• Blogs
  • Laura Rial Bouzas
  • Tratando de construír coñecemento.Que significa para min a Tecnoloxía Educativa e o e-portafolio?

Tratando de construír coñecemento.Que significa para min a Tecnoloxía Educativa e o e-portafolio?

Estes últimos tres meses, nos que participei da materia de Tecnoloxía Educativa, ensináronme moitas cuestións tanto a nivel académico e profesional como tamén a nivel persoal. Por isto pareceme importante realizar unha reflexión sobre o que me reportou dita materia, facendo referencia especialmente as habilidades, competencias e actitudes adquiridas e desenvoltas ao longo da mesma. Para isto subín un arquivo no que recollo un esquema elaborado por min, que permite mostrar estas cuestións de maneira, coido eu, máis gráfica e visual.

Primeiramente gustaríame destacar da materia, que me permitiu achegarme a unha realidade bastante descoñecida para min, posto que a penas contaba con unhas nocións básicas ao respecto da tecnoloxía e do seu emprego. Seguidamente dicir que a realización do e-portafolios resultou unha iniciativa totalmente novidosa para min, xa que nunca antes ao longo de toda a miña traxectoria escolar se me había proposto. A dicir verdade, esta cuestión resultou todo un reto, xa que supoñía enfrontarse con algo totalmente novo, polo que ao comezo reinou en min a incertidume e a inseguridade; que pronto foron substituídas pola ilusión e as ganas de superarme día a día.

O proceso axudoume a ser consciente dos meus coñecementos previos, das miñas habilidades e capacidades; así como a poñer en marcha outros novos. Permitiu desenvolver a míña autonomía a miña capacidade crítica e de reflexión, así como a comprender e valorar o meu propio traballo ao igual que tamén o dos demais compañeiros; aspecto que nunca tivera a oportunidade de facer.

Con ánimo tamén, de facer unha reflexión crítica sobre esta metodoloxía de ensino-aprendizaxe, gustaríame destacar as ventaxas e desventaxas que en base a miña propia experiencia e percepción persoal, considero que presenta a posta en marcha deste e-portafolio.

Entre as ventaxas destacaría a posibilidade de profundizar en aspectos relacionados coa materia que conectan cos nosos propios intereses e polo tanto, a oportunidade de contar con total liberdade a hora de tratar os temas que queiramos, aínda sempre e cando, teñan relación coa materia. Por outro lado tamén destacaría a posibilidade de compartir os aspectos tratados cos demais compañeiros, facilitando a aprendizaxe colaborativa. Dita tarea constitúe ademais, un importante elemento motivador e incentivador; posto que en certa medida “obriga” os que nel van a traballar; a implicarse, indagar, buscar permanentemente información, contrastar, comparar; e en definitiva adoptar unha actitude activa, aberta, constante e autónoma; fronte o seu proceso de aprendizaxe.

Por outra parte entre os aspectos negativos, destacaría principalmente a incertidume de non saber se os temas que estas a tratar e a forma na que se expoñen son os axeitados ata o momento da avaliación; posto que xera unha inseguridade a que non estamos acostumados, pero que en certa maneira se converte en algo positivo xa que nos permite ser máis independentes.

En resumo, a pesar de que ao comezo me sentía con temor ante a materia e a realización do portafolio, sen dúbida ámbolos dous confluíron nunha experiencia verdadeiramente educativa para min, posto que me permitiron non só aprender do profesor (como estamos acostumados) se non tamén a aprender dos demais compañeiros e de min mesma.

A profesora da materia brindounos o regalo de poder disfrutar do que tanto levávamos esperando e reclamando ao longo da nosa vida académica, a avaliación contínua, pero esta vez real, sen trampa nen cartón; avaliando o noso proceso de aprendizaxe dende principio a fin, e o máis importante a evolución que experimenta cada un de nós.

Así pois, nunca mellor dito, o conectivismo está presente no plantexamento desta materia e do e-portafolio, ofrecéndonos a posibilidade de mostrar as nosas produccións, pensamentos e inquietudes e compartilos cos demais, aprendendo e empapándonos todos de todos.