Webquest ou Jclick?? Interpretacións ou memorizacións??

WEBQUEST: A quenlla branca

            Esta webquest está elaborada por A. Sánchez, un profesor do centro educativo “CEP El Ejido”, pertencente á Xunta de Andalucía. A Webquest vai dirixida ós nenos que cursan a materia de Coñecemento do Medio na Educación Primaria, tendo como tema específico esta webquest o da quenlla branca.

            O tema está distribuído en catro bloques: introdución, preguntas, recursos para contestar a estas cuestións e unha gran pregunta final. Desta maneira, introdúcese á quenlla branca a través dunha breve presentación na que pon unha gran énfase na información ó empregar adxectivos como: bello, feroz, temible ou asasino, acompañados de imaxes moi impactantes e producindo intriga a través de cuestións interesantes como: ¿é a quenlla branca tan destrutiva como se describiu nun pasado? Así, as preguntas fan que os alumnos se impliquen á hora de ler e procurar a información contida nos recursos que se lle facilitan sobre esta temática. Recalcamos o poder motivante da Webquest ó utilizar materiais como as cores, a linguaxe, as fotografías reais, así como as numerosas cuestións que dan pé para que os destinatarios sexan partícipes do tema.

                                                                               image

Considero que a teoría da aprendizaxe implícita a través da Webquest está a cabalo do constructivismo e do conectivismo, xa que como ollábamos en anteriores entradas que publiquei, tomamos constancia de como a teoría da aprendizaxe constructivista fai que o alumno aprenda por si só mediante a implicación e participación nunha tarefa na que emprega o coñecemento previo obtido sobre calquera aspecto co coñecemento actual que lle ofrecen. Aínda que moita da bibliografía nos amosa que a webquest posúe unha “orientación claramente constructivista” (Díez Gutiérrez, E.J., 2010), expoño que a aprendizaxe que se advirte nesta Webquest se relaciona coas dúas teorías de aprendizaxe que citabamos, porque os alumnos mediante a conexión á rede (non mediante a socialización como presenta o constructivismo) obterán coñecemento, desenvolvendo unha aprendizaxe complexa e autónoma na que se presenten diversas formas do coñecemento, non só un coñecemento sobre a quenlla branca.

Recupero o cadro (Siemens, G., 2008) da entrada publicada que vos comentaba para que verifiquedes aquilo que promove o emprego da Webquest dende o meu punto de vista:

Propiedade

Constructivismo

Conectivismo

Produción da aprendizaxe

Social- personal

Distribuído, mellorado mediante a tecnoloxía

Factores influíntes

Participación, implicación, compromiso

Importancia dos vínculos, diversidade

Papel da memoria

Coñecemento anterior mesturado co actual

Adaptación a realidades

Transferencia

Socialización

Conectando as redes

Outras denominacións

Social

Aprendizaxe complexo, diversas formas de coñecemento

           

Para concluír, constatamos o gran potencial educativo da Webquest (ó combinar ambas teorías da aprendizaxe), aínda que como nos explicaba a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa” na anterior sesión de clase interactiva, é importante que cando se elabore unha Webquest se teña en conta os motivos da súa creación, é dicir o fin expreso da webquest, “lograr que los estudiantes hagan buen uso de ese tiempo del que disponen para obtener información, leer, reflexionar y desarrollar su propio proceso de aprendizaje y se enfoquen en la utilización de la información más que en buscarla” (Díez Gutiérrez, E.J., 2010).

 

JCLICK: A gaivota da Coviña

            Este paquete de actividades foi elaborado por Sabela Núñez Singala no ano 2003, estando dirixido ós nenos que cursen Educación Infantil ou o primeiro ciclo da Educación Primaria. Deste modo, a área na que está inserto o tema deste conxunto de actividades son as ciencias sociais, explicando o caso concreto da gaivota da Coviña.

            Nesta zona Jclick atopamos un paquete de actividades sobre a gaivota da coviña. Así, podemos coñecer información sobre esta gaivota ó presentárensenos recursos como un conto (no que se presentan imaxes para facer máis comprensible o mesmo), puzles (co fin de que se tome constancia daquilo que sucedeu coa gaivota) e preguntas de comprensión na que se amosan tres imaxes na que tes que cliquear a correcta, contestando así á cuestión. Deste modo, establecemos como son actividades educativas as manifestadas nesta zona Jclick, xa que desenvolven un dinamismo da páxina mediante a interacción do neno realizando os exercicios propostos, de xeito que “aprende facendo”.

                                                                               image

Hai que engadir que, a metodoloxía que impera nesta zona Jclick é a tradicional, é dicir, constátase como a teoría de aprendizaxe que desenvolve é a conductista, xa que o método que se leva a cabo é o estímulo-resposta (por exemplo, aquela pregunta á que se contesta ben, respóndese positivamente pasando a unha nova, como un “premio”), caracterizada a aprendizaxe a partires dos exercicios realizados en base ás experiencias repetidas. Desta maneira, dende o meu modo de ver, voltamos a reconstruír aquilo que realizamos na vida real da escola á vida virtual, en vez de aproveitar os recursos tan innovadores e enriquecedores que nos ofrece a web.

 

Comparación entre estes dous recursos amosados: Webquest vs Jclick

            Equiparando a webquest ás actividades que nos brinda a zona Jclick comprobamos que calquera das dúas nos ofrecen recursos cos cales os nenos poden interactuar ó teren que realizar as actividades que se lle demandan. Porén, dende a miña maneira de ollar, a diferenza principal entre estes dous recursos estriba en que, a través das Webquest os alumnos levan a cabo unha aprendizaxe máis autónoma promovendo un espírito crítico, xa que teñen que indagar e explorar a información segundo aqueles recursos que o profesorado lles brinda como guía para a súa obtención da información, así teñen que discernir entre uns ou outros contidos, saber elixir, tomar decisións. Así na zona Jclick, o alumnado só ten que realizar as actividades que lle son presentadas sen necesidade moverse pola web para procurar as respostas (o que tamén fomenta a comodidade no alumnado).

            Neste senso, dende o meu punto de vista, as novas tecnoloxías na zona Jclick son empregadas como un mero soporte no os rapaces desenvolven os exercicios (tamén podéndose realizar en soporte papel, por exemplo), a diferenza da Webquest na que utilizan as novas tecnoloxías como soporte e como instrumento para solucionar os exercicios que lles son presentados. Sinalar que, nos dous sitios web se promove o entusiasmo e a motivación dos alumnos, a través das cores, fotografías, a forma das descricións, etc.

            Doutra banda, en calquera destes dous recursos telemáticos existe un guía (normalmente o profesor) no proceso de aprendizaxe, aínda que indicamos que na webquest non se exerce unha guía tan directiva como nos exercicios da zona Jclick (só hai que realizar eses exercicios demandados) porque o feito de procurar as respostas segundo os recursos que expoñan os profesores ofrece máis liberdade ó alumno na medida de que pode escoller entre uns recursos ou outros a partires das súas preferencias, reflexións e do que se pregunta na actividade.

Outras diferenzas recollidas na sesión de clase interactiva da materia “Tecnoloxía Educativa” son:

(están subidas a arquivos que, ó igual que na outra entrada pasada non me deixa subir aquí as creacións propias miñas)

            Para concluír, dicir que mediante o expresado na presente entrada, verificamos que a Webquest é un recurso moi factible e útil no eido da educación, xa que como nos sinala a páxina web da Aula21, “investigando en la web se incorpora a los estudiantes en tareas efectivas, estimula a la colaboración y discusión, y es de fácil integración en el  curriculum escolar”.

            Do mesmo modo, tal como nos explicaba a profesora da materia “Tecnoloxía Educativa”, a Webquest favorece a interpretación da información, construíndo coñecementos propios, sen memorizalos, senón establecendo relacións entre os contidos, e sendo o alumno o creador da información (reflexionando no proceso sobre calquera aspecto e podendo mesmo autoavaliarse, citamos neste senso a “avaliación de rúbrica” que nos comentaba a profesora). En contraposición, as actividades da zona Jclick amósannos datos cos que hai que practicar, non pretendendo que os alumnos aprendan, xa que non se explica o mecanismo da suma, por exemplo, carecendo dunha perspectiva comprensiva.

            Así, aínda que nunca tiven experiencia con ningún destes dous recursos, destaco a Webquest sen dúbida, como ferramenta totalmente educativa e que, formará a cidadáns máis intelixentes e coñecedores da realidade, posuíndo unha capacidade crítica e fomentando valores comunitarios (colaboración, diálogo, comprensión).

 

BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA:

Díez Gutiérrez, E.J. (2010). Aprendizaje socioconstructivo en la red de Webquest y Moodle. León: Universidade de León. (Inédito)

Siemens, G. (2008). Learning and Knowing in Networks: Changing roles for Educators and Designers. Presentado no Forum de Educación Tecnolóxica. Celebrado en Georgia o día 27 de xaneiro.

http://clic.xtec.cat/db/act_es.jsp?id=2184 (Consultada o día 30 de abril de 2013)

http://www.aula21.net/tercera/introduccion.htm [Páxina web da Aula21, consultada o día 7 de maio de 2013)

http://www.cepejido.es/phpwebquest/caza/soporte_tabbed_c.php?id_actividad=359&id_pagina=1 (Consultada o día 30 de abril de 2013)