• Blogs
  • silvia
  • Unha mirada cara ao profesorado das distintas etapas educativas

Unha mirada cara ao profesorado das distintas etapas educativas

O pasado curso comezaba o meu proceso de aprendizaxe na rede social Stellae a través da materia de Tecnoloxía Educativa, na cal tiven a oportunidade de indagar e reflexionar sobre diversos temas de gran interese para a miña formación como pedagoga. Agora, retomo a miña actividade no blog a través da materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado, na cal reflexionarei sobre diversos aspectos que teñen un papel relevante na función dos docentes.

Para iniciar a miña andaina na materia, gustaríame comezar facendo referencia á distinta formación que reciben os profesores en función do nivel académico no cal van a impartir docencia. Así pois, os mestres de infantil e primaria fórmanse nas facultades de ciencias da educación, nas cales adquiren coñecementos específicos de pedagoxía e didáctica, mentres que os profesores de secundaria e bacharelato reciben unha formación específica nun área concreta de coñecemento, recibindo despois unha deficiente formación complementaria de didáctica. Así pois, esta diferencia na formación inicial de mestres e profesores de secundaria establece o modo en que ditos profesores se van a relacionar cos seus alumnos.

A continuación, vou explicar como foi a miña experiencia cos distintos docentes que me deron clase ao longo das distintas etapas educativas. 

A educación infantil curseina na gardaría “Sonrisas e Lágrimas” da Illa de Arousa. Os tres anos que estiven na gardaría tiven unha mestra á que lle tiña un cariño especial, xa que sempre nos trataba con amor e era como unha nai para nós.

Aos 6 anos comecei a educación primaria no colexio CEIP Torre Illa, de titularidade pública. Sen embargo, nesta primeira etapa vivín situación diversas en relación aos docentes que me deron clase.

Así, en primeiro ano tiven unha docente cuxos métodos eran totalmente antipedagóxicos, chegando en algunhas ocasións á agresión física. Concretamente, no meu caso sempre me arrincaba a colaba e me tiraba do pelo, mentres que a outros compañeiros lles tiraba das orellas ou lles pegaba coa regra.

Considero que esta experiencia me marcou profundamente, pois con 6 anos non eramos conscientes do que estaba sucedendo, e ao principio tiñamos medo da reacción que puidera ter a mestra se lle dicíamos aos nosos país o que estaba ocorrendo.

Sen embargo, os nosos pais descubriron o que ocorría na aula con esta docente, e decidiron facer folga para que a Consellería determinara unha solución ao problema. Finalmente, optouse pola medida da xubilación anticipada para esta docente, mentres que a nós se nos asignou unha nova mestra que estivo con nós o resto do curso e tamén o último ano do primeiro ciclo.

Esta nova profesora era cariñosa e moi próxima a nós, polo que sempre a recordei con cariño.

Finalmente, dende o terceiro curso e ata 6 de primaria tiven sempre ao mesmo titor, un docente ao que considerábamos o noso amigo, pois sempre que tiñamos calquera problema recorríamos a el e sempre nos axudaba. Incluso despois de terminar no colexio, o seguía visitando, e continuaba compartindo con el como estaba sendo a miña experiencia no IES e posteriormente a miña elección universitaria.

Por outro lado, respecto da miña etapa educativa na educación secundaria obrigatoria, dicir que a cursei no IES da Illa de Arousa, e neste período considero que a relación cos docentes era máis distante, xa que tiñamos un docente distinto para cada unha das materias e polo tanto, a interacción cos mesmos era tamén máis fría. Aínda que é importante matizar que había outras variables como a personalidade do profesor así como a súa motivación na aula, factores que repercutían considerablemente na imaxe que nos creábamos de cada docente. Así pois, desta etapa educativa resalto o vínculo especial que se creou co meu profesor de tecnoloxía, pois este docente signifou moito para min, pois non so era o meu profesor, senón tamén o meu amigo, unha persoa na que confiaba e a quen lle contaba calquera problema ocorrido no instituto. Podería afirmar que foi un dos mellores profesores que tiven nunca, pois non se limitaba unicamente a impartir docencia, senón que a súa labor ía máis alá, interesándose polo que lle ocorría a cada un dos seus alumnos.

Sen embargo, ao igual que destaco favorablemente a actuación deste profesor, tamén tiven experiencias negativas con outros docentes, cuxo único obxectivo consistía en impartir un determinado contido, sen prestar excesiva atención a se os seus alumnos comprendían ou non a información que trataba de explicar.

Na miña etapa do bacharelato tiven tamén experiencias tanto positivas como negativas con distintos docentes que me deron clase. E igual que citei anteriormente, considero que os docentes que valoro positivamente son aqueles cuxa función non se limitaban unicamente a dar a súa materia, senón que se interesaban por coñecer os problemas dos seus alumnos.

Por último, citar a miña experiencia ao longo destes catro anos na universidade, concretamente na facultade de ciencias da educación. Nesta etapa chamoume a atención a actitude de moitos docentes, posto que a metodoloxía empregada nas súas clases era totalmente antipedagóxica. Este aspecto é curioso, posto que docentes coa titulación de pedagoxía son o máis antipedagóxico que existe. Sen embargo, tamén tiven profesores que me marcaron profundamente polas súas ideas, pola forma que tiñan de transmitir os contidos así como a maneira en que tiñan de acercarse a nós e de conseguir que as súas palabras tivesen un gran significado.

Despois de comentar a miña experiencia ao longo das distintas etapas da miña vida académica, considero que tiven docentes moi bos, que influíron dalgún modo ou maneira en que hoxe son actualmente e no modo que teño de ver e analizar a realidade. Tamén considero que a personalidade destes docentes era primordial na maneira en que se relacionaba con nós. 

Para rematar deixo unha imaxe que ten un gran significado, e máis concretamente, no contexto educativo. 

Quien se atreva a enseñar nunca debe dejar de aprender...