Que me supuxo a materia de "Tecnoloxía Educativa"?

Esta entrada irá dirixida a toma de constancia do que me supuxo o traballo ó longo da materia “Tecnoloxía Educativa” nesta rede social do grupo de investigación “Stellae”.

            Así, primeiramente indicar que, o feito de que a profesora da materia plantexase  a asignatura dun modo totalmente distinto a como viñemos traballando no transcorrer do grao de Pedagoxía significou para min un antes e un despois, xa que había un cambio rotundo na metodoloxía e nos procedementos que se desenvolvían no seo desta materia. O feito de publicar entradas, arquivos, favoritos, tweets, páxinas e comentar ós nosos compañeiros os seus blogs sobre todo aquilo que nos chamara a atención durante a exposición das temáticas que nos presentaba a profesora na clase, ou daquelas cuestións acerca da tecnoloxía nas que desexábamos profundizar ó ser do noso interese, fixo que levaramos a cabo unha aprendizaxe totalmente real: aprendemos movidos polos nosos intereses, aspecto que fixo que, polo menos no meu caso, aquilo no que indaguei e traballei, non esquecera, e que polo tanto aprendín e aprehendín. Cabe engadir que, non só obtivemos numerosa información relevante que pertence ó eido da tecnoloxía educativa, senón que tamén reflexionabamos sobre a mesma información, engadindo xuízos de valor propios sobre aquilo que analizabamos, desplegando un espíritu totalmente crítico e reflexivo, discernindo entre unha información ou outra, e sobre todo, consultando gran cantidade de fontes o que nos levou a verificar que autores relevantes existen no campo da tecnoloxía, cales son os máis destacados. Todo isto, sen facernos falla unha teórica vital pola que guiarnos, sen estudar para un exame, só elaborando entradas sobre aquilo que desexábamos tendo como tema central a tecnoloxía.

            Deste modo constatamos como, dende o meu modo de ver, esta materia do plan de estudos do grao de Pedagoxía foi a primeira na que desenvolvemos un procedemento, metodoloxía e estudo totalmente pedagóxico. Observamos como ano tras ano nas diversas materias que posuímos na nosa titulación ata o momento, se verifica a través dos coñecementos que adquirimos a pésima educación que está desenvolvendo nas aulas do sistema educativo español (celularismo dos profesores, escasa capacidade de atención dos alumnos, carencia dunha participación do alumnado, falta de reflexión, a escola como obrigación, etc). Porén, aínda que tomamos constancia disto nas nosas materias, son os profesores que posuímos na nosa titulación os que seguen coas mesmas prácticas, reivindican a mala educación que se transmite día a día, pero son eles os que continúan con prácticas como: clases maxistrais completamente expositivas que carecen dunha total participación do alumnado, clases expositivas incluso nas sesións de clase que deberían de ser interactivas, organización do mobiliario para unha clase maxistral (en vez de en forma circular ou en forma de U), etc. Así, a materia de “Tecnoloxía Educativa” constituíuse como un gran cambio: nas clases expositivas había exposición por parte da profesora, pero tamén existía interacción entre o alumnado ó teren que realizar nalgunhas sesións actividades conxuntas, requiríndose participación por parte do mesmo ante calquera cuestión que demandase a profesora. Cabe engadir que, estabamos dispostos en forma de U, o que posibilitaba e favorecía enormemente a participación entre todos os compañeiros do grupo-clase.

 

                                                                                                       image

 

            No que respecta ó feito de non haber un exame final foi tamén unha transformación clave no meu modo de concibir a materia, fixo que traballara dun xeito máis constante, sen presións ó non ter que memorizar aquelas palabras clave co fin de poder no exame desenvolver completamente as temáticas a tratar. Fixo que pouco a pouco integrase coñecementos, dun modo gradual, que comprendese realmente todos os aspectos ó reflexionar sobre eles tranquilamente, motivábame indagar sobre asuntos pertencentes á tecnoloxía do meu interese.

            A materia é “Tecnoloxía Educativa”, e que mellor que traballemos con tecnoloxía para tomar constancia real da mesma. Así, cando se me presentou a rede social do “Stellae” nun primeiro intre retrocedín, non desexaba traballar cunha rede social, xa que non me gustan as redes sociais, considero que na nosa sociedade son unha gran problemática, non é culpa das redes sociais en si, o problema é das persoas que non saben empregalas e vólvense totalmente dependentes delas. E o feito de que se me presentase nunha materia do grao foi “mortal”, se se me permite dicilo, non me gusta explorar novas aplicacións tecnolóxicas e menos me apetecía ter que poñerme a examinar como ía ser esta nova rede social que se me cruzaba no camiño. A isto hai que engadir, polo que comentaba que, consideraba que en moitos dos meus compañeiros lles crearía dependencia, así estarían tempo e tempo na rede, un tempo do que eu non dispoñía, e que polo tanto me vería claramente atrasada porque non me daría conta do que subiría un compañeiro ou outro, e non sabería se iría a repetir un tema do que xa se falara, por exemplo. Finalmente debo dicir que, afortunadamente esta rede tampouco creou tanta dependencia (polo menos na maioría dos compañeiros do grupo-clase) en nós, e que me sinto moi satisfeita, en xeral, polo traballo realizado.

            Aínda que ó principio do cuadrimestre nesta materia non soubese como desenvolver o meu espazo na rede social, pouco a pouco, fun despegándome das dúbidas, dos medos, e soltándome ó ver que ía adquirindo cada semana uns poucos máis coñecementos sobre a materia que me permitían reflexionar sobre varios coñecementos á vez, polo que ó final deste cuadrimestre as miñas entradas eran máis elaboradas, posuían máis información, máis reflexións, acudía a máis fontes de información, e podo dicir que, agora atópome totalmente cómoda realizando as entradas ó blog, simplemente, unha entrada permíteme reterme a pensar na nosa sociedade e a tecnoloxía, establecendo relacións. Tamén, aínda que semelle unha contraposición, cando ó principio desta materia me levaba dous días a elaboración dunha nova entrada, agora, ó final, apenas me leva unha tarde, polo que constato que progresei moito, tanto na miña redacción (ortografía, expresións) como nas miñas indagacións (procurar fontes fiables nun menor tempo).

                                                                   image

 

            Desta maneira, como se pode verificar a través do meu espazo na rede social do grupo de investigación “Stellae” e do que estou a amosar nesta entrada, subliño que aprendín moitísimo desta materia, posuíndo un gran valor todos aqueles coñecementos que logrei, sinxelamente amplioume a visión de cara a un futuro, de cada ó meu futuro profesional como pedagoga, unha boa educación é posible. Neste senso, debo dicir que tampouco tiven ningún tipo de dificultades importantes, sinalar de modo concreto só as relacionadas coa informática en si, xa que tiven problemas relacionados con subir o vídeo a Vimeo, subir fotografías ás entradas ou facer capturas de pantallas, por exemplo. Dificultades sinxelas de resolver coa axuda da profesora nalgúns casos, e dos compañeiros noutros (debo agradecer neste sentido toda a axuda recibida por parte da nosa compañeira do grupo-clase Yolanda Freire). Do mesmo modo, subliñar o gran compañeirismo existente no noso grupo-clase, a comunidade que construímos na rede social cos nosos comentarios e coa complicidade que se deixaba entreveer nalgúns deles. Esta rede social é parte do meu PLE (Personal Learning Environment), e considero que dicir isto, é un feito moi representativo e significativo.

            Para concluír, sinalar que realmente “aprendín” con liberdade, con entusiasmo e con axuda naquilo que precisei. Sen dúbida, traballar na rede social do “Stellae” foi unha excelente metodoloxía para levar a cabo a materia “Tecnoloxía Educativa”, unha completa e pedagóxica materia.