• Blogs
  • Pablo
  • Coñecementos previos sobre "o profesorado"

Coñecementos previos sobre "o profesorado"

Por Pablo

Boas,


a continuación vou tentar recoller o que entendo que debe ser o rol do profesorado na escola actual, partindo dunha serie de cuestionamentos que me levo facendo dende hai tempo. Vale calquer persoa para traballar como un profesional da infancia? Deberíanse esixir certas actitudes e aptitudes ás persoas que traballan con nenos e nenas? Os procesos selectivos garanten un profesorado capaz e suficientemente preparado para traballar en un centro educativo? A universidade está actualizada como para preparar ao profesorado en base as necesidades actuais? Os prácticum das carreiras realízanse en centros de referencia, ou calquer centro e válido? Que lles importa máis as administracións educativas: un sistema con un profesorado ben preparado e en contínua reciclaxe ou un profesorado acomodado? Que contido é máis importante transmitir ao alumnado, o inglés ou a capacidade de escoita, de pensamento e de empatía? Fórmase para pensar e decidir, ou para obedecer?...

 

Así podería continuar con máis plantexamentos, pero creo que son suficientes como para transmitir a idea que teño respecto ao sistema educativo, e concretamente sobre o profesorado. Para min, calquer persoa non pode ser profesional da infancia, e como dixen nunha anterior entrada deste blogue, ten que ser un profesorado disposto a colaborar, a compartir, a observar e escoitar á infancia, a colaborar coas familias,... no que o traballo en equipo sexa unha realidade, e a actualización permanente lle axude a guiar aos nenos e nenas no seu desenvolvemento. Ademais deberíaselle esixir unha certa sensibilidade e capacidade afectiva, un alto grao de empatía cos outros e unha gran capacidade de observación e análise. Por tanto, o papel do profesorado non pode ser definido como o de productor e reproductor do coñecemento, senón como un axente de cambio que exerce o seu traballo de forma crítica, colectiva e autoesixente en beneficio da infancia.

 

Partindo desta definición, e facendo unha reflexión xenérica, pois sempre existen excepcións, o profesorado e as metodoloxías que se empregan tamén están en crise.

 

Hoxe en día todavía se seguen levando a cabo modelos de ensinanza tradicionais, que consideran ao alumnado como tábulas rasas, aos que non se lle teñen en conta as súa experiencias e ideas previas, e apoiandose na visión positivista da ciencia, onde todo coñecemento científico é a verdade absoluta que non admite discusión. Ademais, este coñecemento é transmitido por igual a todo o alumnado, obviando as características individuais, as necesidades, os ritmos de aprendizaxe... de cada neno/a, na búsqueda da homoxenización da ensinanza e da aprendizaxe.

 

A lexislación e por tanto o curículo vixente, están enmarcados nunha concepción construtivista da aprendizaxe e da ensinanza escolar, pero a realidade é que hai unha clara desconexión entre a teoría e a práctica nos centros educativos. O ideal, tal e como propón Ausubel, sería traballar partindo das ideas previas do alumnado, pero a realidade no noso sistema educativo e outra ben distinta, dado que, na maioría das escolas non se teñen en conta os coñecementos previos dos alumnos/as, nin os seus intereses, aínda que, seguramente esta premisa está recollida en documentos de centro, perfectamente elaborados, utilizando modelos base das editoriais que están completamente descontextualizados e que se repiten ano tras ano, pero que non reflicten a práctica educativa nin a realidade.

 

Na actualidade o gran aliado do mestre é o libro de texto, o cal se segue ao dedillo, non vaia ser que nos deixemos parte do currículo sen dar. E onde está o interese do alumno, e das familias, e da comunidade en xeral?Como di Juan Delval (1994) hai dous aspectos chave: “os libros de texto fanse cada vez máis voluminosos, e sabemos que eles son os que en definitiva dictan o que se fai nas aulas, na maioría das aulas, moito máis cos programas escolares” e pola outra, a resistencia dos elementos sociais que consideran que é necesario que as crianzas aprendan todos eses contidos escolares, dado que lles serán moi útiles nun futuro. Isto é un claro exemplo de que, a pesar de que se proclame que a aprendizaxe ten que ser construtivista, a realidade é que na maioría dos centros o que impera é a concepción tradicional de inspiración condutista, na que a aprendizaxe se leva a cabo por pura repetición.

 

Outro exemplo desta realidade o atopamos no tramo da educación infantil. Esta etapa educativa caracterízase principalmente pola aprendizaxe a través do descubrimento e da manipulación e experimentación de diferentes materiais que sexán próximos á realidade dos nenos e nenas. Tendo en conta isto, a programación e planificación do traballo por parte do profesorado tería que ter en conta a realidade das crianzas que están ao seu cargo, pero a realidade, por norma xeral, é ben distinta, dado que na maioría das escolas o que prima son as fichas didácticas elaboradas polas editoriais.

 

Este material didáctico é moi atractivo, pois se axusta ao currículo, e permite visualizar o traballo feito ao final de cada trimestre, pois se lles pasan aos pais todas as fichas feitas polos seus fillos/as, xunto coas avaliacións (aspecto que lle encanta ás familias, e que, baixo o meu punto de vista, trasmite unha visión de esixencia e de resultadismo dende que os nenos e nenas entran na escola). Ditas avaliacións son totalmente cuantitativas e non reflicten a realidade, pois non parten dun seguemento continuo nin dun traballo reflexionado.

 

Por tanto, a cruda realidade é que a escola e o seu profesorado non teñen en conta os intereses dos seus actores principais, os nenos e nenas que conviven nela, e gran parte desta problemática xurde da falla de motivación do profesorado, que a súa vez non é capaz de motivar ao seu alumnado, e tamén da falla de innovación e de renovación pedagóxica. Por exemplo, a ninguén se lle pasaría pola cabeza empregar as metodoloxías utilizadas no século pasado na Sanidade, en cambio na educación isto si que sucede. Se puideramos viaxar ao pasado é traer un cirurxán/a e un mestre/a, e os poñemos a un/unha nun quirofano e a outro/a nunha escola, o cirurxán/a, probablemente non sabería nin por onde comezar, porque o escenario cambiou moito dende aquela, pero estamos seguros que, probablemente, o mestre/a sería capaz de dar unha clase. Tan só hai que ver as estruturas das aulas, que seguen a ser tradicionais, incluso os encerados son iguais que hai 50 anos, todos rectangulares e da mesma cor, para cando un encerado en forma ovalada ou redonda? Animo a quen corresponda que recolla esta idea.

 

Certo é que no momento actual non temos nada máis que recortes, e mais recortes, aumentos das ratios, baixas do profesorado que non se cubren,... aspectos, que de ser doutra forma, axudarían moito a que o traballo dos mestres e mestras fose máis tranquilo, planificado, próximo, respetuoso coas diferencias,... pero non esquezamos que coa educación estamos establecendo os piares dunha sociedade, e por tanto, a pesar da situación actual na que vivimos, na que non é sinxelo realizar grandes cambios, penso que o que este nas nosas máns debemos tentar melloralo, e por tanto ir camiñando con vista longa e paso curto, tendo claro cal é a meta a conseguir ou como diría Eduardo Galeano a utopía, dado que esta utopía, sírvenos para camiñar. Agardo algún día ser partícipe deste cambio.

 

Saúdos