A webquest: un exemplo de interese

A webquest: un exemplo de interese

A webquest, ou "procura na rede" é unha actividade que consiste en procurar unha serie de respostas a un problema ou cuestión plantexada, para o cal se da unha guía que o alumno ou alumna debe seguir a fin de cumplir o seu obxectivo. Como se ve, ao alumno ou alumna se lle permite certa liberdade dentro da procura da información, ofrecéndolle unha guía, un rumbo a través do cal poder manexarse dentro da arañeira de información que é a rede. Un exemplo moi interesante do que é unha webquest puidemos presencialo na clase de Tecnoloxía Educativa, onde se nos amosou a webquest "Que facer ante unha marea negra?". Esta webquest chamoume poderosamente a atención, polo cal decidín que nalgún momento ía escribir unha entrada ao respecto (como se observa, esta entrada é a ultima hora, mal e a rastro; para variar). Dese xeito, paso a analizar a webquest en cuestión.

 

"Que facer ante unha marea negra en Galicia?" (http://www.edugaliza.org/inicio/webquest/mareanegra)

 

Introdución

Na introdución se nos presenta a situación e o problema a resolver. É destacable o feito de que dende un primeiro momento se lle invita ao alumno ou alumna a formar parte do problema, a poñerse "na pel do personaxe". Nese sentido consideramos que é algo moi interesante, posto que é algo que axuda a motivar ao alumno ou alumna, ao incentivar a súa implicación co tema tratado.

 

Tarefa

Neste apartado se lle explicita ao alumnado os obxectivos a cumplir na webquest. Neste caso trátase de adoptar medidas concretas (preventivas e paliativas) frente a unha desastre ecolóxica. Estas medidas son "adoptadas" mediante a redacción de documentos e o pronunciamento de comunicados públicos. Como dato interesante a sinalar, cabe dicir que en ningún caso existe unha resposta única a este problema, senón que a solución do mesmo se pode abordar dende moi diferentes perspectivas, chegando a moi diferentes solucións. Consideramos que esto é unha característica moi valiosa, xa que lle permite desenvolver ao alumno ou alumna un pensamento realmente diverxente, así como unha aprendizaxe autónoma e aberta á creatividade.

 

Proceso

Neste apartado se lle amosan ao alumno ou alumna os diferentes apartados que deberá tocar o seu traballo, os cales se corresponderían co nivel preventivo, inmediato, e paliativo. É de interese ver como ademais do traballo en cuestión, ao alumno ou alumna se lle propoñen tamén unha serie de recursos en rede. Este aspecto é de sumo interese, xa que axuda ao alumnado a non perderse dentro do enorme volume de información presente na rede. Nese sentido, ademáis, pódese dicir que este apartado en concreto é de grande interese á hora de traballar aspectos concretos relacionados coa procura e xestión de información na rede.

 

Avaliación

Neste apartado, se lle explica ao alumnado como será a avaliación do traballo. Esta se fará sobre os documentos realizados así como a través dunha presentación dos mesmos ante o resto dos compañeiros e compañeiras. Consideramos que isto é positivo, xa que implica un maior número de habilidades que si simplemente se tratara de presentar un traballo escrito. Porén, consideramos que se cadra neste apartado se deberían incluir os criterios en base os cales será avaliado o alumnado, a fin de que este saiba en todo momento como e por qué se lle puntuará.

 

Guía para o profesorado

Aquí se lle indica ao profesorado cales son as finalidades e natureza da webquest. Tamén se lle invita ao profesorado a sentirse libre de incorporar novos recursos e fontes de información á actividade, así como a remitirllas aos creadores da mesma. Isto último consideramos que é un gran acerto, xa que axuda a que haxa un feedback de grande interese entre os creadores e os usuarios da actividade, de grande utilidade para a súa mellora.

 

En conclusión, podemos dicir que esta webquest é un exemplo claro das posibilidades que esta ferramente presenta con respecto a outras, como o JClic, xa que non opta por un modelo de aprendizaxe de corte conductista de erro e acerto, senón por un centrado na autonomía do alumno e na exploración do tema tratado a partir de recursos en rede. Dese xeito, aspectos como a toma de decisións por parte do alumnado, a procura de conexión entre ideas e conceptos, así como a necesidade de procurar unha información actualizada e interrelacionada fai que esta ferramenta se achegue máis a un modelo de aprendizaxe de corte conectivista, moito máis axeitado de cara a afrontar os desafíos da actual "Sociedade do Coñecemento".