Proust e a bicicleta: Capítulo Terceiro

A linterna: educándome con noturnidade e aleivosía

Hoxe vou falar doutro aparato tecnolóxico que cambiou a miña vida: a linterna. Alguén pode preguntarse por qué algo tan prosaico pode ter tanta importancia na vida dunha persoa, mais a explicación é ben sinxela. Xa dende a miña primeira infancia, experimentara un grande interese pola lectura. Durante o meu primeiro periodo como lector, lin todo o que había na miña casa. Contos que mercaron os meus pais para min (foron os primeiros en caer), unha enciclopedia que un vendedor avispado logrou "encasquetar" ao meu pai, e incluso gran parte dunha colección de literatura universal que o meu pai rescatou do contedor do lixo (Erasmo, Quevedo, Platón... eu non entendía nada, pero gustábame o de xuntar as letriñas). Posteriormente, na miña segunda fase como lector, descubrín a biblioteca pública, a cal me abriu infindas portas fora da reducida oferta do meu fogar. Todo era felicidade lectora e diversión ata que chegou 3º Curso de Primaria. Alí empezaron os deberes "en serio". Pola tarde tiña que facer moitos exercizos horribles e repetitivos de matemáticas, lingua, e cousas polo estilo... Moitas veces non os facía, claro (iso non cambiou ata o día de hoxe...) e adicaba o día a ir xogar ao parque cos amigos, ou a trebellar polo barrio adiante. O caso é que á última hora da tarde xa non tiña ganas de coller calquera obxecto que se semellara minimamente a un libro. Pola noite a cousa ía mudando, e xa máis relaxado, na cama, apetecíame coller un libro antes de durmir. Encendía a lámpara e a ler. Que marabilla era aquelo... Pero a ledicia duraba pouco, xa que axiña aparecía a miña avoa, mandando apagar a luz e dormir.

Por unha banda, a súa preocupación co tema da luz viña motivada polo feito de que eu necesitaba durmir, para poder estar ben desperto ao día seguinte na escola: mais por outra banda, ela tiña metido na cabeza que a electricidade era moi cara, e que a miña pequena lámpara gastaba moitísimo. Esta crenza seguramente lle vira doutras épocas nas que o asunto da electricidade era todo un luxo, polo cal aínda que non o alcanzara a comprender naquel momento, a día de hoxe son capaz de entender a súa postura, máxime tendo en conta as duras condicións polas que lle tocou pasar.

Pero bueno, o caso é que eu, na miña desperta creatividade infantil do momento, non tardei en argallar unha solución ao problema de non poder ler pola noite, e foi así que surxiu a idea da linterna. Primeiro con moito coidado de non ser descuberto, posteriormente xa con máis confianza, comecei a debullar libro tras libro debaixo das sabas e as mantas. E foi dese xeito como conseguin o tempo e o lugar axeitado para desfrutar das aventuras de personaxes como Oliver Twist, John Silver ou Fray Perico (co seu borrico incluído). Foi esta pois unha etapa na que consolidei a miña afición pola literatura e que sen dúbida me fixo ser (para ben ou para mal) quen son a día de hoxe. Probablemente, de non terme apaixonado nese momento pola literatura, o meu camiño tería sido moi diferente, téndome aficionado a calquera outra cousa. Pero foi á literatura, a ler, ao que me adiquei en corpo e alma, con ansia cada vez maior de coñecer e de sentir, con ansia de experimentar. E así foi como das novelas de aventuras iria pasando a todo tipo de xéneros, o que sen dúbida, e grazas ao verso e prosa de moitos autores de diversos estilos e cronoloxías, crearían os alicerces da miña sensibilidade de cara ao mundo que me rodea. Tal foi así que un día, fai non moitos anos, cheguei a ler un libro en particular; "El nacimiento de una pedagogía popular", de Elise Freinet, o cal me levaría a encauzar a miña vida á causa da educación, e en último termo, a escribir estas liñas que malamente estou a compoñer nestes intres.

E todo por unha simple linterna!