Jclic vs Webquest

Unha vez centrada na recuperación da materia, toca poñerse mans á obra e buscar temas sobre os que tratar nas miñas entradas no portafolios. Para iso decido botar man dos temas tratados na aula e doume conta de que hai algún importantes dos que non falei no seu momento. É o caso de Jclic e Webquest, que vou tratar de explicar a continuación para ver as súas diferenzas e semellanzas.

Jclic é unha ferramenta para crear aplicacións informáticas de carácter didáctico que permiten realizar actividades en soporte dixital. Estas actividades varían en función dos destinatarios (nivel educativos, intereses do usuario…), materias que se queren traballar ou obxectivos que se pretenden conseguir co emprego das mesmas. As actividades non soen presentarse solas senón englobadas dentro dun proxecto formado por un conxunto de actividades ordenadas nunha secuencia. Xeralmente trátase de actividades de tipo individual e veñen acompañadas de imaxes.

image

Pola súa parte, Webquest  é unha ferramenta que forma parte dun proceso de aprendizaxe guiado a través de recursos procedentes de internet. As webquest son recursos didácticos posto que permiten o desenvolvemento de habilidades de manexo da información e desenvolvemento de competencias relacionadas coa sociedade da información. Nas webquest, as actividades propoñen páxinas nas que os usuarios poden recadar información que lles facilite a realización das mesmas. Estas páxinas están prefixadas polo creador da propia webquest para evitar que o alumno navegue pola rede sen rumbo e busque a información en lugares que non son apropiados ou fiables.

image

Unha vez vistas as definicións de cada un destes recursos así como algún exemplo de cada un deles, decátome de que a pesares de ser 2 ferramentas inicialmente semellantes, existen entre elas algunhas diferenzas que considero relevantes.

No caso das actividades propostas en Jclic, todas son para traballar de xeito individual, e promoven un aprendizaxe baseado no ensaio-erro, pois cando fallas unha resposta, tes que volver a realizala pero non se explica en ningún momento por qué non é correcta, polo tanto, volve a repetirse a mesma acción ata dar coa resposta correcta. Persoalmente, non lle vexo a este tipo de actividades moito valor pedagoxicamente falando, pois o único que se potencia é a aprendizaxe por repetición, pois chegará un momento no que xa saberás as respostas correctas e marcas esa porque a sabes de memoria pero non porque en realidade a entendas.

No caso da webquest, concédolle un maior valor posto que en certa medida, potencia a construcción autónoma do propio aprendizaxe potenciando a busca de información por parte do alumnado, pero digo en certa medida porque as páxinas xa son determinadas na propia actividade, facendo que o alumno non desenvolva o seu criterio á hora de seleccionar as fontes de información ás que debe acceder. Con todo, as webquest fomentan unha aprendizaxe moito máis constructivista que as actividades de Jclic.

Referencias:

http://clic.xtec.cat/es/jclic/

http://clic.xtec.cat/db/listact_es.jsp

http://es.wikipedia.org/wiki/WebQuest

http://www.aula21.net/tercera/introduccion.htm

http://webquest.org/