Reiniciándonos en 3, 2, 1...

O pasado mércores 18 de setembro comezamos cunha andadura por unha nova materia do 4º curso do grado de Pedagoxía, “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”. Neste día a profesora da mesma, Mª Lourdes Montero, expúxonos a metodoloxía que ía impregnar o noso día a día na asignatura, intre no cal, dende a miña posición, lembrei acontecementos pasados, ó rememorar a materia cursada o ano pasado de “Tecnoloxía Educativa”.

            Unha vez dito isto, coido conveniente amosarvos o porque de tanta semellanza entre as materias. Aínda que as dúas conteñan contidos distintos entre si, relacionadas conxugan un coñecemento moi produtivo para o noso futuro profesional, en esencia, dende o meu modo de ver, formación e tecnoloxía, serán termos que empregaremos tanto teórica como practicamente nos próximos anos, sendo totalmente precisos para unha boa posta en práctica da labor que levemos a cabo.

            Desta maneira, considero relevante esclarecer estes conceptos. Así, segundo Flórez Ochoa e Vivas García (2007:167), entendemos por formación aquel “enriquecimiento que se produce desde el interior mismo del sujeto, como un despliegue libre y expresivo que se va forjando desde el interior, en el cultivo de la razón y de la sensibilidad. La formación es lo que queda, y los conocimientos, aprendizajes y habilidades son apenas medios para formarse como ser humano”.

            Neste sentido, como futuros formadores debemos ter en conta a importancia deste termo. Falamos de formación como un fin último, como un elemento construído polas propias persoas a través das aprendizaxes, os coñecementos e as reflexións internas que van desenvolvendo e adquirindo ó longo do tempo. Somos nós como formadores os que debemos iluminar o camiño polo que configuren esta formación, a nós non nos ocupa o traballo de reflexionar por eles, senón non estaríamos desenvolvendo aprendizaxes reais, senón dogmáticas, e é a partires destas aprendizaxes verdadeiras e a toma de constancia da realidade por parte destas persoas onde se constituirá unha boa formación.

            Flórez Ochoa (2005) propón diversas dimensións no concepto de formación (universalidade, autonomía, intelixencia e diversidade integrada). Resulta curioso que estas dimensións coincidan, a grandes rasgos, cos eixes principais polos que se vai configurar a materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, e que foron expostos pola profesora da materia:

                                                

image

 

            Tanto as dimensións da formación como os eixes que vertebran a nosa nova materia amosan, segundo o meu modo de ver, que aquela formación adquirida é producida a partires dun esforzo propio pola persoa por aprender autonomamente mediante unha autorregulación interna, no que nos autodeterminemos libre e conscientemente, sexamos quen de curiosear (nesta materia unha vez ido a clase, indagar sobre aqueles aspectos desenvoltos que nos chamaron a atención), comprender, adquirir, construír e reconstruír o coñecemento. Todo isto englobado no learning by doing de John Dewey, tal como comentábamos na sesión de clase, desenvolver a práctica, entender o coñecemento a partires da experiencia, non quedarnos só cunha mera teórica.

            En definitiva, considero que non é coincidencia, senón que todo parte dunha planificación previa desta materia, no que o relevante é darnos de conta do que supón formar, e en si mesma, da significación da formación para o ser humano. Esta materia supón primeiro, a nosa formación correcta mediante estes eixes fundamentais, conxugando en sentido estrito o significado de formación teórica e práctica, para que nun futuro coñezamos como poder nós mesmos axudar a formar a outras persoas, posuíndo como experiencia a desenvolta durante esta materia, desenvolvendo, por así dicilo, unha metaformación. Neste senso, tamén debo engadir que, termos como colaboración ou compartir, aínda que non se ven reflectidos nos eixos desta materia, implicitamente atopámolos no blog no cal desenvolvemos o noso quefacer nesta materia, xa que compartimos coñecementos cos nosos compañeiros, nutrímonos conxuntamente, colaboramos a través dos nosos comentarios noutras entradas participando e reflexionando de xeito mutuo, é aquí a universalidade como dimensión da formación.

 

                                                                             image

 

Doutra banda, segundo a páxina da Wikipedia, denomínase tecnoloxíaal conjunto de conocimientos técnicos, ordenados científicamente, que permiten diseñar y crear bienes y servicios que facilitan la adaptación al medio ambiente y satisfacer tanto las necesidades esenciales como los deseos de la humanidad”. Non nos interesa aquí o seu significado en sí, illado do ser humano ou da formación, senón o que implica para nós a conxunción de tecnoloxía e formación para o ser humano. O ser humano como ser social está continuamente cambiando, e polo tanto, tal como nos indica a sinxela definición de tecnoloxía ten que adaptarse. A tecnoloxía, hoxe por hoxe é un medio que favorece a adaptación ó medio ambiente e non quedando alonxados do mesmo, sen tecnoloxía non nos mergullamos de cheo na nosa sociedade, xa que actualmente é un compoñente moi relevante na nosa sociedade, preciso e moi útil, xa non concibimos a nosa existencia sen as novas tecnoloxías, está presente en todas as esferas da nosa vida. Feito polo cal, dende a miña maneira de pensar debemos formarnos en e para as tecnoloxías, non seremos bos formadores se descoñecemos o mundo das tecnoloxías, porque moitos profesionais que se desenvolven neste campo non poderemos ofrecerlles as claves precisas para mellorar e optimizarse, non poderíamos acceder a esta maioría de profesionais. Do mesmo modo que, se formamos profesionais sen valernos ou esquecéndonos das novas tecnoloxías, estaríamos a levar a cabo unha pésima formación, ó deixar a un lado un ámbito da realidade actual importantísimo nos nosos días. Así, que nesta materia traballemos nunha plataforma virtual obríganos a acudir ó contexto das novas tecnoloxías, a formarnos nelas, a renovarnos.

            O blog bríndanos a posibilidade de desenvolver un traballo totalmente autónomo, que implica un hábito de aprendizaxe, moi bo para o noso futuro profesional, xa que fai que indaguemos naquilo que nos interesa, aprendamos, reflexionemos sobre o mesmo, aprehendamos e nos formemos. Así que, pedagogos, continuemos con este quefacer nesta materia, con este quefacer no noso futuro profesional, con este quefacer en todos os ámbitos da nosa vida, con este quefacer na nosa vida.

 

 

Bibliografía e webgrafía

Flórez, R. (2005). Pedagogía del conocimiento. Bogotá: McGraw-Hill.

Flórez, R. e Vivas, M. (2007). La formación como principio y fin de la acción pedagógica. Revista Educación y Pedagogía, 47 (19), 165-173.

http://es.wikipedia.org/wiki/Tecnolog%C3%ADa [Páxina web da Wikipedia, consultada o día 25 de setembro de 2013]

http://movimientosrenovacionpedagogica.wikispaces.com/La+escuela+progresiva+y+la+pedagog%C3%ADa+de+Dewey (Consultada o día 24 de setembro de 2013)