Nova ferramenta de traballo

                Dende unha perspectiva constructivista, a aprendizaxe, concíbese como un proceso no cal, o que aprende constrúe os conceptos de acordo coa experiencia propia e a dos outros con quen comparte... o estudante ten a posibilidade de participar activamente na toma de decisión no seu propio proceso de aprendizaxe (Madrigal, 1993). O fin de dito modelo é crear un entorno que nos comprometa ós alumnos a elaborar o noso propio coñecemento. Na teoría de Vigotsky (constructivista) afirmase que o desenvolvemento dos procesos cognitivos é unha experiencia fortemente interactiva e social.

                Entre outras técnicas, é no desenvolvemento do porfolio, onde esta concepción de aprendizaxe vese perfectamente reflectida, na relación que se establece entre o docente e o estudante (activo), co fin de promover, apoiar e impulsar a aprendizaxe do mesmo. O uso desta ferramenta de traballo apoia, afianza e reconduce os coñecementos anteriores, dando sentido ós novos e decidindo cómo integralos cos conceptos previamente adquiridos. Con este método do porfolio preténdese englobar, potenciar e desenvolver non só contidos, se non tamén procedementos e actitudes o longo de todo o proceso formativo.

                O porfolio é unha representación creativa e orixinal sobre o proceso de aprendizaxe de cada un de nos.  Na clase do día 23 de setembro, a profesora mostrounos esta definición de porfolio: recopilación de evidencias (documentos diversos, viñetas, artículos, prensa, publicidade, programas, traballos, artigos, páxinas web, notas de campo, diarios, relatos...)consideradas de interese para ser gardados polos significados construídos con eles (Montero, 2002). Segundo Shulman, L. (1999), o porfolio didáctico é a historia documental estruturada nun conxunto, coidadosamente seleccionado, de desempeños que recibiron preparación ou titoría, e adoptan a forma de mostras de traballo dun estudante que so alcanza realización plena na escritura reflexiva, na deliberación e a conversación (Shulman, 1999 : 62 ). Para Colás, P. (2005), o porfolio é unha recollida de evidencias consideradas de interese para mostrar os niveis de logro alcanzados; sendo esta unha oportunidade para reflexionar sobre a nosa propia formación, sendo conscientes dos logros e dos déficits acadados. Dorian Barrow defíneo coma un arquivador de evidencias sobre os coñecementos dos alumnos, as súas habilidades, actitudes... que permiten avaliar o desempeño do alumno. Segundo Barbara Tobin, o porfolio é unha colección dos traballos do estudante seleccionados, analizados e ordenados polo estudante para identificar as súas destrezas reais, os seus progresos, para autoavaliarse e ver o grao con que alcanza as súas novas metas que necesita para o seu continuo crecemento, non se trata só de ensinar contido dunha materia, ó elaborar o portafolio ensínaselle o estudante a reflexionar sobre si mesmo, sobre a súa aprendizaxe e as súas necesidades (Tobin, 1994). 

                Os recollidos anteriormente son algúns dos moitos autores que definen esta ferramenta e de modos diferentes; pero en conxunto, podemos dicir que se trata dunha recollida intencionada de información xerada e elaborada polo estudante para demostrar o que aprendeu. Despois da lectura de algunhas das definición xa existentes, propoño que: “o porfolio é unha ferramenta de aprendizaxe encadrada no marco da aprendizaxe constructivista, na que o papel dos alumnos é activo, participando na construción do seu coñecemento, xa que, vai investigando reflexionando sobre as dúbidas que lle van xurdindo, recollendo así, unha serie de traballos para resolver ditas inquedanzas, e que, ao final do proceso seleccionará e ordenará, reflectindo a súa evolución persoal do proceso de ensinanza – aprendizaxe”.

               Con esta ferramenta de traballo outórgasenos, os alumnos, un rol protagonista, xa que ten un carácter aberto que nos permite decidir sobre que ideas afondar na materia, implicando así, un alto nivel de autodisciplina e responsabilidade no proceso, e aumentando en nos o pensamento crítico e reflexivo.

                No libro de Zaida Molina Bogantes (Planteamiento didáctico. Fundamentos, principios, estrategias y procedimientos para su desarrollo, páxina 119), aparecen algúns dos aspectos que caracterizan os porfolios, entre as que destaco:

  • É unha técnica flexible, pola variedade dos usos da mesma e pola capacidade de adecuarse os diferentes suxeitos
  • Estimula que o alumno comparta experiencias e resultados, empregando as súas propias estratexias e procesos.
  • Propicia a construción do coñecemento e das posibilidades de mostrar, en diversos momentos, o seu nivel cognitivo, persoal e social
  • Promove no alumno a creatividade, a autonomía, a capacidade de reflexión e de análise da súa propia práctica de aprendizaxe, para sustentar nela a retroalimentación e a búsqueda de novas metas.

              O formato do porfolio pode ser diverso, dende o papel (soporte impreso sendo este o mais tradicional) ata o online (soporte dixital). Nesta materia empregaremos soporte dixital, o porfolio electrónico, tamén denominado webfolio ou porfolio dixital,  que se pode dicir que “é unha colección de evidencias electrónicas creadas e xestionadas por un usuario da rede” [url:wikipedia: eportfolio]; ditas evidencias poder ser de formatos dixitais diversos como por exemplo textos, imaxes, vídeos, reflexións, comentarios, enlaces... García – Doval (2005, p.115) afirma que os portafolios electrónicos deben ir mais aló dunha mera función de recollida e asumir función de xestión da aprendizaxe.

               Mediante o emprego desta ferramenta electrónica irei: recopilando, seleccionando e articulando de maneira sistemática, os pasos, os logros que vaia acadando nesta materia afondando en temas do meu interese (fase 1),a continuación describirei, sistematizarei e contextualizarei todo o recollido na primeira fase (fase 2), para a continuación afondar, construír e valorar as evidencias recollidas (fase 3) e finalmente, para elaborar o porfolio replantearei, transformarei e emprenderei o fío condutor do historia do meu porfolio; favorecendo as habilidades sociais e o traballo cooperativo, traballando conxuntamente no proceso de construción do coñecemento entre todos. Polo tanto cada portfolio falará de cada un de nos, do noso traballo dentro e fora da aula, da nosa autoiniciativa, autoregulación, creatividade, en definitiva do noso propio proceso de aprendizaxe.

                Despois de mergullarme un pouco neste campo, podo dicir que foron varias as vantaxes que, sen traballar aínda nel, podo atoparlle a esta ferramenta de traballo. A principal é o papel activo que desempeñamos con esta ferramenta, sendo nos mesmo os que nos propoñamos as metas a alcanzar, situándonos no centro do proceso de ensino – aprendizaxe, desenvolvendo destrezas e habilidades, como poden ser o análise crítico, a detección de problemas..., que nos levan mais lonxe que a simple memorización de conceptos e contidos da materia. Ademais esta ferramenta electrónica permite intercambiar información, problemas ou inquedanzas co resto de compañeiros e profesores. Como o porfolio é un instrumento de avaliación continua, que lle permite o profesor ver o progreso da aprendizaxe, ten as mesmas vantaxes que calquera outro instrumento de avaliación continua, entre eles destaco que se ten en conta todo o proceso non so o produto final.  Pero para min non todas son vantaxes, pois como xa dixen en entradas anteriores, non estou moi familiarizada con estas ferramentas (redes sociais), o que fai que, polo menos no meu caso, sexa algo moi novidoso e que consigo trae certa dificultade.

                 A continuación amoso un parágrafo do artigo da Revista Electrónica de Tecnoloxía Educativa (novembro 2009) titulado “El portfolio como estrategia de enseñanza y aprendizaje”(1): o estudante pode ir recopilando os resultados e as súas reflexión das distintas actividades que vai realizando durante o proceso de aprendizaxe, dando visibilidade e podendo obter unha retroalimentación de outros estudantes e docentes. Desta forma o eporfolio convertese en Zona de Construción da Aprendizaxe (O´Brien; en A. Jafari y C.Kaufman, 2006). Destaco este parágrafo polo gran asombro que esperta en min, xa que creo que a Zona de Construción da Aprendizaxe poida que sexa un termo paralelístico coa Zona de Desenvolvemento Próximo proposta por Vygotsky, entendendo esta última como a distancia no nivel real de desenvolvemento, determinado pola capacidade de resolver independentemente un problema, e o nivel de desenvolvemento potencial, determinado a través da resolución dun problema baixo a guía dun adulto ou en colaboración con outro compañeiro (Vigotsky, 1988, p. 133). Pois, no noso caso, o ir recollendo a información e reflexionando sobre ela, estamos resolvendo o problema para superar a distancia que nos separa do nivel de desenvolvemento potencial, pero non o resolvemos sos, xa que, como estamos inmersos nunha rede social, as aportacións que vaiamos facendo estarán retroalimentadas polos comentarios do resto dos compañeiros e da profesora.

                Rematar dicindo que, son consciente de que esta metodoloxía, o porfolio como ferramenta de traballo, é moi beneficiosa para min como alumna, pois está asentada na aprendizaxe significativa, per como nunca traballei con ela, a utilización desta técnica provoca en min curiosidade e o mesmo tempo confusión, inseguridade e incertidume; pois enfróntame a un reto, para min moi complexo, ambiguo e dificilmente abarcable, pero estou segura que moi enriquecedor. Actualmente atópome un pouco desorientada sobre a miña andaina nesta nova ferramenta, pero supoño que co paso do tempo e a dedicación esta sensación irá escapando de min.

                Recollo da clase do día 23 de setembro unha frase da profesora Lourdes, que será a guíe a miña andaina neste curso... Sen presa pero sen pausa

 

BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA EMPREGADA: