• Blogs
  • Pablo
  • Reflexión sobre as funcións do asesor/a e os modelos de asesoramento

Reflexión sobre as funcións do asesor/a e os modelos de asesoramento

Por Pablo

Boas,

facendo unha pequena síntese pódese resaltar que o traballo do asesor/a na escola esta enfocado dentro dun ámbito sociocultural dende unha perspectiva construtivista do desenvolvemento, e a súa orientación parte da focalización dos esforzos da intervención na prevención das dificultades, mellorando as condicións nas que se levan a cabo os procesos de ensinanza e aprendizaxe. O conxunto da institución pasa a ser obxecto de intervención, e a causalidade dos fenómenos interprétanse en termos non meramente lineais, establecendo relacións con outros profesionais, nas que o/a asesor/a pasa a ser un mediador entre todos os implicados.


Este aspecto estaría recollido dentro do modelo psicopedagóxico (construtivista ou contextual), que xorde ante a necesidade de incluir no sistema educativo a todos os nenos e nenas tradicionalmente excluídos do sistema escolar baseado nunha educación selectiva. A lei educativa na que mellor se enmarca dito modelo é na LOXSE, dado que as bases deste modelo psicopedagóxico parten dunha concepción construtivista da aprendizaxe escolar.


Para min un asesor/a dun centro educativo é aquel que se centra no alumnado e en todos/as os/as implicados/as na educación do mesmo. O/a asesor/a ten que ser o punto de conexión que é capaz de involucrar a todo o que rodea a vida do alumnado: familia, profesorado, escola, outras entidades... na búsqueda de solucións e estratexias compartidas que repercuta nunha mellor formación de todo o alumnado. Por tanto, esta visión, céntrase nun enfoque sistémico definido como un método para tratar diferentes problemáticas que poden xurdir na escola con un ou varios alumnos, que contempla o problema como un todo interrelacionado. Trátase por tanto, de estender o campo de observación e de actuación a un contexto máis amplo. Esta visión enmárcase dentro do modelo socio-psicopedagóxico (comunitario) que pon o acento na ampliación das marxes de actuación, entendendo que o alcance da intervención debe abarcar ao entorno social no que está enclavada a escola: a comunidade. Por tanto, o traballo do/a asesor/a implica un traballo compartido con outros profesionais (asistentes sociais, atención temperá, sanidade...) e por suposto coa familia do alumnado. Este modelo consegue levar a práctica un verdadeiro traballo institucional que potencia o aproveitamento dos recursos existentes e axuda a crear unha conciencia colectiva da institución.


Agora ben, creo que, como ocorre en moitas ocasións, existe unha diferencia significativa (aínda que podan existir experiencias concretas moi boas) entre o ideal e a realidade actual nos centros educativos. Penso que a figura do asesor/a pode descríbirse como un profesional que é visto polo resto da comunidade educativa como aquela persoa capaz de dar resposta a todas as problemáticas que poda ter un alumno ou alumna na escola. Isto conleva que o equipo directivo e mestras/es das escolas se desentenden de buscar estratexias ou solucións para este alumno/a, recaendo toda a presión no psicopedagogo. Ademais as solucións requeridas son de xeito inmediato como se fose un mago sacando un coello da chistera, agardando a resolución do problema. Outro aspecto a resaltar é que a maioría do profesorado nunca se ve como parte do problema e querenque a solución establecida implique o menor esforzo posible por parte do mesmo.


Ante esta perspectiva, penso que na actualidade, a realidade práctica dos centros (sen xeralizar) do traballo dun asesor/a, está no camiño entre o modelo psicométrico-clínico, e o modelo psicopedagóxico (construtivista ou contextual) e no ámbito ideal, é dicir cara o que deberíamos enfocar o noso traballo, sería o modelo socio-psicopedagóxico (comunitario).

Saúdos