Somos conscientes de todo o que nos pode ofrecer a rede?

A presente entrada vai estar adicada á realización dun resume sobre todo o referente ó que tratamos nas dúas últimas clases interactivas na materia “Tecnoloxía Educativa”.

            En primeiro lugar dicir que, aprendín moito nestas clases, xa que se tocaron aspectos descoñecidos para min, exemplos son a existencia de coadores, que deixan fóra todos aqueles documentos que non son académicos, así como a multitude de buscadores existentes (buscadores xerárquicos, buscadores en toolbar, multibuscadores (yippy, metacrawler, dogpile), metabuscadores, buscadores de noticias (cunoticias), buscadores de arquivos, ou mesmo buscadores de buscadores dos que non tiña constancia ningunha.

            A clase da semana pasada estivo máis dedicada a saber como nos movíamos pola rede, se sabíamos buscar información fiable. Feito, no meu caso que, aínda pensando persoalmente que realizaba correctamente as miñas procuras, deime de conta de que non é así, busco información como calquera persoa, escribindo aquelas palabras claves sen conectores no Google. Desta maneira, saíanme numerosos resultados, que na súa maioría eran páxinas pouco confiables. Así, mediante as pesquisas que nos encomendou realizar a profesora da materia de “Tecnoloxía Educativa” sobre buscar material que axude a descubrir como buscar información fiable, atopei moita información ó respecto, criterios como:

  • O lugar debe estar sendo actualizado de maneira regular, estando o artigo firmado e posuíndo data de edición.
  • Debe posuír do mesmo modo, un apartado no que veña a información de quen son os autores, quen o publica, etc.
  • O lugar na rede debe estar fundamentado con fontes e referencias.
  • A información do lugar non debe ser comercial, estando clarificado se o sitio recibe algún financiamento. 
  • Engadir un criterio importante afirmado varias veces pola profesora desta materia: non conformarse cunha soa fonte de información, hai que buscar fontes que critiquen a información recadada para saber os contrapuntos.

            Do mesmo xeito tamén encontrei sitios seguros que axudan na procura da información. Algúns deles son bibliotecas online gratuítas (The Free Library, Gallica, Questia), sitios de difusión de presentacións e de documentos orixinais online (SlideShare, Scribd) ou ferramentas de procura específica do Google (Google libros, Google Académico).

            Nesta clase do 9 de abril tamén recibimos un pouco de alfabetización dixital, porque os significados das abreviaturas de www, com ou org, entre outras, fóronsenos desvelando, e aprendemos variada información sobre os dominios (como compralos), ou por exemplo, os repositorios institucionais.

            Doutra banda, na clase de onte (16 de abril), fomos amosando no grupo interactivo o que atopáramos do que nos encomendara a profesora desta materia, para posteriormente deixarnos atónitos, ou polo menos no meu caso en concreto, ó presentarnos determinados buscadores, multibuscadores e marcadores sociais (delicious, diigo) dos que nunca escoitara falar nin tan sequera me retera a reflexionar da súa existencia. Ferramentas que facilitan moitísimo a nosa busca de información, sendo a información que nos brindan totalmente fiable, e diminuíndo moi considerablemente os resultados na procura que realicemos, materiais que sen dúbida empregarei con asiduidade.

            Finalmente, constatar que, estas clases interactivas serviron de gran axuda para a miña formación nos recursos TIC e que, o feito de deixarnos na clase da semana pasada que buscásemos a información demandada como o realizábamos habitualmente, para a continuación encomendarnos buscar maneiras sobre como procurar información fiable, e rematar coa clase de onte amosando todo o misterio dos buscadores, marcadores, coadores e demais, fixo que se dese un progreso enorme, polo menos, no meu caso en particular. Así, quedoume retida moita información: tanto a que se compartiu cos compañeiros no grupo-clase, a que procurei e indaguei polos meus medios, como a que nos transmitiu e explicou a profesora, información moi enriquecedora para o noso futuro tanto profesional como académico, que nos quedou aprenhendida polo mero feito de compartir, indagar, e atender e comprender ás explicacións brindadas.