A mirada sobre o profesorado

A profesión docente ocupa no estado español un posto de inferioridade con respecto a outras profesións. Neste sentido a realización de folgas ou manifestacións a favor de melloras nas condicións laborais deste gremio non son aceptadas na súa totalidade pola sociedade.

No caso concreto da marea verde, podemos dicir que este apoio foi notable, sobre todo no caso dos pais. Este feito é destacable xa que a maioría das veces esta profesión é vista como “caprichosa”, é dicir, que ten moitas vacacións, que o seu traballo non é laborioso, así como non require planificación,ou un salario excesivo, entre outros moitos aspectos que desprestixian a docencia.

O que a sociedade non ve é todo o traballo que acarrea levar a cabo esta profesión. Entre preparación de clases, formación continua, desenvolvemento da docencia e traballo de avaliación entre outros, que implica a realización do traballo non só nas horas de clase, senón que se amplía fóra da xornada laboral. Todo isto que non se ve, provoca que no caso das Illas Baleares non se sexa consciente do esforzo que require engadir a esta lista o estudio do inglés así como a adaptación das materias aos novos requirimentos.

Unha das principais causas do problema que se está a producir é que as persoas que deciden o futuro da nosa educación non teñen nada que ver con esta rama de coñecemento. isto implica que as medidas tomadas na gran maioría dos casos non se poidan levar a cabo na práctica tan facilmente como eles formulan. Posto que non se ten en conta un punto vital na docencia, a necesidade de formación. 

A idea de que calquera profesor, cunha serie de coñecementos nunha materia, pode entrar nunha clase e impartila sen ningunha planificación esta moi lonxe da realidade. Debido a isto, o feito de coñecer unha materia ou ter unha destreza nunha lingua non implica que a docencia que impartas sexa positiva, posto que se necesita unha gran planificación e aptitudes. Ademais tense que ter en conta a situación do alumnado e a vontade do docente. No caso Balear, podemos dicir que non se coñece a formación que teñen os alumnos para poder recibir unha materia integramente en Inglés. Neste sentido, cabe indicar que nunha mesma clase, os alumnos poden ter distinto nivel de destreza no inglés o que implica que o profesorado deba ter en conta esta situación e adaptar a súa programación aos requirimentos do seu alumnado.

Entendemos que as persoas encargadas de idear o Decreto non son as máis axeitadas para o eido que se está abordando. Así mesmo os docentes carecen da formación necesaria en moitos casos e ademais non se lles permitiu poder adaptarse ao que se lles pide. Por outro lado, non se está tendo en conta en ningún momento aos alumnos, e sen dúbida eles teñen un papel primordial neste proceso. Por todo isto, consideramos que a implantación do TIL non foi a máis adecuada.