A fotografía na escola

image

 

A nosa sociedade está chea de imaxes. Imaxes na televisión, na rede, videoxogos, cine... Naturalmente, a escola tamén esta chea de imaxes. Debuxos, fotografías nos libros de texto, videos, ou xogos diversos... son algúns dos espazos nos cales está presente a imaxe. Mais alén dos debuxos, é dificil atopar soportes que verdadeiramente aporten unha mirada visual que parta dos nenos e as nenas. E aí é onde coido que a fotografía pode amosar unhas posibilidades moi interesantes. Algunhas escolas, así como asociacións culturais teñen utilizado a fotografía como vehículo pedagóxico a partir do cal acadar moi diversos obxectivos. Cabe sinalar por exemplo o amplo uso da fotografía que se está a facer en numerosos lugares de Galicia respecto a recuperación da memoria das comunidades do rural. Moitas asociacións culturais no país teñen posto en valor a memoria visual dos nosos antergos grazas a interesantes recompilacións de fotografías antigas entre os veciños das diferentes comunidades do rural. Vistas as interesantes propostas noutros eidos educativos, cabe preguntarse que papel pode ter na escola a fotografía.

 

O caso é que buscando pola rede din en atopar unha asociación cultural catalana chamada "A Bao A Qu", a cal ten como cometido o desenvolvemento de proxectos de vinculación entre a creación artística e a educación. Esta asociación ben desenvolvendo  dende un ano o proxecto Fotografia en curs, o cal ten como fin o achegamento da fotografía ao eido educativo. Así, o proxecto en cuestión desenvólvese sobre todo en dúas vertentes: por un lado a organización de obradoiros en museos e centros de arte, e por outra a organización de obradoiros de formación para o profesorado de centros educativos. Do mesmo xeito, tamén se organizan exposicións tanto a través da súa páxina web como en diversos espazos tanxibles. O material fotográfico é de sumo interese, xa que nos ofrece unha mirada alternativa da realidade, dende a infancia e dende o uso que esta fai da fotografía.

 

Permítaseme achegar algunhas destas imaxes para ilustrar mellor (e facer menos árido) o texto:

 

image

 

 

image

 

image

(Fotografías: Nenos e nenas da escola  Congrés-Indians de Barcelona)

 

Mais... que posibilidades pode ofrecer a fotografía na escola? Dende logo o uso dunha cámara dixital ten un importante factor motivacional para o neno, quen a pode a usar para investigar de xeito novo o seu arredor, pero que nos ofrece a cámara fotográfica na escola? Pois coido que unha multitude de posibilidades, como poden ser as de abrir novas vías de comunicación, traballar a sensibilidade con respecto á imaxe, educar na valoración crítica da mesma (publicidade, cine...) ou  aprender a prestarlle atención a aquelas cousas cotiás nas que habitualmente non reparamos; entre outras moitas posibilidades, poden ser algunhas das potencialidades desde as que se pode traballar a fotografía na escola. As emocións, o medio ambiente, as festas, a familia... son algúns temas típicos abordados habitualmente nas unidades didácticas; aos cales seguramente se lles podería aportar un interesante enfoque dende o uso da fotografía e dende a mirada que os nenos e nenas teñen do mundo a través desta.

 

Webs consultadas

 http://www.abaoaqu.cat/


http://www.fotografiaencurs.org/es?language=es

 

 

Comentarios

  • Martín Fernández Pérez

    Chapó. Penso que é importantísimo educar na e para imaxe. Como ben dis, hoxe estamos rodeados de símbolos, marcas, iconas, xeitos de vestir que nos invaden... todo iso debe ensinarse a xestionar dende a escola. A vista é un sentido moi esponxoso e sen un filtro adecuado pode facer estragos. Neste sentido, a iniciativa desa asociación paréceme de gran valor didáctivo e educativo. Hai que ensinar a discernir o realmente importante (esas festas, un cocido coa familia, unha partida ao dominó á raxeira...) do banal e superficial que nos tentan vender acotío (roupa, videoxogos, coches, incluso identidades para suplantar).
    Mola!