Mirando atrás

            Coma en toda aprendizaxe significativa temos que partir dos coñecementos previos sobre  o tema a tratar, para partir deles e tomalos como base para a construción dos novos coñecementos. Por iso a profesora Lourdes Montero nos encomendou esta tarefa na que, temos que reflexionar, “baleirar a mochila de coñecementos” que fomos adquirindo o longo da nosa formación, e recoñecer os contidos que temos adquiridos doutras materias, que nos servirán de base para esta nova a que nos imos enfrentar. Por iso, polo menos baixo o meu punto de vista, creo que esta é unha tarefa interesante, pois, como xa dicía Ausubel: "Se tivese que reducir toda a psicoloxía educativa a un só principio, enunciaría este: de tódolos factores que inflúen na aprendizaxe, o máis importante consiste no que o alumno xa sabe. Averigüese esto, e ensínese consecuentemente" (en Ausubel, Novak e Hanesian, 1983, páx. 151). 1983, páx. 151). Pois, para saír de maneira satisfactoria deste novo reto que nos ofrece a materia, partir dos coñecementos previos que temos sobre o asesoramento é o primeiro paso que debemos dar.

            Botando a vista atrás... , aínda que, realmente o termo asesoramento foi presentado no curso pasado, xa na titulación de maxisterio, comezaron a darnos pequenas pinceladas sobre o mesmo aínda que de maneira indirecta; tanto na materia de Didáctica Xeral, impartida por Xulio Rodríguez coma na materia de Bases Psicopedagóxicas na Educación Especial impartida por Mariela Resches. Na titulación de Psicopedagoxía, podo destacar as materias de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica impartida no primeiro cuadrimestre por Juan Carlos Pardo e Alfonso García Tobío e no segundo cuadrimestre por María Xosé Méndez Lois; e na materia de Psicoloxía da Instrución impartida polos mestre Juan Carlos Pardo e Alfonso García Tobío, ámbalas dúas cursadas no 4º curso da licenciatura e na actualidade coa materia de Orientación Profesional impartida polas profesoras Cristina Ceinos e Elisa.

            No principio da miña andaina universitaria, comezou o meu acercamento ó que hoxe entendo como asesoramento, sen daquela darme realmente conta do que era e do que supoñía. Introducíndonos a idea de traballar en equipo para mellorar así a calidade da ensinanza, aportando cada un as súas vivencias e experiencias e compartíndoas, para que o proceso de ensinanza – aprendizaxe se fora enriquecendo día a día e solucionando entre todos os contratempos cos que nos enfrontamos, ademais de para solucionar as necesidades que presentaba o alumnado con N. E. A. E.; foron algunhas das ideas que nos introduciron os profesores que nos formaban abríndonos así o camiño cara o asesoramento.

            A concepción que me inculcaron na formación como mestra e que nos ofrecen agora na licenciatura de psicopedagoxía é moi diferente; pois nesta última tratan o asesoramento mediante un enfoque  moito mais amplo; mentres que, os coñecementos que me ofreceron dende maxisterio, podo dicir que, foi en exclusiva dirixida ó asesoramento escolar, curricular.

            Dende a materia de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica, o equipo de traballo no que participei, elaboramos unha síntese na que tentamos responder a seguinte cuestión: ¿qué papel e qué funcións deben desempeñar os equipos de asesoramento nunha escola que procura mellorar a calidade da ensinanza?. Nela respondemos a qué era un asesor, as tarefas que desempeñaba, os tipos de asesores que había, os roles que desempeñaba dependendo da posición que ocupaba...entre outras.

                Elaborándoa vimos que a orientación nacía coa Lei Xeral de Educación, nos anos 1970, poñendo en marcha servizos de apoio ós centros educativos e creando Servizos de Orientación Escolar e Vocacional; estando formados ámbolos dous por psicólogos e pedagogos, e sendo o últimos (SOEV) de carácter provincial. O asesoramento que proporcionan estes servizos actúa nos diferentes compoñentes da comunidades escolar como son a familia, o alumno/a, o profesorado, o centro, o contexto no que está inmerso, partindo deles para solucionar as complicacións que aparezan. O tipo de asesoramento que se ofrece será un medio mediante o cal, se resolvan, se satisfagan as necesidades de cada realidade concreta; sendo sempre de carácter preventivo e tento optimizar os recursos xa existentes (enfoque educacional – constructivo). Dende esta perspectiva, aparece o rol de asesor que desempeña o psicopedagogo/a, estando enmarcado dentro do modelo de asesoramento de colaboración.

             Dentro do modelo de colaboración, o asesor/colaborador desempeña as súas funcións como xeralista, centrándose en axudar e apoiar ao profesorado para comprender e resolver os problemas que aparezan, tendo en conta todo o contexto no que se desenvolve para mellorar, implicando ó propio diagnosticando no proceso de intervención, é dicir, os asesores traballan cos centros para que comprendan os seus problemas e poidan tomar decisións solucionando por eles mesmos, en futuras ocasións, os seus propios contratempos. O apoio pode verse como colaborativo (o exposto anteriormente) ou como unha intervención na que o asesor diagnostica as necesidades de cada centro); e, ademais do rol de asesor como xeralista (asociado o papel colaborativo), tamén pode adoptar o rol de especialista (experto en contidos). Por último dicir que, cando o axente forma parte da estrutura formal do centro falamos de apoio interno e, cando está localizado fóra dela, apoio externo; ámbalas dúas posición teñen vantaxes e inconvenientes, polo que, deféndese que, o ideal sería a complementariedade entre ambos apoios, complementándose entre si para alcanzar o éxito e mellorar a calidade da educación.

         Ademais do asesoramento no ámbito formal, tamén podemos falar do asesoramento no ámbito non formal, servindo de oportunidade para moitas persoas, ofrecéndolles un asesoramento  dende os servizos sociais, apoio externo, e de servizos privados, apoio interno; tendo o asesor/a varias liñas de intervención, tanto interna como externa.

           Dende as materias nas que nos impartiron coñecementos sobre o asesoramento tomou sempre gran importancia o enfoque educacional – constructivo, o cal está baseado na concepción epistemolóxica do constructivismo, caracterizado por un asesor con un perfil preventivo e colaborativo (tratado anteriormente), intervindo tanto a nivel curricular coma contextual.

            No curso actual, na materia de Orientación Profesional, tamén trataremos e profundizaremos sobre o asesoramento profesional, xa non só académico, abrindo así novos camiños, asesorar en todas as etapas da vida e en diversos campos da mesma. Polo que, agora penso que, asesorar é calquera tarefa de axuda, apoio ou guía a outra persoa ou grupo de persoas.

                        Con esta nova materia, espero ampliar estes coñecementos previos que posúo sobre o asesoramento; profundizando, perfeccionándoos e adquirindo outros novos, enriquecéndome para o meu futuro profesional, descubrindo estratexias e metodoloxías, que me encamiñen cara a execución dun apoio que resulte eficaz e que sexa levado a cabo de maneira colaborativa.

 

            Durante a elaboración desta tarefa, consultei os seguintes textos:

  • Ausubel, D.P., Novak, J.D. e Hanesian, H. (1983): Psicología educativa. Un punto de vista cognoscitivo. México: Trillas.
  • Babio, M. (1996). “El asesor psicopedagógico en el departamento de orientación de un centro escolar”. En C. Monero e I. Solé (Coord.) El asesoramiento psicopedagógico: una perspectiva profesional y constructivista. Madrid: Alianza. pp. 445 – 458
  • García Tobío, A. e Pardo, J.C. (1995): Informe sobre os departamentos de Orientación. Documento interno non publicado (páxinas 1-3, 26-51).
  • Monero, C. y Solé, I. (1996). “El modelo de asesoramiento educacional-constructivo: dimensiones críticas”. En C. Monero e I. Solé  (Coord.) El asesoramiento psicopedagógico: una perspectiva profesional y constructivista. Madrid: Alianza. pp. 15 – 32.
  • Solé, I. (1994): Asesoramiento, orientación y supervisión. Cueadernos de Pedagogía, núm 223.
  • Documento elaborado nas materias de Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica e Psicoloxía da Instrucción (membros do grupo de traballo: Rebeca Bascuas Moure, Uxía Casal Cruces, Elodie Dieguez Peón, Ana Graña Piñeiro, Carolina Mourelos Vidal)