Realmente a práctica do vídeo serviunos para algo?

Esta entrada será unha reflexión persoal sobre o vídeo que realizamos a miña compañeira (Silvia Serén) máis eu sobre como a tecnoloxía cambiou a nosa forma de aprender, de relacionarnos ou de solucionar problemas ó longo das nosas vidas debido a incorporación masiva da mesma.

            Primeiramente, indicar que o noso vídeo foi confeccionado no programa informático Movie Macker, no cal xa posuía unha experiencia expresa ó realizar máis vídeos ó longo da miña traxectoria académica e tamén persoal. Polo que posuía unha idea de como poderíamos encamiñar dito vídeo, porén, cos vídeos que nos proporcionou a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa” acerca de como crear un vídeo, as pautas polas que hai que guiarse, onde se escribe sobre o papel que música elixir, que imaxes, que texto vai aparecer no vídeo, que mensaxe desexamos que chegue ó espectador..., foi o intre no que se me abriu un mundo totalmente descoñecido para min, cando me dei conta que o que tivera facendo ata este ano eran vídeos si, pero carentes de formación específica para desenvolvelos correctamente, é dicir que máis me daba gravar a un neno en primeiro plano que alonxado? Que máis daba dende un plano superior ou inferior? Era unha linguaxe que afirmativamente, é lóxica, pero na que non me retera a pensar.

            Por outra banda, o feito de atopar un fío argumental que contestase á pregunta formulada pola profesora semellounos o máis complicado, xa que por un lado, respostar á cuestión era xa complicado, e por outro lado atopar o como reflectir a resposta no vídeo co mínimo de palabras posibles empregando só imaxes e música tamén nos pareceu unha tarefa ardua.

            Deste modo, case transcorreu unha semana na que botamos pensando sobre a resposta á cuestión: como mudou a miña forma de aprender, relacionarme e solucionar problemas coa tecnoloxía?

            Así, dar resposta a como a tecnoloxía influíu nas relacións que mantemos actualmente coas persoas en relación ó pasado foi sinxelo: a tecnoloxía impúxose de por medio nas relacións, xa non quedamos para conversar cos amigos, quedamos para conversar cos móbiles e algo cos amigos, por exemplo, dende o meu punto de vista.

            Do mesmo xeito, responder a de que maneira a tecnoloxía cambiou a nosa forma de solucionar problemas tamén a consideramos fácil de contestar: dende a miña óptica, somos menos abertos, no sentido de que se nos surxe calquera problema acudimos á web para ver que solucións existen, non llo comentamos a unha persoa dende o primeiro intre.

            E finalmente, contestar a como a tecnoloxía mudou a nosa forma de aprender resultounos un exercicio moi traballoso, con días de reflexión profunda sobre o tema. Deste modo, chegamos á solución: aprendemos movidos polo interese sobre algún aspecto, que fai que despleguemos a motivación suficiente para indagar máis sobre o tema e posteriormente nos quede retida esa información, aprehendéndoa e facéndoa nosa. É certo que aínda hoxe en día, cando ese interese polo tema en cuestión non existe seguimos empregando métodos de repetición e memorísticos do pasado, polo que a tecnoloxía non contribuíu a mudar esta situación. Pero, tamén observamos que a tecnoloxía fixo que a nosa personalidade se vise influída por esta, somos máis dependentes, menos reflexivos...patróns de conduta que modifican as formas de aprender, antes reflexionabamos, e a través desas reflexións establecíamos as unións axeitadas para entender, comprender e así, reter a información, aprender; hoxe en día buscamos as reflexións e escollemos a mellor, somos dependentes das tecnoloxías, para algunhas persoas pensar por si soas cústalles moito esforzo polo que se valen das tecnoloxías para superar este “mal trago”, volvéndose cómodos.

            Así, mediante o vídeo tentamos ensinar que películas, debuxos, programas...nos marcaron, crearon en nós uns valores e non outros, fomos construíndo unha conduta determinada grazas ás tecnoloxías que fixeron que teñamos unha interpretación da realidade e non outra, unha forma de aprender, de ollar diferente a dos demais.

            Unha vez concluído o vídeo, persoalmente, sentinme moi satisfeita e realizada, foron moitas horas de traballo para atopar o fío argumental do vídeo, así como a confección do mesmo. Neste momento só quedaba subilo e publicalo na páxina web de Vimeo. Pero non foi tan sinxelo, o vídeo seica era demasiado pequeno para poder subilo, feito polo cal estiven dende o xoves ata o sábado noite intentando procurar modos de poder publicalo: cambiei o arquivo a outros formatos, fixen unha conta na páxina web de Youtube para ver se aí por fin ía pero imposible, paseillo á miña compañeira polo e-mail pero non lle ía, preguntei a amigos, preguntei a un técnico informático que me comunicou que sería mellor que fixese de novo o vídeo, situación na que se me caeu o mundo encima logo de tanto traballo pasado para ó fin non conseguir nada. Desesperada púxenme en contacto coa profesora, que me tentou dar solucións que non serviron e que, finalmente tiven que acudir ó seu despacho para que me dese a mesma resposta que o técnico informático, xa que posiblemente o programa de Movie Macker estivese mal descargado feito polo cal ó subilo a web de Vimeo non se podía ver ningún tipo de imaxe, só escoitar a música.

            Volvendo producir de novo o devandito vídeo xunto coa miña compañeira non podía máis, e sen dúbida despleguei un rencor aínda máis profundo cara as tecnoloxías, aínda que son realista e non son estas as culpables do acontecido ou de outros feitos, senón que o problema radica na miña falta dunha formación clave en tecnoloxías, poder entender a linguaxe tecnolóxica para solucionar problemas desta índole.

            Considero que realizar este vídeo supuxo moito para os alumnos de Pedagoxía na materia de “Tecnoloxía Educativa”, xa que por unha vez reflexionamos sobre o aspecto da tecnoloxía (sendo o que trata a materia) na aprendizaxe dos alumnos (sendo un elemento da titulación en xeral), indagando e traballando en parellas para construír un vídeo resultante do emprego das novas tecnoloxías. Polo que desenvolvemos unha aprendizaxe con, para e nas TIC`s, unha aprendizaxe real froito do esforzo, traballo conxunto e diversión promovida polo mesmo vídeo. Aspectos polos que, na miña opinión, moitos dos meus compañeiros desexan volver repetir unha actividade coma esta. Aqueles que non o desexan, penso que son minoría e que, realmente non se esforzaron o suficiente para establecer as aprendizaxes precisas e así quedaren satisfeitos co traballo realizado, ou como foi o meu caso, houbo un sobreesforzo que non daba chegado á súa culminación. Porén, non cambiaría esta útil práctica por ningunha outra xa que me axudou a comprender moitos feitos relacionados coa tecnoloxía.

            Ademais, subir os vídeos a unha mesma páxina web fixo que apreciáramos o esforzo dos demais compañeiros, que observáramos de preto como traballan, e sobre todo que interpretación teñen das tecnoloxías que, dende o meu modo de ver, polo que puiden ollar non todos temos unha mesma idea de tecnoloxía e formas de aprender movidas pola mesma.

Sen máis, espero que o noso vídeo vos guste: