Adictos ao móbil

Navegando pola rede na busca de noticias relativas á tecnoloxía, atopeime co seguinte titular que me deixou literalmente coa boca aberta: "Una clínica trata a niños de 4 años adictos a dispositivos móviles con síntomas de heroinómanos" (http://www.europapress.es/portaltic/sector/noticia-clinica-trata-ninos-anos-adictos-dispositivos-moviles-sintomas-heroinonmanos-20130422145236.html)

O emprego de dispositivos móbiles con acceso a internet é cada vez máis frecuente en persoas de todas as idades, e cada vez chama menos a atención ver nenos que apenas teñen 10 anos con dispositivos de última xeración, moitas veces móbiles moito máis avanzados que os dos seus pais.

Xeralmente, atribuímos a adicción ao móbil aos adolescentes, pola súa necesidade de estar continuamente conectados a través de twitter, facebook, whatsapp, line... pero cada vez con máis frecuencia comezan a xurdir casos de nomofobia na infancia.

A nomofobia é o medo irracional a esquecer o teléfono móbil. Forma parte da lista de novas enfermidades creadas pola tecnoloxía. Esta enfermidade caracterízase pola dependencia extrema do teléfono chegando a causar nas persoas que o padecen situacións de verdadeira ansiedade e desesperación se non teñen o teléfono dispoñible en todo momento, chegando a sufrir reaccións semellantes ás dunha persoa adicta ás drogas.

image

É frecuente ver a pais que lles prestan aos nenos o móbil para que se entreteñan xogando con algunha das miles de aplicacións que existen hoxe en día para descargar. Está claro que o feito de que un neno estea empregando un móbil para xogar nun momento dado non pode considerarse unha adicción, o problema ven cando esta situación se repite reiteradamente ata o punto en que o neno sinta a necesidade de manipular estes aparellos continuamente.

                                                                                     image

Persoalmente, considero que este tipo de noticias son alarmantes, pois con 4 anos non temos capacidade de reacción ante determinadas situacións e somos moito máis vulnerables a caer en adiccións que fai anos eran completamente impensables. Por iso, nos como adultos, debemos previr estas situacións establecendo límites no tempo en que permitimos aos nenos o emprego de dispositivos móbiles, consolas, ordenadores... Pois non considero que sexa negativo que os nenos empreguen o ordenador ou incluso o móbil para realizar algunhas actividades (hoxe hai aplicacións que permiten realizar actividades específicas para a infancia) pero sí creo que é moi perigoso que se abuse das novas tecnoloxías sobre todo nestas idades, cando os nenos deben aprender a xogar no exterior e a relacionarse con outros rapaces persoalmente e non a través dunha pantalla.

Está claro que a educación e a atención recibida na infancia e na adolescencia son a base do noso desenvolvemento.

Referencias:

http://www.europapress.es

http://www.psicologia-online.com/autoayuda/adiccion-movil/adicion_telefono.shtml

http://es.wikipedia.org/wiki/Nomofobia