A alfabetización dixital

Ao longo das distintas sesións expositivas e interactivas, fomos analizando a importancia de novas metodoloxías educativas que nos sitúen na sociedade da información na que nos atopamos, dándonos as claves para acadar a sociedade do Coñecemento, como xa comentei noutra entrada do meu blog.

Neste senso, atopei un documento no cal se recollen as claves da alfabetización dixital, expresadas nas I Xornadas sobre Alfabetización Digital levadas a cabo no ano 2006. Aínda que, vos poida parecer que este documento está obsoleto, coido que recolle fielmente a situación que se está a vivir agora. É por isto, polo que vos invito a que lle botedes un ollo, pois recolle, a parte dun amplo abano de conceptos e reflexións, numerosas experiencias coas tecnoloxías en distintos eidos.

O presente análise parte das reflexións acadadas nas presentes xornadas, as cales se poden resumir en 13 claves principais, as cales se recollen na seguinte imaxe.

13 claves da alfabetización dixital

A partir das seguintes claves podo desenvolver unha reflexión acerca da importancia da alfabetización dixital, na sociedade que vivimos tendo en conta numerosos aspectos. No tocante a isto, é preciso a creación dunha conciencia colectiva que oriente a necesidade dunha concepción da alfabetización dixital, non só como habilidade no manexo das TIC, senón que vai máis aló e que busque a creación de novas metodoloxías educativas que se acheguen a todos os extractos sociais.

As persoas presentan distintos niveis de alfabetización, así como de equidade no acceso á tecnoloxía. Ante este feito, unha sociedade nova debe avanzar cara a capacitación dixital, posto que é o principal medio de acadar unha sociedade da información xusta e igualitaria. Atendendo a isto, a principal base desta nova alfabetización parte dun cambio substancial na educación formal e na non formal.

Pero para poder mellorar estes ámbitos a administración pública ten un papel primordial. Con isto enténdemos que neste momento que estamos a vivir a súa implicación na sociedade da información non debe resumirse en difundir o uso das tecnoloxías senón que debe ir máis aló potenciando novas políticas que difundan a importancia do coñecemento tecnolóxico a todos os niveis.

Atendendo a isto último cabe dicir que a alfabetización dixital non só se debe resumir a colectivos en risco de exclusión, senón que debe recaer en todos os extractos da sociedade, dende as empresas, ata os colectivos vulnerables, pasando por un proceso no cal a educación xogue un papel fundamental.

É por isto, que considero preciso centrarme na educación e no deseño dos procesos de alfabetización. Ambos aspectos están relacionados posto que é necesario chegar a toda a sociedade, para isto non só é preciso educar aos máis novos senón que parte desta educación debe estar dirixida aos “novos analfabetos”. Entendendo como “novos analfabetos” todas aquelas persoas que non empreguen as TIC dunha maneira crítica, senón que entendan que a base do emprego das novas tecnoloxías se centra soamente en saber utilizalas. Con isto destaco a importancia da formación do profesorado.

Os profesores xa non son a única fonte de información , co cal deben reorientar a súa metodoloxía, como se mostra no documento é preciso acadar a transversalidade no emprego das tecnoloxías como ferramenta que mellore ou polo menos, complemente os aprendizaxes.

Vivimos nun momento no que case todo o mundo ten acceso á rede e aos novos aparellos tecnolóxicos, mais non se lles saca realmente o partido que teñen. É por isto que un bo paso para acadar a sociedade do coñecemento é a introdución dunha conciencia crítica, que analice as posibilidades destes medios para a nosa formación e evolución persoal. Máis isto non debe limitarse á educación forma,l senón que debe estenderse  a outros tipos de educación, como pode ser a que transmiten os medios de comunicación.

Con estes cambios, ata agora non conseguidos na súa totalidade, podería contribuírse a acadar a última das claves enumeradas, a inclusión de toda a sociedade. Posto que como din os autores “A fenda dixital é tamén unha fenda social” (Casado e Díez, 2006)

Con este análise invítovos a reflexionar sobre a consecución destas claves no momento actual. Considerades que superamos estas formulacións, ou atopámonos dalgún xeito estancados en pequenas iniciativas que non afectan a toda a sociedade?

Bibliografía:

Casado, R. (Dir.)(2006). Claves de la alfabetización digital. Fundación telefónica. Recuperado o día 27 de abril do 2013 de http://www.anamorenoromero.net/documentos/Anexo3_claves_alfabetiz_digital.pdf

Claves de la alfabetización digital