Que significa empowerment?

Na última sesión de clase traballamos sobre a práctica 1 co fin de comparar e poñer en común as respostas dadas polos diferentes grupos nesa tarefa. Durante o desenvolvemento da actividade saliu o concepto de empowerment, o cal, xa se citara na clase anterior. Por este motivo decidín indagar e investigar sobre este termo, co fin de coñecer qué significado se lle outorga dentro do ámbito do asesoramento.

Con relación a isto, en primeiro lugar debo recoller qué significa este termo. O concepto de empowerment tradúcese por potenciación ou empoderamento. Segundo Rappaport (1987) é un proceso mediante o cal as persoas, as organizacións ou as comunidades adquiren un dominio sobre os asuntos de interese que lle son propios.

Este concepto, nas súas orixes, estaba máis vinculado o ámbito empresarial e entendíase, como unha forma de delegar e confiar en todas as persoas dunha organización e conferirlles o sentimento de que son os donos do seu propio traballo esquecendo as estruturas piramidais, impersoais e onde a toma de decisións se facía só nos altos niveis da organización (http://www.gestiopolis.com/recursos4/docs/ger/empowerment.htm).

Pese a este vínculo co ámbito empresarial o termo de empowerment incorporouse con forza a outras disciplinas ou campos como ó médico, psicolóxico, educativo... De feito, segundo McWhriter (1998) pódese establecer un paralelismo entre o significado de empowerment no contexto da empresa e no contexto escolar, entendéndoo como unha institución que tende cara a calidade e a excelencia. Para a empresa o empowerment é unha estratexia de motivación no traballo que consiste na delegación ou trasmisión de maior capacidade de decisión ós empleados para que se sintan máis implicados nas actividades e nos obxectivos da empresa. Así, o centro debería implicar de forma máis activa os seus membros para que participen dos obxectivos do mesmo. Rodríguez Espinar (1998) defende este plantexamento con respecto á participación do alumnado nos centros educativos, a súa proposta é que cando se implica ós estudantes no funcionamento e trasformación dos mesmos, mellora tanto a súa cultura como a súa convivencia.

En definitiva, considero que se pode entender o concepto de empowerment como un principio de intervención, dende o cal o papel do asesor consistiría en dar unha maior formación e apoio emocional ó asesorado para que sexa capaz de tomar as súas propias decisións, dotando de autonomía, co fin de acabar coa dependencia do asesorado con respecto ó asesor, pois o fin último do asesoramento é que o asesor poida "desaparecer".