar, seleccionar e interpretar a información. Xa non se trata da transmisión de coñecementos e información, senón da capacidade de formación do pensamento e do desenvolvemento de actitudes e capacidades para actuar racionalmente.

 

O problema reside en que a escola está ancorada, e vaise adaptando con moita lentitude aos cambios que se producen na sociedade. Quizais a súa crise interna teña moito que ver con isto. En canto se trata de adaptarse a algo novo, probablemente xa hai algo aínda máis novo que fai que o anterior se volva insubstancial. Seguramente a política teña parte de culpa, pero non debemos externalizar o problema.


A escola chegou a un punto en que os coñecementos que ofrece non conseguen modificar os esquemas dos alumnos, en boa medida porque non atopan relación entre o que estudan nas aulas (cultura académica tradicional) e o que aprenden na súa vida cotiá. Para eles, os coñecementos escolares non son útiles, só os memorizan, só os aplican aos problemas expostos en clase, demasiado afastados dos problemas que se atopan na vida cotiá.


Por tanto, é evidente, que se precisa dun cambio, a escola ten que dar un xiro de 180 graos, e o seu obxectivo prioritario para formar aos cidadáns, debe ser, provocar a reconstrución do coñecemento que cada neno/a adquiríu de forma empírica, ocasional, desorganizada e frecuentemente de modo acrítico e inconsciente, nos intercambios coa natureza, a cultura, as institucións, as persoas,... e de modo moi singular cos medios de comunicación, ao longo da súa vida cotiá. Outra escola é posible, pelexemos por ela.

 

Con esto dou por rematada a miña reflexión sobre este termo, na seguinte entrada do blogue profundizarei sobre a conceptualización de “profesorado”.

 

Saúdos.