O valor do envoltorio

Na última sesión interactiva do día 23 indicóusenos que debíamos buscar información sobre distintas experiencias que implicasen a inclusión das tecnoloxías en contextos educativos. Na miña última entrada no blog falei da experiencia coa que traballei na sesión interactiva, nesta entrada tratarei de analizar un dos estudos de casos formulado no libro O valor do Envoltorio. O motivo de elección do presente libro foi o seu título, dos mencionados na clase foi o que máis me chamou a atención, posto que considero que presentar un libro con este título implica, xa de entrada, unha metáfora de todo o que se vai a analizar no seu interior.

Pero que é O Valor do Envoltorio?

Este libro parte da investigación, A influencia das novas tecnoloxías no desenvolvemento organizativo e profesional dos centros educativos. Estudo da situación en Galicia e desenvolvida entre 2001 e 2004, levada a cabo polo Grupo Stellae da USC. Por tanto, recolle un análise das influencias das TIC nos centros educativos. Neste senso, analizarei un dos casos concretos analizados no libro, a situación na que se atopa o instituto (ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos) dunha vila mariñeira preto da Coruña.

Pero antes de afondar no exemplo en concreto, considero preciso facer mención dos niveis que se analizaron na presente investigación. Atendendo a isto, será analizada a influencia das TIC nos contextos organizativo e profesional dos distintos centros educativos galegos. Así mesmo, teranse en conta aqueles factores positivos e negativos que inflúen e condicionan o emprego das mesmas.

Aínda que o ano de publicación da presente obra é o 2007, o contido deste libro foi formándose ao longo do ano 2001 e 2004 tempo que os autores da obra, O Grupo Stellae, estiveron inmersos no estudo de casos, así como, no análise a base de cuestionarios da situación vivida nos distintos centros educativos de Galicia. Centrándome no caso que seleccionei, o labirinto ensimesmado a situación a analizar formula unha situación de partida completamente distinta aos dous casos anteriores, posto que nos atopamos ante un instituto.

Neste sentido, presentase a situación do centro educativo a partir dun análise do seu contexto xeográfico, socio-económico e cultural. Mais para poder entender mellor a situación na que nos atopamos analízase o contexto familiar dos alumnos, así como o profesorado presente no centro.

A tecnoloxía a analizar son os ordenadores, e ao igual que na maioría dos casos analizados, o uso destes como base dun novo modelo de educación queda relegado ao traballo administrativo e no mellor dos casos a un apoio das sesións expositivas.

No presente caso xustifícase a escasa utilización deste instrumento debido aos eu custo e á pouca axuda formulada pola administración , sobre todo nos primeiros anos. Ademais introdúcense outros factores como a mala arquitectura do centro, ou a dificultade que pode presentar controlar a un grupo de alumnos e conseguir que adquiran os aprendizaxes precisos.

Aínda que se poida crer que o profesorado é maior, co cal se xustificaría o seu escaso interese en cambiar as súas metodoloxías, estamos ante un profesorado novo no cal son moi poucos os que creen na importancia de empregar estes medios.

Con todo, isto non é suficiente e como principal crítica por parte dos autores, destácase a utilización destes só nas clases de informática no caso da ESO e o Bacharelato, posto que nos ciclos formativos se emprega máis. Atendendo a escasa dispoñibilidade da aula de informática, algúns docentes levan a cabo as súas clases apoiados polo cañón. Este feito tamén se asoma como unha crítica a situación presente posto que o fin das novas tecnoloxías non é só apoiar unha clase, senón que implica algo máis aló, entendese a inclusión das TIC nas aulas como a base para renovar a nosa metodoloxía, cambiar a forma de aprendizaxe e contribuír a crear cidadáns activos e críticos.

É importante mencionar que o uso dos ordenadores neste centro destaca no caso da administración, centrada por tanto en todos aqueles trámites de xestión. ademais os docentes que a empregan consideran que parte do seu pouco uso se debe a escasa formación dos docentes neste eido.

Debido a isto, os autores, ven que o que se pretende non é o que se está facendo, con todo, o papel dalgún dos profesores forma parte dos primeiros pasos que implica toda transformación, co cal non todo está perdido.

Para min o presente caso é un exemplo da situación que vivín eu en toda a miña formación. En primaria e secundaria carecía de ordenador na aula e o uso de outras tecnoloxías como o móbil estaba prohibido, ao igual que no caso que estamos a analizar. Por outro lado, cando comecei o bacharelato, o instituto no que me atopaba contaba con cañón e un ordenador en cada clase, ademais de varias aulas de informática debido a que se desenvolven varios ciclos formativos que necesitan o emprego de ordenadores no seu desenvolvemento. Estar nun centro como este, implica que todos os docentes en maior ou menor medida empregaban o ordenador e o cañón nas súas materias, con todo non se profundizaba en que nos empregásemos os ordenadores, agás nunha materia. A materia TIC, asentábase no noso aprendizaxe do uso de distintos programas de maneira autónoma, algún deles foron Hot Potatoes, así como un programa para crear páxinas web. 

Con isto o que pretendendo é acercarme, dalgún xeito, a situación que se comenta no libro posto que é igual ao que eu vivín co cal as críticas que se poden formular e as situacións que se comentan son un claro reflexo do que eu coñezo. Neste sentido e apoiándome nun dos puntos que se comenta no libro considero que o primeiro paso para producir cambios non é só que exista tecnoloxía senón que os docentes queiran integrar o seu uso no proceso de aprendizaxe dos alumnos, e ata que isto ocorra non poderemos coñecer as vantaxes que implicará. Polo tanto necesitamos un claro cambio do enfoque que se lle dá á tecnoloxía, posto que non é un simple instrumento senón que é a clave para unha nova forma de aprendizaxe, un aprendizaxe acorde aos tempos que corren.

Bibliografía

Grupo Stellae (2007). O valor do envoltorio. Un estudo da influencia das TIC nos centros educativos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia