Curto e reflexións sobre o traballo dos vídeos.

Despois de visualizar a meirande parte dos vídeos dos meus compañeiros de Pedagoxía en Vimeo, quedo con dúas cousas certamente positivas.

O aspecto que apreciei nestes curtos que máis me chegou foi o compañeirismo que existe na nosa clase. Na meirande parte dos vídeos, incluído no realizado coa miña compañeira, podemos observar a participación de compañeiros que non formaban parte do grupo que leva a cabo a idea. Con isto, reafirmamos o noso compañeirismo, a ideoloxía cooperativista e as boas vibracións e relacións que se viven no noso curso. Para nós, un dos principios que debemos reenfocar é o de competitividade na educación, e que mellor que predicar co exemplo durante o noso proceso de aprendizaxe e instrución.

Outra das sensacións positivas coas que me quedo foi a facilidade que tivemos para realizar traballos de calidade. Cun simple móbil ou cámara e un ordenador, chegamos a ser capaces de gravar un curto no que expresamos a nosa experiencia e os cambios vividos por culpa da tecnoloxía. Algúns dos vídeos están mellor elaborados ca outros, principalmente polos coñecementos de creación cinematográfica propios de cada individuo, mais todos teñen certos matices persoais que fan que todos sexan valiosos.

Persoalmente, gustáronme máis os vídeos nos que os compañeiros actuamos, que os que simplemente puxeron fotografías. A parte do meu, os que máis me agradaron foron o de “Pen-drive life” e o de “Vídeo tecnoloxía”. O primeiro gustoume pola graza e énfase que lle deron os meus compañeiros, e despois de velo amoloume non andar pola facultade cando o estiveron realizando para saír nel tamén. O segundo gustoume polo enfoque de cine, neste caso soviético, dos anos 20 e 30, o cal admiro e respecto.

En definitiva, pareceume unha actividade realmente interesante. O curto realizado coa miña compañeira Sara foi realmente gratificante e só podo sacar aspectos positivos sobre todo isto.

PD. Deixo adxunto o vídeo realizado por Sara Cancelo e por min para que non tivese o pracer de velo xa. ;)

Error processing the video

Comentarios