Creatividade vs Tecnoloxía??

As novas tecnoloxías irrompen de cheo nas nosas vidas e aínda que nos benefician enormemente en múltiples situacións e aspectos, modifícannos moitos outros que son cotidiáns, do día a día e que proceden do pasado.

            Deste modo, foi a pasada semana cando reparei nun intre sobre a creatividade dos nosos nenos hoxe en día, e a creatividade dos nosos pais cando eran nenos no pasado. Así, estaba meu sobriño xogando cun tractor de xoguete totalmente esnaquizado, cando meu pai comenta: -“Antes construíamolos nós e tratábamos os xoguetes con moito coidado”-. Que está pasando na nosa sociedade a parte do tirar, comprar, tirar? Estamos a perder valores, aptitudes e actitudes de cara ó coidado, conservación ou protección? Convertemos ós nenos en máis dependentes, cómodos e carentes de creatividade ó non fabricar os seus propios xoguetes, xogos ou actividades para o lecer? Que sucede?

            Procurando pola rede máis información sobre o tema da creatividade nos máis pequenos só puiden atopar información que expón o gran beneficio que supón a tecnoloxía para os nenos, xa que poden realizar actividades interactivas, participativas e creativas mediante o aparello tecnolóxico por excelencia: o portátil. Pero, dende o meu punto de vista, que ocorre co desenvolvemento da creatividade para construír ou crear un xoguete? En que posición quedan esas habilidades manuais e ese razoamento lóxico-práctico para fabricar aquilo que desexemos? Isto lévame a pensar no que será nun futuro, de profesións como as de carpinteiro, desaparecerán? Comento este exemplo porque, suponse que como se fai xa hoxe en día, unha ferramenta tecnolóxica deseñará o moble que desexemos, pero á hora de construílo, segundo a miña óptica, nun futuro non haberá carpinteiros, xa que haberá máquinas encargadas de suplantar o traballo destes, como unha produción en cadea, homoxénea (que ese é outro punto, sen heteroxeneidade, e polo tanto sen creatividade), os carpinteiros serán só supervisores destas máquinas.

            Voltando ó tema principal, é certo que atopei varios documentos nos que se explican as vantaxes do emprego das tecnoloxías para desenvolver a creatividade.

Debemos plantearnos dos claros enfoques: por un lado, dicha fusión es casi total en la actualidad, en lo referente a la fusión del proceso creativo y las TIC, si dicho proceso creativo lo hacemos análogo al proceso de producción (audiovisual); y por el otro lado, la fusión que podría generar un medio y un lenguaje nuevos, es un tema que aún debe sufrir su maduración, pero el horizonte se está abriendo". (Paniagua, 2001).

            A través da cita, percíbese como a tecnoloxía e a creatividade son elementos que van xa hoxe en día collidos da man, e que claramente, tamén dende o meu punto de vista, isto vai conlevar a novas linguaxes e novos medios, xa que como comentaba anteriormente, xa non imos construír artefactos manualmente, senón coa axuda das tecnoloxías, como se foran a nova escuadra e cartabón. Fabricaremos a teoría dun obxecto que desexemos  co apoio das tecnoloxías, e serán estas as que, segundo a miña maneira de ollar, nun futuro realizarán e reproducirán esa teoría, converténdoa nun obxecto real, desbotando ós humanos do contacto manual e das habilidades mecánicas.

 

BIBLIOGRAFÍA:

Paniagua, E. (2001). La creatividad y las tecnologías de la información y las comunicaciones. Anales de Documentación. Revista de Biblioteconomía y Documentación, 4, (4), 179-191.