Primeiros pasos

Como continuar de novo con este tipo de aprendizaxe?, Como entender as novas variables que introduce esta materia?,…

Son moitas as cuestión que se me formulan e sen dúbida o temor e a incerteza ante como afrontar de novo un mecanismo de aprendizaxe como este bloquéanme nun primeiro momento. Mais despois dunhas cantas sesións desta materia, considero que chegou o momento de ver reflectido, neste E-portafolio os aprendizaxes ou as indagacións que me suscitan estes contidos.

Con todo, creo preciso facer unha reflexión previa sobre aqueles temas tratados en Tecnoloxía educativa, os cales sen dúbida se poden relacionar con esta nova andadura. Neste senso, coido vital rememorar aquelas pequenas conclusións que realicei sobre aspectos como o E-portafolio, as novas teorías do aprendizaxe ou a introdución de novas metodoloxías nas aulas, todo elo dentro dunha concepción crítica e reflexiva sobre a sociedade do coñecemento e as persoas que vivimos as súas consecuencias. Neste punto, impliqueime de xeito moi notable no análise de diversas metodoloxías docentes que tiñan en conta os presupostos conectivistas.

Ter en conta este análise previo é moi importante para entender dalgún xeito os mecanismos que seguirei na presente materia. Atendendo a isto considero vital rememorar a idea de John Cotton Dana Quen se atreve a ensinar nunca debe deixar de aprender” . Este suposto implica unha concepción da aprendizaxe ao longo da vida, da importancia de entender que nosa atopamos ante unha profesión que debe evolucionar cos tempos, que se debe adaptar a eles e que debe incidir nas melloras que estes ofertan. Pensar en clave de continuidade na formación dos profesionais considero que é vital para entender a presente materia.

Facendo fincapé, por tanto, na formación do profesorado é preciso incidir no que se entende por este concepto, pero non a partir dunha definición senón do que se instaura no capítulo III da Lei Orgánica de Educación (LOE) do 3 de maio de 2006 sobre a formación do profesorado.

A través de catro artigos recóllense unha serie de apartados que se enmarcan nunha idea clave a administración inflúe en todos os procesos. En primeiro lugar, achégasenos un punto clave na formación do profesorado, a formación inicial. Neste senso, entende a necesidade de ter unha titulación académica, as cales están reguladas pola administración, así como e non menos paradóxico a necesidade de ter “unha formación pedagóxica e didáctica que o goberno estableza para cada ensinanza” (art.100). Atendendo a isto inclúe noutro artigo a formación permanente, entendida como un dereito e unha obrigación de todo profesional. Neste punto sinala que será a administración a que facilite esta formación por medio de convenios ou outro tipo de actuacións. Con todo aínda que se insiste na importancia destes puntos, a realidade enmárcanos nunha situación complexa na que a formación e a planificación desta se debe máis a motivos políticos que á mera necesidade educativa. Mais, non quero redimir isto a unha simple opinión, senón que quero reflectir así mesmo a importancia e a necesidade duns programas de formación que atendan ás necesidades educativas que estamos a vivir e que dean resposta e posibiliten a calidade educativa a que tanto se aspira. Sendo preciso volver a insistir na importancia e no papel dos pedagogos nun proceso tan importante como o que estamos a tratar, sen deixar en mans de persoas doutros eidos a tarefa tan importante de realizar e establecer as bases da formación do profesorado.

Espero que con esta materia poida ampliar a miña concepción da formación do profesorado e como non, abrir un campo de reflexión e análise que nos axude a partir das nosas propias experiencias a ordenar e incidir no que queremos e no que se necesita para mellorar a formación do profesorado.

 

Webgrafía

LOE (2006). Recuperada o día 3 de outubro de 2013 de http://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2006-7899