Buracracia e tecnoloxía na escola

  Unha das cuestións que máis me chamou a atención nas últimas clases expositivas, nas que se falou dos programas de dotación de tecnoloxía na escola, foi a que aludía ao predominio dos usos administrativos sobre os pedagóxicos. Isto manifestabase por exemplo no feito de que cando aos centros lles eran suministrados ordenadores, estes eran colocados prioritariamente nas secretarías, dirección, xefatura de estudos ou calquera outra dependencia de corte administrativo. É dicir, se lle daba prioridade á función burocrática antes que á educativa. Isto fíxome lembrar as clases de Organización de Centros Educativos, nas cales tratamos o tema da cultura burocrática dos centros. Ao poñer en relación os contidos tratados nas dúas materias, e analizar algunhas das características dos modelos burocráticos dinme conta dunha serie de cuestións que me chamaron poderosamente a atención:

 

-Grande importancia dos documentos administrativos

 

-Forte xerarquización dentro do centro

 

-Forte regulamentación no respecto á esixencia de documentación

 

-Grande importancia do control burocrático.

 

Relacionándoo coa cuestión das TIC na escola, podemos ver como éstas (segundo as investigacións citadas pola profesora) nun primeiro momento se puxeron ao servizo da elaboración e organización da documentación administrativa do centro, isto é: antes os despachos que as aulas. Ao meu entender isto obedece tamén á propia xerarquización do centro, na cal os alumnos e alumnas (como non podería ser doutro xeito dentro deste obsoleto modelo organizativo), ocupan o ultimísimo lugar. Tanto é así, que ata incluso a elaboración eficaz de documentación se pon por enriba da formación do alumnado. Neste sentido chamoume fortemente a atención durante a realización do prácticum o feito de que, segundo o director do colexio onde estaba, e no referente á inspección educativa, esta soamente se limitaba a revisar a documentación do centro. Dese xeito, a documentación eríxese como un pilar fundamental dentro do control burocrático da Administración Educativa sobre a escola.

 

Esta propia cultura burocrática, de inspiración claramente vertical, é tamén un atranco de cara ao uso da tecnoloxía das aulas, posto que crea actitudes de falta de iniciativa dentro do profesorado, no sentido de que aquelo que non ven guiado pola Administración nin se plantexa. Isto é, a cultura burocrática merma fortemente a capacidade de autonomía do profesorado, ata o punto de que si a Administración proporciona medios tecnolóxicos sin indicar moi ben que se debe facer con eles, este rematan esquecidos nun soto, ben pola falta de formación ou ben pola falta de iniciativa dos profesionais do centro.

 

Dese xeito, considero que esta cultura burocrática é un dos maiores problemas á hora de introducir axeitadamente a tecnoloxía na escola, de modo que si realmente isto se quere levar a cabo, cómpre levar a cabo un cambio na cultura dos centros, de modo que estes asuman unha actitude autónoma e creativa respecto ao uso da tecnoloxía; fomentando aspectos como o traballo en rede, as estratexias de traballo cooperativo en entornos tecnolóxicos ou a adopción de modelos organizativos máis acordes coa actual sociedade da información.

 

En definitiva:

 

"Para que se produzcan cambios fundamentales en la enseñanza y el aprendizaje, tendriamos que tener una reforma generalizada en los contextos organizativos, politicos, sociales y tecnologicos de las escuelas" (Larry Cuban, 2001)