PRÁCTICA 1: HISTORIAS PREVIAS (Parte 1)

Bárbara Márquez Vilela

Nuria Pazos Hermida

Silvia Piñeiro Suárez

Silvia Puga Castro


PRÁCTICA 1: HISTORIAS PREVIAS (Parte 1)

 

-Que pensades sobre o profesorado en función da experiencia previa como alumna de: Infantil, Primaria, Secundaria, Universidade?

 

Analizando as diferenzas do profesorado nas diferentes etapas educativas reparamos que unha característica a resaltar é a diferente formación que recibe o profesorado.

O profesorado de Infantil e Primaria fórmase nas facultades de educación e o profesorado de Secundaria fórmase en facultades da especialidade escollida. Neste segundo caso, para adquirir a formación para ser docentes acceden a través do que se coñecía como CAP (Certificado de Aptitude Pedagóxica) que tiña a duración dun ano, polo tanto os seus coñecementos de didáctica e pedagoxía son notoriamente máis reducidos. No caso do profesorado universitario, tamén comeza a súa formación nas facultades da especialidade pero debe de realizar estudos posteriores de doutoramento para impartir docencia.

 

Analizando máis detalladamente as nosas experiencias particulares como alumnas, chegamos ás seguintes conclusións:

 

En primeiro lugar, no tocante á proximidade, podemos dicir que o profesorado de infantil e primaria era máis achegado co de secundaria.

Un dos motivos polos que cremos que isto ocorre é pola continuidade do docente nun grupo, é dicir, este permanecía durante un ciclo escolar á vez que impartía a maioría das materias do grupo. Isto fai que ese docente se converta na persoa de referencia para as alumnas e alumnos, xa que é o titor do grupo e a persoa coa que comparten máis tempo nas aulas.

No caso de secundaria, cada materia é impartida por un profesor ou profesora diferente especializado na mesma, polo que en xeral, establécense relacións máis distantes e con menor frecuencia.

Neste senso, tamén consideramos que un aspecto a ter en conta sería a idade do alumnado durante estes períodos, xa que en infantil e primaria os rapaces e rapazas valorábamos máis positivamente a estancia na escola e a figura docente considerándoa dende unha visión máis familiar, porén en secundaria, a etapa evolutiva dos mozos e mozas establece que adopten unha actitude de certa rebeldía e pasividade amosando un certo desinterese.

 

No referente á metodoloxía, o alumnado en infantil e primaria é máis propenso a traballar en grupo e ten un papel máis activo na súa propia aprendizaxe.

Todo isto ven unido á maior flexibilidade na aula, as sesións non son tan pautadas como na secundaria, isto reflíctese por exemplo, nas saídas ao patio para realizar tarefas de observación e achegamento ao entorno en materias coma coñecemento do medio, entre outras. En cambio na educación secundaria, as actividades son máis individualizadas e están programadas polo profesor sendo o alumno un axente pasivo no seu proceso de aprendizaxe.

 

Outro aspecto a ter en conta é a vocación. En xeral as persoas que elixen estudar maxisterio teñen vocación docente, pero cando se trata de profesores e profesoras de especialidade non todas e todos chegan á docencia por motivación, e iso prexudica o traballo na aula, sen ter as habilidades, os coñecementos e as actitudes didácticas necesarias. Polo tanto valoramos que este feito inflúe de forma directa no seu traballo e na nosa percepción acerca da súa labor.

 

Para finalizar, no referente ao profesorado da Universidade, dicir que tamén tivemos docentes moi diferentes pero foi na etapa académica que traballamos máis con metodoloxía activa, en grupo e participativa tras a implantación do novo plan de estudos no que estamos inmersos.     

Aínda así cabe sinalar que non é positivo xeneralizar por etapas educativas, xa que ao longo da nosa andaina escolar tivemos profesorado moi diferente e con metodoloxías contrarias, iso depende da vocación e das habilidades de cada un.