Poñendo en práctica a metacognición.

Na sesión do día 20/03/2012 a profesora Lourdes Montero plantexounos dúas cuestións:

-          ¿Que leccións aprendestes das dúas sesións da semana pasada?

-          ¿Meteriades no maletín de ferramentas do asesor a ferramenta utilizada?

A súa intención era facernos reflexionar sobre a práctica, é dicir, facer un exercicio de metacognición.

Como aspectos aprendidos logo de traballar o texto de Jesús Domingo Segovia destacaría os mesmos que saíron a relucir na clase: a complementariedade dos modelos de asesoramento, o cuestionamento da relación de colaboración entre os diversos axentes que participan no proceso, a sensibilidade que debe ter o asesor con respecto ao contexto no que traballa, a importancia da escoita activa e da empatía no asesor, a distinción entre equidade e igualdade e a súa relación coa atención á diversidade e a inclusión, a separación que existe entre o establecido pola lei e o que acontece na realidade, a carga ideolóxica das palabras, o significado do termo democracia (relación simétrica de colaboración onde prima o traballo en equipo e o respecto e enriquecemento mutuo entre profesionais),… Ademais disto, aprendín unha nova técnica de traballo que require facer unha lectura máis exhaustiva do texto para poder logo presentalo aos compañeiros/as e manter un debate fluído fundamentado na teoría. Pareceume un bo xeito de organizar a sesión de traballo, posto que “obriga” a tomar en serio a labor de lectura, permite unha maior interacción entre os integrantes do grupo clase e fomenta a participación a través do reforzamento positivo. Debido a isto, considero que si é unha boa ferramenta para incluír no maletín de estratexias de traballo do asesor.

Pensando sobre o xogo de contidos e procesos en relación a se a análise deste texto podería terse feito doutro xeito, eu penso que si se poderían empregar outro tipo de dinámicas para abordalo. Buscando información sobre estratexias e instrumentos de asesoramento, atopei un traballo de María Purificación Pérez García (2005) no que aparecen diversas dinámicas baseadas na estimulación da reflexión e a participación que poderían extrapolarse e empregarse para traballar o texto. A continuación, fago un repaso polas que me pareceron máis axeitadas adaptándoas ao noso contexto de traballo para explicalas:

-          Seminario reflexivo: analízase o texto por parellas e cada unha delas ten que presentar as súas observacións nun debate no que participarán todos os membros do grupo e a partir do cal cada persoa debe elaborar a súa propia teoría sobre o tema tratado.

-          Representación: comprensión e presentación do texto traballado de forma gráfica nun esquema ou nun mapa conceptual.

-          Phillips 6/6: en grupos de seis persoas discútese o texto lido (ou neste caso, por tratarse dun texto amplo, un epígrafe concreto) durante seis minutos e logo póñense en común as conclusións ás que se chegou nun diálogo mantido entre todos os membros participantes.

-          Discusión dirixida: intercambio de ideas entre varios participantes que previamente traballaron o texto susceptible de análise.

 

Bibliografía:

Pérez García, Mª. P. (2005). Estrategias e instrumentos de asesoramiento. En Domingo Segovia, J. (Coord.). Asesoramiento al centro educativo. Colaboración y cambio en la institución. Barcelona: Octaedro.